Entrevista a unha cantadora, Mercedes Peón
Lourdes Armesto
Luisa Muñoz


Introducción

Este traballo ten como obxectivo principal aplicar os coñecementos teóricos adquiridos no primeiro curso de canto do Conservatorio de Música Tradicional de Lalín. Como método eliximos entrevistar a unha gran cantadora galega, Mercedes Peón, coa fin de coñecer a súa aprendizaxe e algúns elementos esenciais da súa técnica vocal; todo isto a pesar da dificultade que estriba o querer abordar a totalidade da técnica desta muller no curto tempo dunha entrevista.

Este estudo divídese en varias seccións. Na primeira fase unha síntese teórica da voz humana e a súa emisión. Na segunda sección preséntase a biografía musical de Mercedes Peón. A terceira sección, que é o fundamental do traballo, consiste na entrevista centrada nos seguintes puntos básicos: formación e aprendizaxe, e técnica vocal. Nesta última parte técnica aplicamos os nosos coñecementos de técnica, enfatizando a posibilidade de chegar ao máximo rendimento co mínimo esforzo posible.


1. Fundamentos Teóricos. A voz humana. 

Hai unha cuarteta no Cancioneiro Popular Galego que di así:

“O cantar quer vir de gracia,
o bailar tense aprendere,
o que anda polo mundo
de todo ten que sabere”

A consella que se contén nestes catro versos da cultura popular pódenos dicir que para cantar é máis necesaria a espontaneidade, a iniciativa, como reveladora desa “gracia” que tería o seu cerne no bo oído, no sentido do ritmo e na boa voz.

A voz humana, como fenómeno sonoro físico, é un son complexo formado por unha frecuencia fundamental e un número varable de harmónicos,  que se produce basicamente pola vibración das cordas vocais.

O cantador/a -ou calquera outro músico- móvese inicialmente por intuicións, o mesmo para conseguir unha correcta emisión da voz -ésas voces naturais que tanto chaman a nosa atención- como para a expresión artística. Nada induce a unha persoa facer algo se non “intúe” a posibilidade de realizalo. Ninguén tende a cantar, se non escoitou cantar antes. Cantar debe responder a un desexo íntimo e sensible, un querer desde dentro.


A emisión da voz
Trátase da emisión óptima do son, para o que é preciso establecer un indispensable mecanismo de colocación bucal.

Para unha boa emisión da voz é imprescindible controlar a perfecta utilización da respiración, dividíndose esta en tres fases: inspiración, suxección, espiración. Facendo un pequeno resumo diremos:

Inspiración relaxada e fonda polo nariz, axudada pola boca nos casos que se precise utilizando os distintos tipos de respiración máis axeitadas ao caso. Unha das máis practicadas é a costo-diafragmático-abdominal (movemento natural de elevación das costelas e separación do arco costal, co conseguinte aumento da capacidade pulmonar en sentido transversal). Suxección do aire mediante os músculos (ventrais), creando tensión nesa zona e conseguinte relaxación na zona clavicular e do colo. Expiración, que é a posta en marcha da columna de aire, que coa súa presión sobre a glote e a simultánea orde cerebral darán lugar ao proceso vibrador. O ritmo respiratorio difire durante a fonación: a fonación, rápida e breve, e a duración da expiración depende da lonxitude e da expresividade da frase.

Despois de acadar unha correcta respiración cómpre dar os seguintes pasos: fonación, resonación e impostación. A fonación prodúcese cando o aire sae disposto a se converter en son no paso pola larinxe. A resonación dáse cando xa se produciu o son na larinxe. A columna do ar é xa un cúmulo de vibracións sonoras que, dependendo do seu número, que à súa vez depende do sector ou plano das cordas que entrou en funcionamento será máis grave ou máis agudo. En resumo, é o amplificador da voz. A impostación da voz consiste na procura da maior homoxeneidade posible da tesitura vocal “colocación da voz na caixa de resoancia adecuada a fin de que co mínimo esforzo se obteña o máximo rendemento fonatório”.


