QUINTETO TATI, unha ollada á escena portuguesa actual

Esta semana reábrese na sala NASA de Compostela o ciclo titulado Portugal&cía., unha aproximación por fóra dos tópicos á música, ao teatro e á danza que se están a facer agora mesmo en Portugal, co fin de obtermos unha visión máis real da creación contemporánea portuguesa.

O mércores 27 de abril, ás 21,30h., o Quinteto Tati presenta a súa reinvención de estilos tradicionais (valses, rumbas, fados…) feita desde a complexidade sonora do jazz e cunhas letras cheas de ironía e alto contido poético. Cancións como “Valsa quase antidepressiva”, “Rumba dos inadaptados (ou a morte do jovem contribuinte)”, “Fado qualquer” ou “Inventário marítimo”, onde se debuxa a paisaxe dunha Lisboa asulagada polo océano, son mostras dunha música que fala en voz alta e en portugués a xentes de todo o mundo.

O venres 29 e sábado 30, ás 22,0h., Útero Teatro poranos en contacto coas máis novas dramaturxias portuguesas. “Amor crú” é unha obra estreada no último Festival de Citemor, baixo un tunel da autovia que une Figueira da Foz e Coimbra. Unha historia sobre o amor feita para queimar preguntas, protagonizado por tres personaxes-mulleres que se asemellan ata confundirse, pero que teñen disitntas datas de caducidade inscritas nos seus corpos.