Proposta desde a AGG á Deputación de Pontevedra

O luns 16 de maio solicitou-se entrevista co Presidente da Deputación de Pontevedra co obxecto de continuar as conversas sobre o convénio asinado entre a Deputación e a Asociación de Bandas de Gaitas y Percusión de la Provincia de Pontevedra.

A dia de hoxe non temos resposta do organismo público

O luns 23 de maio foi apresentado no Rexistro da Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra o documento que podedes descargar en formato pdf na seguinte ligazón:

PDF: Proposta de ESCOLA de MúSICA TRADICIONAL da provincia de PONTEVEDRA

Asi como, de novo, reiterar a solicitude de audiéncia co Presidente da Deputación de Pontevedra.

Unicamente sinalar unha gralla: no documento apresentado aparece que temos 7.000 (sete mil) sinaturas solicitando a paralización do convénio cando deberan aparecer 10.000 (dez mil) sinaturas!

A esta altura continuamos a agardar a que a Deputación de Pontevedra teña a ben recibir-nos para continuar as conversas, tal e como se comprometeron na primeira reunión que tivemos.

PROPOSTA DE ESCOLA DE MÚSICA TRADICIONAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Asociación de Gaiteiros Galegos
Pontevedra, a 16 de maio de 2005

ESCOLA DE MÚSICA TRADICIONAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
PROPOSTA REALIZADA POLA ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Recentemente a Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra asinou un convenio coa Asociación Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra. Á vista dos antecedentes, a Asociación de Gaiteiros Galegos solicitou unha entrevista co Presidente da Deputación de Pontevedra, sendo recibidos polo Vice-Presidente da mesma, D. José Juan Durán Hermida, con data 28 de abril de 2005.

Durante a entrevista, ademais de explicar os distintos problemas de fondo e forma detectados no antedito convenio, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG no que segue) explicou por que, desde o seu punto de vista, este convenio non é axeitado para a promoción e estudo da música tradicional (patrimonial) galega.

Atendendo ao requerimento do Vice-Presidente da Deputación de Pontevedra desde a Asociación de Gaiteiros Galegos elaborouse a proposta adxunta, onde cumpre ter en conta as seguintes consideracións:

    1. A AGG é unha asociación de músicos tradicionais, non unha Escola, nin un conservatorio.

    2. Non está entre os obxectivos da AGG montar estructuras educativas ás institucións públicas, aínda que si podamos facer recomendacións de persoas ou entidades que de xeito profesional poidan facer este traballo.

    3. A AGG, como refrexa o espírito e a letra dos seus Estatutos vixentes, debe defender a música tradicional galega, estando atentos aos movementos que haxa relacionados coa mesma.

    4. A AGG aplaude e felicita publicamente aquelas accións positivas encamiñadas a unha mellor comprensión da música tradicional. Ora ben, tamén critica as accións que, ao seu entender, poden ser perniciosas ou nocivas.

    5. A AGG debe, e asi fai, comunicar á sociedade o seu parecer respecto das actitudes das distintas administracións públicas coa música patrimonial.

    6. Debemos finalmente lembrar nestas consideracións que a AGG non foi consultada en primeira instancia pola Excelentísima Deputación de Pontevedra, senón que emprega a táctica de recibirmos para tentar calar ao importante número de grupos, colectivos e asociacións aos que dun xeito ou outro representamos.

Tendo en conta as premisas descritas, así como a situación actual da música tradicional na Provincia de Pontevedra, desde a Asociación de Gaiteiros Galegos realízase a seguinte proposta de estructura para un ensino óptimo da música tradicional. En calquera caso indicar que é condición imprescindible a paralización de xeito inmediato do convenio asinado coa Asociación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra polos reiterados problemas de forma e de fondo.

E insistir en que a postura de paralización non é un punto de vista unicamente compartido por esta Asociación. As máis de 7.000 sinaturas que foron recollidas durante os últimos días e que en breve serán presentadas no Rexistro da Deputación de Pontevedra son unicamente unha pequena mostra do grao de insatisfacción que xera o antedito convenio. Máis aínda, desde distintos colectivos encamiñados á promoción da cultura galega e individuos cunha longa traxectoria neste campo, véñense de publicar distintos artigos de opinión, solidamente fundados, nesta mesma liña de paralización inmediata do convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e a “Asociación de Bandas de Gaitas y Percusión de la Provincia de Pontevedra” (unha vez arranxado o primeiro defecto de forma detectado relativo ao nome da asociación beneficiaria do convenio).

