Lenda extraida do “Leabhar Ghabhala” (libro das conquistas de Irlanda)

A esperanza celta, manifestada en lendas de circia siñificación poética, é un símbolo vivente de nosa nacionalidade e amosa unha indómita confianza nos nosos destiños.

Alfonso Daniel R. Castelao

Di a lenda que Brath, fillo de Death, tivo un fillo chamado Breogán. Foi criado ata o intre en que poido levar armas. Despois de certo tempo, Brath morreu e Breogán ocupou o principado. Moitas disputas e desacordos orixináronse entre as diferentes tribus que habitaban Galicia polo que houbo moitas loitas entre eles. Nembargantes, foi Breogán cos seus soldados e xente os que lograron a victoria en cada batalla. E deles foi o triunfo final porque o resto das tribus sometéronselle.

Posteriormente Breogán fundou unha cidade chamada Brigantia (a actual Coruña) e unha grande torre frente á cidade chamada Tor Breogén (quizais a torre de Hercules). Unha agradable e fermosa morada ademais de ser un inmellorable lugar de vixiancia. Breogán tivo dez fillos, os seus nomes eran Breg, Cuala, Cuaronge, Blenid, Fuad, Martbeme, Eble, Nar, Ith e Bile.

Ith, un dos fillos de Breogán, xove soñador, namorado do mar e da sua terra galaica, tiña o costume de subir todos os seráns até o máis alto da Tor Breogán. Dende alí o xove Ith contemplaba solpores e horizontes mariños e deixaba voar a sua imaxinación tras a rota das gaivotas e aves mariñas. Un serán de inverno, cando o sol empezaba a tinguir o ceo de cor vermello, a Ith pareceulle distinguir entre as brétemas lonxanas do mar a silueta dunha illa. Emocionado por esta visión baixou inmediatamente aos aposentos do pai para lle comunica-lo que vira pero ninguén lle deu creto ás suas palabras.

Estaban moi acostumados ás suas fantasías e aos seus ensoños persoais e intentaron facerlle esquencer o que segundo el vira desviando a súa atención noutros temas. Pero Ith non se deixou disuadir, estaba tan seguro de que o que vira era realmente terra e non unha nube no horizonte, que logrou convencer aos seus amigos para que lle axudasen a botar a súa embarcación de coiro ao mar e pór rumbo a esa enigmática illa. E así foi como, despois de varios días de navegación, Ith chegou até as costas de Eire e desembarcou nunha das praias do sul…

Lenda extraida do “Leabhar Ghabhala” (libro das conquistas de Irlanda) escrito no século XII por monxes irlandeses baseándose na riquísima tradición oral dese pais.