VIII Festa da Marosa - Gozar co Saber do Povo
...na praia da Marosa (Burela) o sábado 15 de maio de 2004


Eis o programa:

O PAIASO TROMPO TOLO
Coma sempre, un ano máis, a asociación xuvenil Berbés considera oportuno sementar sorrisos entre os máis pequechos para acabar gozando co saber do povo. Nesta ocasión temos un convidado de luxo, Rodolfo Cruz, que chega dende as azuladas augas do mar que baña as terras cubanas. O humorista tras-oceánico segue a sementar pequenas nariciñas encarnadas alá por onde pasa, agasallando ilusión cos títeres e os zancos, facendo que o tempo se deteña ao carón dos sorrisos de futuro das nosas crianzas. Na Casa da Cultura de Burela, a partir das 16:00 horas.

OS ESTOUPA-CALDEIROS
Son a simboloxia práctica da festa e a diversión garantidas. Este grupo de amig@s fan medrar a ilusión polo achegamento natural á tradición, á música das baiucas, en definiva un expoñente claro da "música tabernaria". Tentarán garantir a continuidade da festa dende a carpa, por suposto o máis achegado posible ao bochinche. Voces, gaitas, percusión, violín e acordeón son o cóctel perfecto para a benvida sonora dos estoupa-caldeiros.

RUOTE
O grupo con música para todo tipo de público. Interpretan fielmente as melodías que recolleron por todo o país. O seu repertorio está composto por esas pezas musicais que conseguen facerse permanentes, porque son transmitidas espontaneamente entre vellos e novos. Uns cantarán con eles aquela canción que aprenderon de nenos; outros escoitarán no escenario unha peza que xa tiñan ouvido dos labios familiares.

Son os de Ruote, que recuperan patrimonio etnográfico desde 1991 e que en 1996 decidiron constituír tamén un grupo musical para interpertar ese tesouro.

Todo isto á beiriña do Mar. Na Marosa.

MERCEDES PEÓN
ALMA DE VIDA
LIBERA A FORZA DOS SENTIMENTOS
QUE ENSALZAN O MEU ESPÍRITO

Estas son as palabras coas que nos recibe a artista nada máis abrir a cuidadísima caixa do seu primeiro disco.
Unha muller que se manifesta orgullosa e agradecida:
"Desde o meu corazón, sinto un enorme agradecemento. Por todo o que recibín: sabedoría dun pobo, amor dunha familia, amizade de moitos de vós".

Así é Mercedes Peón, a artista galega que impactou en toda Europa coa música de ISUÉ (mellor disco do ano nas listas da Folkworld; Top Dez en songline; Artista Revelación na TVG e considerada a segunda Mellor Artista de Europa pola BBC).

Agora preséntanos AJRÚ, un disco máis rítmico, con maiores sonoridades que o anterior. Mais, que ninguén se engane: Mercedes Peón chega á Marosa coa mesma vitalidade de sempre... e con ela virá unha banda impresionante, por non decir de luxo que nos deleitará con un espectáculo grandioso.

A MATRACA PERVERSA
O público da Marosa leva varios anos dando mostra de grande capacidade de resistencia. Quen non lembra a intensidade do fin-de-festa cos Diplomáticos? E cos de Lamatumbá ou o Jarbanzo Negro? Coa madrugada chega o momento da entrega total. A mocidade vibra ao son dos mellores músicos do país. E este ano non vai ser menos. Iso foi o que nos prometeron uns mozos da Estrada e de Santiago aos que lles deu por montar un grupo de nome rechamante: Matraca Perversa.

A matraca ou carraca fará xirar os pés das bailadoras e bailadores que de seguro estarán impacientes de abordar os ritmos rápidos ao tempo que saborean as participativas letras.

A QUEIMADA
Xa van alá oito anos de purificación etílica, o primeiro gran queimador da festa da Marosa e polo tanto queimador de honra Nando Blas deu paso a outros conxuros como o das terras de Bretoña (do noso benquerido Lugnasad), para voltar ás terras de Cervo con Xosé Vicente. Este último queimador, gran amante do teatro e a cultura en xeral, será o encargado este ano da chama da apreciada queimada da Marosa.

Cen litros de líquido elemento encheran as cuncas en barro de Buño para berrar en conxunto, LUME!!!

A RE-FESTA
A parte máis improvisada da noite; cando parece que todo remata é cando comeza a verdadeira festa. A catarse do salitre cantábrico interaccionando cos efluvios de festa fan que aparezan na carpa, mentres que os técnicos recollen o escenario, melodías de gaitas, pandeiretas, bombos, clarinetes. A xente do público sempre ven arranchada con algún elemento capaz de trasmitir emoción e polo tanto nunca é sabido a que hora remata a festa, o que vos podo garantir é que ver amencer na praia da Marosa é moito máis sinxelo do que un pensa. Simplemente tendes que deixar levarvos pola música para gozar co saber do povo.