PROPOSTA DE ESTRUCTURA:
É unha realidade constatada que na Provincia de Pontevedra o patrimonio inmaterial correspondente á música tradicional está vivo e goza de boa saúde. Isto é debido grazas en boa medida ao traballo de numerosas asociacións, colectivos e agrupacións.

A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) realiza a seguinte proposta para a continuidade do mesmo, onde a denominación xa indica con claridade as pretensións: Escola de Música Tradicional da Provincia de Pontevedra.

A estructura que se pretende pór en marcha é a seguinte:

  • Con sede en Pontevedra unha Escola de música tradicional onde se impartirán todos os instrumentos relacionados co folclore galego e, en particular, co da Provincia de Pontevedra. Concretamente, gaita galega (gaita de fol), percusión tradicional (tambor, bombo, pandeireta, tarrañolas, cunchas, pandeiro, …), zanfona, requinta, acordeón bisonoro ou diatónico, canto tradicional, violín, …. Ademais, coa intención de complementar a formación do alumnado, impartirase baile tradicional como nexo común a este tipo de representacións artísticas.
  • Fixarase unha sede fixa para monográficos especializados nas seguintes comarcas da provincia de Pontevedra: Baixo Miño, Condado, Deza, Salnés, Paradanta, Morrazo, Pontevedra, Terra de Montes, Vigo. O obxectivo é ofrecer formación complementaria, ao profesorado das asociacións da bisbarra, ao seu alumnado, así como a interesados en temas concretos música tradicional. A estructura proposta é a de impartir nove cursos de duración mensual, a rotar entre as nove comarcas da Escola de Música Tradicional da Provincia de Pontevedra, durante o curso académico (outubro-xuño). Esta proposta de ensino pretende conservar a rica diversidade existente mediante a colaboración co profesorado existente nas distintas asociacións, colectivos e grupos. Os profesores destes cursos monográficos, formarán o Claustro de Profesores que terá a súa sede na Escola de Pontevedra. Ademais, contarase con profesionais de recoñecido prestixio para colaboracións puntuais.
  • Como parte indispensable do presente proxecto considérase necesario apoiar economicamente desde a Deputación de Pontevedra a todos os grupos, colectivos e asociacións que están a traballar no ensino e difusión da música tradicional galega. Concretamente, o apoio económico estaría destinado para a dotación de instrumentos, axudas ao financiamento do profesorado, así como ampliación das fonotecas e bibliotecas.

Ademais do correspondente cadro de profesorado estable, cumpre engadir unha persoa encargada das tarefas de administración, quen ao igual que os profesores terá un contrato estable. Entre outras misións, tería que realizar os trámites correspondentes ás matrículas no mes de setembro e todos os trámites administrativos inherentes a un centro educativo destas dimensións.

Escola de música tradicional
Na Escola central de Pontevedra impartiranse clases dos principais instrumentos de música galega tradicional así como de linguaxe musical e historia da música tradicional. Na mesma estará ubicada a dirección e coordinación dos cursos monográficos indicados na sección correspondente. A tal fin, elixirase, democraticamente, un Director quen nomeará a un Xefe de Estudos para as tarefas de coordinación. Na Escola realizaranse os ensaios do grupo de música tradicional que representará á Escola e á Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra, integrado polos profesores da Escola Central así como unha representación dos mestres que impartan os cursos monográficos e dos mellores alumnos de cada promoción, que será tamén subvencionada desde a Deputación de Pontevedra.

Na Escola poderán recibir formación todas aquelas persoas que o soliciten, sempre e cando superen os 7 anos de idade, sen fixar ningún tipo de límite á idade máxima.

Durante o proceso formativo o alumno poderá asistir/atender a distintos niveis de coñecemento, divididos inicialmente en cinco cursos, enumerados correlativamente do primeiro ao quinto. A formación en cada un dos cursos non será unicamente de “coñecementos”, senón tamén de normas, destrezas e habilidades, tal e como se detalla na metodoloxía didáctica que se achega a esta proposta, que non pretende ser un compendio do que farán os mestres e unicamente unhas liñas xerais de actuación.

Cumpre tamén indicar que ademais dos profesores serán frecuentes e habituais os contactos coa xente que nos legou e está a legar a tradición, ben através de traballo de campo, ben como visitas dos propios músicos tradicionais á Escola. Do traballo de campo realizado realizarase unha escolma das entrevistas que será sometida a publicación en revistas científicas, coa supervisión do profesorado da Escola. A este nivel de visitas, indicar tamén diversas visitas a obradoiros de instrumentos tradicionais co obxecto de recibir, en primeira persoa, información relativa ao proceso de construcción dos distintos instrumentos.

