XV Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”

Bases:

1.- Poderán tomar parte todos os gaiteiros que o desexen. As gaitas poderán ser grileiras, redondas ou tumbais. A interpretación será sen acompañamento.


2.- REQUISITOS:

Os concursantes deberán enviar ao Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202. Ferrol):

  • 2.1.- Unha cinta de audio ou CD gravada coa peza Amodiño, de Xesús Vaamonde Manteiga, facendo constar na mesma o pseudónimo adoptado.
  • 2.2.- A partitura orixinal dunha peza inédita composta expresamente para este concurso e unha copia da partitura da peza tradicional ou de autor (cf. punto 7.1.).

3.- PLICAS.

  • 3.1.- Os concursantes deberán enviar a cinta
    gravada de audio ou o CD nun sobre pechado
    identificado co pseudónimo adoptado. Este sobre
    deberá incluírse noutro, co mesmo pseudónimo no
    exterior e acompañado da seguinte documentación:
    partituras -orixinal e tradicional-; os seus datos
    persoais: nome, apelidos, enderezo e teléfono.

  • 3.2.- A non cumprimentación dos anteriores
    requisitos é excluínte da selección para o
    concurso.

4.- As partituras ficarán en propiedade do Ateneo
Ferrolán.

5.- Co obxectivo de promocionar a participación da
Galicia do exterior créase un apartado específico,
dirixido aos gaiteiros das comunidades galegas da
emigración, chamado Gaiteiro de Soutelo*.

6.- Na final actuarán, como máximo, un total de
catorce gaiteiros repartidos do seguinte xeito:

  • Dez finalistas seleccionados polas gravacións
    presentadas directamente ao Ateneo Ferrolán, tal e
    como se contempla nestas bases.

  • Catro finalistas seleccionados segundo se
    especifica no Premio “Gaiteiro de Soutelo”.

  • Todos os finalistas vestirán obrigatoriamente o
    traxe tradicional galego, o cal será tido en conta
    por parte do xurado.

7.- A interpretación no concurso constará de:

  • 7.1.- Unha peza inédita, creada expresamente para
    a presente edición do Concurso Constantino Bellón,
    e mais unha peza tradicional ou de autor.

  • 7.2.- A interpretación de ambas as dúas pezas, no
    seu conxunto, non poderá sobrepasar a duración de
    5 minutos.

Todos os finalistas recibirán unha peza de
cerámica deseñada por Sargadelos, baseada nun óleo
de Luís Seoane, cedido expresamente pola súa viúva
Maruxa Seoane para este concurso, e un Diploma
acreditativo da súa participación no concurso.

8.- A dotación do premio será de 1.800 ¤ con dous
accésit de 600 ¤.

9.- Concurso de composición para Gaita Galega
Solista**.

10.- O xurado cualificador valorará o emprego de
xiros e técnicas propiamente galegos por parte dos
finalistas e a súa decisión será inapelable.

11.- Como remate do concurso, os finalistas
interpretarán conxuntamente a peza obrigatoria.
Para isto deberán traer unha gaita en Do, afinada
a 440 Hz.

12.- O Ateneo Ferrolán patrocinará unha gravación
do concurso coa edición do mesmo en formato de
disco compacto.

13.- O prazo de inscrición remata o martes 12 de
xullo de 2005.

14.- A final terá lugar na cidade de Ferrol o
día 31 de agosto de 2005.

15.- Aqueles casos non contemplados nestes artigos
serán decididos a criterio do xurado. A
participación no concurso implica a total
aceptación destas BASES.

* Gaiteiro de Soutelo
(Punto 5 das bases do Constantino Bellón)

  • 5.1.- Co gallo de promocionar a participación da
    Galicia do exterior no Concurso Constantino
    Bellón, a Consellería da Emigración convoca o
    Premio Gaiteiro de Soutelo.

  • 5.2.- Poderán participar todos os gaiteiros dos
    centros galegos ou institucións da Galicia do
    exterior.

  • 5.3.- Os concursantes deberán enviar á Consellería
    da Emigración:

  • 5.3.1.- Unha cinta de audio ou CD gravada coa peza
    Amodiño, de Xesús Vaamonde Manteiga, facendo
    constar na mesma o pseudónimo adoptado.

  • 5.3.2.- A partitura orixinal dunha peza de
    composición inédita, creada expresamente para este
    premio, así como copia doutra tradicional ou de
    autor.

  • 5.4.- PLICAS:
    Os concursantes enviarán a cinta de audio ou CD
    nun sobre pechado cun pseudónimo identificador.
    Conxuntamente, noutro sobre escrito por fóra co
    mesmo pseudónimo, deberán facer constar os datos
    persoais do participante: nome e apelidos,
    enderezo, país de residencia e nome do centro ou
    institución galega pola cal se presenta. No mesmo
    deberán incluír o orixinal da partitura inédita
    presentada ao premio Gaiteiro de Soutelo e mais a
    copia da tradicional ou de autor.

  • 5.5.- PRAZO:
    O prazo de presentación remata o mércores día 30
    de xuño de 2005.

  • 5.6.-PREMIOS:
    Os premios Gaiteiro de Soutelo consistirán na
    asistencia e participación, cos gastos de
    desprazamento e estadía pagados, ao concurso
    Constantino Bellón, que organiza o Ateneo Ferrolán
    o 31 de agosto do 2005, na cidade de Ferrol
    (Galicia).

    Haberá catro premios.

** Concurso de composición para Gaita Galega
Solista, requisitos:
(Punto 9 das bases do Constantino Bellón)

  • 9.1.- Poderán tomar parte todos os compositores
    que o desexen.

  • 9.2.- É obxecto deste concurso premiar a mellor
    partitura escrita para Gaita Galega Solista con ou
    sen orquestra ou conxunto instrumental.

  • 9.3.- A composición ten que ser inédita, non ter
    sido estreada nin ter sido premiada anteriormente
    en ningún outro concurso, nin ter sido obxecto de
    ningún encargo previo. Terá unha duración mínima
    de, aproximadamente, 5 min. e máxima de 12 min.

  • 9.4.- Os traballos presentaranse manuscritos e en
    soporte informático, no enderezo do Ateneo
    Ferrolán.

  • 9.5.- Este traballo virá nun sobre pechado
    identificado co pseudónimo adoptado. Neste sobre
    deberá incluírse outro co mesmo pseudónimo no
    exterior e cos seguintes datos persoais no
    interior: nome, apelidos, enderezo e teléfono.

  • 9.6.- O prazo de presentación das partituras
    rematará o día 28 de xuño de 2005.

  • 9.7.- A dotación do premio será de 1.200 ¤.
  • 9.8.- O premio poderá ser declarado deserto.

[+ info: http://www.ferrol-concello.es/venaferrol/lecer/prog/bellon.html]
[+ info: http://www.arrakis.es/~jpresedo/bellon02.htm]

Documento WORD Bases CONSTANTINO BELLÓN 2005