Certificando o bo e o malo. Román Rodriguez. Edil de Cultura de Lalín.

Contestación do Edil Román Rodriguez (Concelleiro de Cultura, Lalín) á carta en Tribuna Libre do Faro de Vigo enviada polo Sr. Alberto Granja con respecto á Banda de Gaitas da Diputación.

CERTIFICANDO O BÓ E O MALO
Faro de Vigo. Deza. Xoves 19 de maio do 2005.
Román Rodriguez.

Ata non hai moito tempo- coitado de min por pensar que iso xa rematara- algúns pasaban o tempo emitindo certificados do que estaba ben ou mal. Uns dicíano da moralidade e dos nosos actos cotiáns, outros, sobre o ser ou non ser galegos; e outros máis, sobre o que lle viña ó conto. Pero vese que iso continúa e agora estamos diante dun novo certificado: o das gaitas.

E usándoas como bandeira pásase a certificar a cultura ou a ignorancia, o patrimonio ou a aberración, os/as que son parvos/as ou non e algúns certificados máis da Tribuna Libre titulada “Gaiteiros Escoceses”. Certamente alegrame que de vez en cando aqueles lobos con pel de ovella saquen a súa careta e deixen ver o auténtico “talante”. A palabras asinadas polo gaiteiro de Froitos do Deza e secretario do Naranxo (sen dúbida e neste caso, “gran e auténtico cerebro”) transmiten unha intolerancia e un desprezo cara o diferente preocupante e sen ningún tipo de pudor. Onde queda a interculturalidade? Onde aquelo das músicas do mundo? Onde o respecto ó que non é igual? Onde aquel espíritu celta que queda destrozado co “escoceses para Escocia” e que moito recorda ó xa célebre “yankees go home”. Onde, en definitiva o aceptar o que non nos gusta e non compartimos?

O insulto sen máis non soe ser un bo argumento para aqueles que queren defender as suas inquedanzas; eu sí as podo entender respectables ainda que non as comparta. E aínda que pedir o mesmo sexa case unha utopía da convivencia, non quero deixar de lembrar que “eses pobres ignorantes do Concello e do Patronato Cultural (outra cerfificación), son os mesmos que impulsamos e xestionamos todas aquelas entidades que, segundo o propio asinante certifica, si son dignas para ter apoio da Administración pública. Non se preocupe, xa que se vostedes son os auténticos defensores do auténtico, do patrimonio, da música tradicional e das esencias últimas da cultura, non teñen nada que temer. Todo o de fóra, como é malo, non será viable e caerá polo seu propio peso. E así só os “parvos” que certifica de novo, lle farán caso a estes escoceses, co que poderán vostedes seguir manténdose, con ledicia, nese caixón de cristal sen comunicación que defenden.

Eu non entendo, e non me avergoño, o absurdo. E por iso non entendo “ese enorme risco cultural ” que supón a guerra das gaitas. Neste país cabemos todos e da cooperación, do respeto, a asimilación ou o intercambio teñen xurdido grandes feitos que hoxe son orgullo de todos. Ou é que a muralla de Lugo, !!! feita polos invasores romanos!!! débemola enviar, certificada para Roma? As fronteiras mentais e culturais son xa do pasado.

Edil de Cultura de Lalín. Membro do Patronato.