“muito arte e un pouquiño de amor” Manuel Quiroga

Desde o equipo do CMTF queremos dizervos que depois destes 5 anos tamos orgullosos/as e contentos. E damoslle as grazas a toda a xente que colabora con nós sabendo que “outro mundo musical é posibel” e que o futuro da música galega faise todos os dias.

A Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque (CMTF) nace coa intención de cubrir un baleiro educativo: a producción e a divulgación cultural no mundo da música galega. Debido á gran repercusión que están a ter as músicas tradicionais, o equipo do CMTF entendeu que era preciso e de vital importancia para adquirir unha formación especializada a creación dun centro formativo onde se impartise, baixo unha marcada liña metodolóxica, unha docencia razoada, efectiva, coñecedora da tradición e dos camiños da creación, tanto para os adultos como para os cativos/as.

A asociación ten como local social actualmente o Auditorio Municipal de Lalín, situado na comarca do Deza e está traballando, en primeira instancia, para ela e para os núcleos de poboación próximos, aínda que tamén dirixe a súa oferta formativa a cidades como Compostela, Ourense, Pontevedra, Lugo ou Vigo. O alumnado ven desde Serra de Outes, Sarria, Santiago, de distintos puntos do pais. Así o centro é tamén un lugar de encontro activo, adaptado ás necesidades específicas do campo musical galego, cun carácter aberto e innovador, baixo unha aposta europeizante.

A Asociación Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín desenvolveu un plan de estudos creado desde o centro, coa intención de avanzar na normalización do ensino deste tipo de música. O programa de estudos que se imparte segue un currículo planificado que busca unha formación integral no alumnado, non só unha superación como instrumentista ou cantante, senón a aprehensión duns valores e coñecementos básicos para coñecer, comprender e respectar a música de raíz.

Asemade, desenvolveu unha serie de actividades paralelas ao ensino, como foron: monográficos de formación permanente, o Ciclo de Músicas Tradicionais no Ano da Música de Pontevedra 2004, I e II Encontro de Acordeón Diatónico en Lalín e Bertamiráns, o 1º Congreso Galego de Antropoloxía Musical, excursións musicais, intercambios, etc… ou xunto coa USC o 1º Postgrado en Música Galega.

O coñecemento de novas técnicas musicais e artesanais, a constante reelaboración da música de raíz, a atención ás edicións discográficas, o estudo das teorías contemporáneas sobre música patrimonial, o traballo escénico, a estimulación do espírito crítico, a valorización do patrimonio inmaterial galego-portugués… son conceptos e camiños vixentes no traballo de produción da asociación.

A música galega ten conta cun amplo abano de posibilidades no eido comercial, educativo e artístico. A asociación do CMTF co apoio da súa comunidade web www.folque.com (mais de 300 visitas diarias) está a ser un referente importante para o coñecemento e o achegamento dos profesionais e do público interesado polas músicas de raíz do mundo.