A candidatura do Patrimonio oral e inmaterial galego-portugués chega á UNESCO

Unha delegación de profesores de Galicia e do Norte de Portugal desprazáronse a París para entregar persoalmente na División do Patrimonio Inmaterial o dossier realizado da Candidatura do Patrimonio Oral e Inmaterial Galego-Portugués.

Acompañaron a esta representación, a embaixadora de Portugal dinate da Unesco, Dna. Ana Zacarías e o representante de España D. Miguel Arias, a quen se lle fixo entrega de unha versión da documentación en cadanseu idioma.

O acto de recepción estivo presidido polo Subdirector da División de Patrimonio Inmaterial, Mr. Yoshi Higushi, acompañado polo coordinador das candidaturas D. César Moreno. A representante de Portugal loubou o traballo realizado durante estes anos pola Asociación Ponte…nas ondas!, os centros educativos promotores e as escolas asociadas da Unesco e dixo que esta iniciativa era moi importante por vir dun ámbito tan fundamental como o da educación. O representante de España valorou que esta fose unha iniciativa que proviña da sociedade civil representada pola comunidade educativa de dúas comunidades con antigos vínculos culturais e afectivos. Manifestou que o goberno de España apoia esta candidatura xunto co goberno de Portugal.

Mr. Yoshi Higushi felicitou aos promotores polo excelente trabllo realizado e manifestou que as candidaturas multinacionais son moi importantes para a Unesco . D.César Moreno subliñou que o feito de desprezarse a París un grupo de persoas demostraba o entusiasmo que hai detrás deste proxecto.

A continuación, entrevistáronse coa coordinadora das Escolas Asociadas da rede da UNESCO, Dr. Sigrid Niedermayer, quen se mostrou moi satisfeita das escolas asociadas de España e Portugal por estar apoiando e participando desta candidatura. Así mesmo, indicou que a celebración en Santiago de Compostela no mes de xullo de 2005, do encontro anual das Escolas Asociadas de toda España, coincidindo co fallo da proclamación desta candidatura, podería ser unha feliz coincidencia.

Esta Comisión Promotora continúa empeñada en dinamizar a toda a sociedade, particularmente aos sectores vinculados con este patrimonio, con vistas á Proclamación de Xullo de 2005.