2. Biografía musical de Mercedes Peón

- Colaboracións con Mato Congrio.
- Colaboradora nos discos de Diplomáticos de Monte Alto e Xosé Manuel Budiño.
- Tamén colaborou con Carlos Núñez e Manu Chao.
- Participou en numerosos festivais de folque e música tradicional.
- Estivo 15 anos adicada tanto a recuperar a nosa música tradicional por toda a xeografía galega como ao ensino en diversas asociacións, escolas municipais, etc.
- Editou o coleccionable Raiceiras, que recolle parte do seu traballo de campo.
- Compuxo a banda sonora da serie “Mareas Vivas”.
- O seu último traballo discográfico é Isúe.
- Participou en moitos festivais autóctonos e foráneos: Ortigueira, Glasgow, Alemaña, Bierzo, Arxentina, Portugal, Madrid, etc.
- É directora do selo discográfico Discotrompo (adicado a promover o folque de Galicia).


3. Entrevista a Mercedes Peón.
Realizada en Betanzos o día 22/06/2001


Aprendizaxe

¿Cando comezache a cantar? ¿Influíu alguén da túa familia?

Si, o meu pai era de oficio camioneiro, pero tamén era moi bo cantador, tanto que sempre comía gratis a cambio de cantar. O meu irmán tamén cantaba. Cantabamos moito na casa, de unha habitación a outra.
 

¿Podes dicirnos como aprendeche? ¿Cales foron os teus inicios?

Coa familia, por suposto, e despois coas recollidas polos pobos e aldeas.
Cando empezamos, íamos moitas raparigas. Subidas ao cenario, nun primeiro momento fomos moi criticadas porque dicían que berrabamos e así. Logo o gaiteiro era a imaxe de instrumentista e músico galego. A tocadora nunca se lle considerou un músico, pero nen a nivel de grupos folclóricos nen nos lugares, porque o matriarcado galego é coma a dama no xadrez.

Nós estabamos moi convencidas do que faciamos. Eu en particular quedei abraiada cunhas tocadoras na aldea de Vimende que cantaban unha Ribeirana. Eu nunca tal cousa ouvira, a fala medieval, seseada, as vocais pechadas, eses eles...

A partir de aí comecei a recoller o que ouvía, e coa plataforma de Xacarandaina de un monte de xente ben segura do que estabamos a facer. Recollín cerca de 2000 cintas desde os 13 anos ata hoxe en día. Empecei a facer folclore “performance” a imitar tal cal aquilo que recolles. Vin que estas señoras modulaban, proxectaban moitísimo a voz e que eu, para facer o mesmo, precisaba usar os meus resonadores como os cantantes líricos.

Empecei a estudar técnica de xeito autodidacta, lendo e a partir das recollidas. A técnica é complicada, hai que ler moito. Eu estou agora coa técnica Alexandre, que é interesantísima; é para teatro. Polo que respeita  ás recollidas, eu gravaba en cinta, en vídeo e cantaba con elas. Era a voráxine de querer saber aquilo que non entendía e sentía de meu. Eu quería facer traballos comparativos zonais, contrastando vocalizacións, melodías...
 

¿Cómo vencellabasas recollidas co estudo da técnica vocal?

Este foi outro dos pasos. Segundo os lugares, tentaba reproducir a vocalización da zona. Eu estudaba como podía expresarme sen mancar a voz, que se me entendese o que digo vocalizando con diferentes vocais. Por exemplo, na zona de Tordoia cantan todo con vocalización de “i” e eu analizaba como imitar ese “i”.

A partir de aí, seguín estudando e pódese dicir que desenrolei unha técnica vocal paralela á nosa tradición e engadíndolle calquera elemento contemporáneo como pode ser un vibrato, etc.
 

¿Como conseguir que esta técnica non se perda e se transmita?

Eu impartín durante 15 anos aulas de canto con este tipo de técnica. As Cantareiras de Xiradela doron alunas miñas. En Xacarandaina formei moita escola. Como proxecto futuro, quero impartir aulas de percusión e de voz, pero non para formar pandereteiras, senón para que avance a técnica, pero sen perder o que nos caracteriza como voz étnica. Considero interesante desenrolar técnicas para non perder a nosa tradición musical vocal.
 

