Cataláns en París

O meu colega Raul pasoume un par de entradas para o concerto de Lluis Llach (www.lluisllach.com) no Trianon de París. As entradas oficiais custaban 60¤. Chegamos eu e Prol a iso das 19h 30 (o concerto era as 20h) e non collía unha palleira na entrada da sala (unha discoteca antiga e moi bonita, con capacidade para unhas 800 persoas).

Atendeunos unha loquísima que se encargaba dos convites e que non daba feito. O asento era libre e a xente bulía dun lado a outro na procura da mellor perspectiva e audición. Escoitábase catalán por todas partes. Unha señora preguntounos polo baño en catalán. Outros falaban e rían entre eles en catalán tamén. Sentamos e ao noso redor todo o mundo falaba catalán. Ficamos pampos.

Manda carallo con estes cataláns. Non se cortan un pelo. Aquí no medio de París e veña a falar catalán sen reparo. E mira que teñen pinta de non currar nas porterías nin nas obras (xustamente). Todos modernísimos e con eses aires burgueses. Iso si, o bocata nunha man e a Cocacola noutra, non vaiamos facerlle gasto ao do bar. Pero alí estaban todos.

Agardamos un chisco, fixose escuro e apareceu o artista. O concerto estivo ben. Mellor do que eu pensaba. Este tipo de música, mellor en directo ca en disco. A min gustoume. A Prol tamén. Houbo moitos artistas convidados que eran os que enchían o cartel, sen por iso deslucir ao artista principal. Eran un recheo. Saían, tocaban unha peza, e marchaban. Llach quedaba.

O discurso moi bo. O tipo non se cortou un pelo en falar de política, de nacionalismo (que en Francia, coma no resto de Europa, é sinonimo de fascismo), do nacionalismo de resistencia e de esquerdas, de lingua (criticou o voto en contra de Francia na oficialización de linguas coma o galego ou o catalán na Union Europea), de sentimentos, da vida… Todo con moita clase, con moita dignidade.

A min e a Prol a comparación co concerto de Carlos Núñez no Bataclan de fai dous anos foinos inevitábel. O noso artista máis internacional comezou a velada dun 17 de maio de 2003 (nada menos) cun « Buenas noches » (non vaia ser que algun español non vaia entender) e a partir dai foi o mais politicamente correcto que se podería ser. Até omitiu calquera alusion ao tema da marea negra (daquela moi fresco nas mentes de todos), ignorando unha bandeira de NUNCA MAIS que lle ondeou diante do fuciño durante todo o concerto, até o último minuto. Asi nos loce !

Comentándolle o tema ao meu colega Raul púxome os puntos sobre as íes. Os cataláns non son o que parecen. Ademais dos convites que distribuíran moi estratexicamente (coma o que nos permitira asistir a nós), trescentos dos asistentes ao concerto viñan directamente de Cataluña, grazas a un concurso de Radio Barcelona no que regalaban unha entrada para o concerto de Lluis Llach en París, máis a viaxe en autobus, máis a noite de hotel. O orgullo patrio (ou matrio) xa o daba despois o « jolgorio » da excursión e da convivencia a trescentos durante dous días. Así calquera.

Se cadra, o pobre do Carlos Nuñez, pensei eu, o que necesitaria para unha maior presenza en galego no mundo, son trescentos galeg@s coa permanente recen feita e o bocadillo de tetilla con marmelo no bolso a aturuxarlle agarimosamente dende o público. Porque a unión dá a forza, sempre foi. De momento seica volve andar por París no mes de xuño. A ver…