Ciclo musical no pub Dublín de A Coruña

Mercedes Peón inaugura un ciclo musical no pub Dublín.
Linho do cuco, Xochilmica, Talabarte e Luvas Verdes completan o cartel.

O pub coruñés Dublín vai organizar un ciclo musical durante os dous vindeiros meses, nos que programarán cinco actuacións no local.

A inauguración terá lugar mañá cun recital especial de Mercedes Peón, ás dez da noite, horario posto para todo o ciclo, no que interpretará pezas acompañada dun acordeonista nun formato escollido só para este concerto. Hai tempo que a artista coruñesa deixou de facer espectáculos baseados na tradición, cos que se deu a coñecer, e que agora só actúa xunto a súa banda. Será unha ocasión única para poder escoitala cun acompañamento sinxelo. Da tradición veñen os compoñentes de Linho do Cuco, que o 16 de maio presentarán as pezas da súa ópera prima.

O 31, os Talabarte ocuparán o escenario. Este trío está composto por músicos experimentados, como son Quim Farinha, violinista de Berrogüetto, Pedro Pascual, compoñente de Laio e Marful, e Kim García, abondo coñecido no eido do jazz e actual compoñente da banda de Susana Seivane.

Xochilmica virá cos temas que conforman o seu primeiro traballo discográfico, titulado 5 elementos. O seu concerto terá lugar o 14 de xuño. O 28 de maio pechan o ciclo, que pretende ter continuidade despois do verán, os Luvas Verdes, gañadores o ano pasado do certame para cuartetos de gaita, e que por esas datas esperan ter o seu debut discográfico no mercado.