¿Que valoras como máis importante para ti: a aprendizaxe formal ou a informal?

Valoro as dúas cousas por igual. A min xa me gustaría ter estudos musicais desde que era ben pequena, xa que para facer composición é moi bo ter coñecemento académico.


Voz humana e técnica de Mercedes Peón

¿Que nos podes contar sobre a respiración para unha boa emisión da voz?

Comézase por facer respiración abdominal, logo pásase a entender cal é a torácica e a da espalda, e logo a facer todo conxuntamente.
 

¿Como fas os harmónicos?

Empecei a aprender cando imitaba o son do que recollía. Aí apréndese a usar os resonadores, a colocar a voz no padal, saber onde é que explota o son.
 

¿Que exercicios acosellarías para exercitar as resonancias?

Eu empezo con MiM e a nasalidade sen que haxa influencias tonais.
 

¿Que exercicios de impostación practicas?

Para modular coma nas aldeas hai que ir colocando a voz en distintos sitios do padal. Hai cousas que se poden facer nun momento, pero non todo o tempo. Por exemplo, eu emprego cuartos de tono nun momento, pero non sempre.
 

¿Cal é a posición correcta do corpo para colocar a voz?

O primordial é a posición. Saber colocar o corpo e o pescozo é importantísimo. Nunca se leva o pescozo cara adiante, porque entón o que fas é pechar a glote e a tráquea, estás a provocar que non saia ben o ar. Pola contra, se baixas moito o pescozo perdes moito ar. O mellor é telo vertical, mirando de frente. Ao principio, necesitas un profesor que esté a controlarte.

Eu fágoo nun espello porque non atopei ninguén que me puidese axudar. Son mil e unha cousas.
 

¿Que nos podes dicir da túa voz?

Eu dou catro escalas, entón, sempre me movo nos meus rexistros. Traballo moito a voz. Canto un mínimo de tres horas ao día. Teño un falsete que do máis grave ao máis alto sube catro octavas. Non o uso, non me interesa. Sempre canto na miña tonalidade.
 

¿Como pensas que se debe coller un canta (copla, alalá...) e despois de saber o ritmo e a entonación darlle unha interpretación, conseguir que chegue ao que escoita?

Sempre canto na miña tonalidade. É pura expresión. Cando subes a un cenario o que queres é expresarte. Entón tes uns recursos e é o que utilizas.

A conexión co público non sei moi ben como é. Eu son unha persoa modesta e agradecida, así que subo ao escenario espida, artisticamente falando, e iso sompre o nota o público, pero non o fago a propósito, é algo que é así. É certo que para conectar co público certa xente ten un pequeno don, non é algo que se aprenda.


Conclusión:

Aínda que é complicado tratar en profundidade os aspectos principais a ter en conta para levar a cabo un bo uso deste instrumento tan marabilloso como é a voz; entrevistar a Mercedes Peón foi unha grande experiencia. Consideramos que este pequeno exercicio complementa a nosa formación adquirida durante o curso, e é unha aplicación empírica do que fomos aprendendo ao longo do ano.

Este traballo aportounos elementos fundamentais para chegar a ser un bo cantador/a. O máis importante é ter unha grande paixón polo canto e tremendas ganas de aprender, ademais dunha vontade e constancia totais. Isto e moito máis é o que nos transmitiu a súa conversa, aínda que nos decatamos do longo camiño que temos por percorrer.


Bibliografía:

De Santiago, A. Voz e Canto, 1990, Santiago de Compostela.
Escudero, P. Educación de la Voz, 1982, Madrid.
Pereiro, P. Iniciación á linguaxe musical, 1995, Santiago de Compostela.
Quiñones, C. El cuidado de la voz. Ejercicios prácticos, 1997, Madrid.



CONSERVATORIO DE MUSICA TRADICIONAL E FOLQUE DE LALIN - 2003