Aulas prácticas do II Curso de Especialización en Música Tradicional Galega

Aulas practicas abertas co profesorado do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín.

O II Curso de Especialización en Música Tradicional Galega inicia este mércores, día 13, as “Aulas Prácticas” dedicadas á análise de diversos aspectos do tratamento da voz e os instrumentos na música popular galega. A profesora do Conservatorio de Música Tradicional Folque de Lalín Ugía Pedreira será a encargada de inaugurar estas aulas o mércores ás 16:00 horas na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi) cunha charla sobre a voz á que lle seguirá unha segunda sesión, a partir das 18:00 horas con Francisco Estevez (meste de percusión no CMTF).

Estas sesións, abertas ao público en xeral ata completar o aforo da sala, teñen como propósito dar a coñecer esta iniciativa da Universidade de Santiago e das institucións colaboradoras para promover a formación de etnomusicólogos especializados na música tradicional de Galicia.

A programación de Aulas Prácticas, que estarán impartidas por profesores do Conservatorio de Música Tradicional Folque de Lalín, continuará o mércores 20 de abril cos relatorios de Roberto Sala sobre requinta, e de Edelmiro Fernández sobre gaita. O conxunto de intervencións completarase o mércores 27 de abril con Oscar Fdez coa zanfona e Pedro Pascual sobre acordeón diatónico.

O II Curso de Especialización en Música Tradicional Galega está organizado pola Área de Música do Departamento de Historia da Arte da USC co patrocinio do Consello da Cultura Galega, a Dirección Xeral de Patrimonio, o Concello de Lalín e o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).