Na Escola de Pontevedra, ademais de ofertar distintos instrumentos, será posible o estudo de Linguaxe Musical orientado á música tradicional galega. Impartido por profesionais do tema, o programa xenérico é o seguinte:

    1. Sistemas de notación musical estándar e específicos.
    2. Sistemas e notación versus transmisión oral.
    3. Ornamentacións propias e a súa transcrición.
    4. Tonalidades máis utilizadas.
    5. Introdución enfatizada aos ritmos propios.
    6. Prácticas progresivas de lectura a primeira vista.
    7. Exercicios de entonación.
    8. Prácticas de escritura manual.
    9. Medios modernos de notación musical.

Tamén dun xeito paralelo ao estudo dos distintos instrumentos, impartiranse aulas sobre historia da música tradicional, seguindo o seguinte esquema:

    1. Definición en comprensión do que é a tradición.
    2. Diferenzas entre popular e tradicional.
    3. A tradición musical dentro da cultura tradicional galega.
    4. Tradición e continuidade: problemas históricos específicos galegos.
    5. Recuperación de tradicións esquecidas.
    6. Etnomusicoloxía e traballos de campo.
    7. Literatura relativa á tradición galega.
    8. Globalización versus Tradición.

Impartiranse tanto clases teóricas para un maior número de alumnos (máximo 20 por grupo) canto clases prácticas para a aplicación dos conceptos (máximo 4 alumnos por grupo). Nun marco abstracto podemos indicar as seguintes ideas xerais para os distintos instrumentos a impartir (gaita, percusión, zanfona, acordeón, violín e canto), entendendo que algunhas das mesmas non son aplicables a todos os instrumentos:

Clases teóricas:
Nas mesmas introduciranse os conceptos e ideas fundamentais co obxecto de dar a formación teórica básica. Insistirase na exacta comprensión de cada noción.
Concretamente:

    1. Descrición e estudo do instrumento.
    2. Recursos e xeitos de interpretación.
    3. Enumeración do repertorio básico.
    4. Principais instrumentistas: estudo comparativo das técnicas empregadas.
    5. Repertorios zonais e recursos estilísticos propios.
    6. Peculiaridades da linguaxe musical aplicada ao instrumento.

Clases prácticas:
Nas clases prácticas mostrarase a aplicación dos distintos conceptos e nocións introducidos nas clases de teoría, para un mellor reforzamento na comprensión de cada un deles. Concretamente, caso de ser posible:

    1. Montaxe e desmontaxe do instrumento: partes do mesmo.
    2. Posta en funcionamento dos instrumentos. Principais problemas que se poden achar.
    3. Afinación e a súa problemática particular, con especial atención á voz.
    4. Nocións sobre pequenas reparacións no instrumento.
    5. Técnicas de execución.
    6. Exercicios modelo para coller soltura.
    7. Execución de distinto repertorio, clasificado por dificultade.

Orzamento da Escola:
A nivel orzamentario neste apartado sinalar os seguintes conceptos de gasto:

Gastos de profesorado:
7 profesores a tempo completo (gaita, percusión, zanfona, acordeón, violín, canto, linguaxe musical e historia da música tradicional). 18.000 euros anuais por profesor. Total: 126.000 euros.

Outros gastos anuais, sinalar os seguintes:
Persoa de Administración (a contratar pola Deputación): (estimado) 16.800 euros.
Conexión telefónica e internet: 750 euros.
Material funxible: 650 euros.
Outros gastos: 1.250 euros.
Visitas a obradoiros e visitas de músicos tradicionais: 6.000 euros.

Gastos correspondentes ao primeiro ano:
Material Informático: 3.000 euros.
Cadea de alta fidelidade: 1.000 euros.

Monográficos:
Para esta parte da proposta, suxírese a realización, un día á semana durante todo o curso académico, de distintos monográficos en temas relacionados coa música e folclore tradicional. Con sede fixa todo o curso e coordinados desde a sede central de Pontevedra, cada mes levarase a cabo un monográfico de xeito que en cada unha das distintas sedes localizadas na provincia sexa posible asistir a todos os cursos de cada ano académico (outubro-xuño).

Como xa se indicou, a proposta de temporalización é de cursos de un día á semana en cada localidade (podendo, evidentemente, ser en días de semana distintos en cada localidade). Cada xornada de curso estará dividida en dúas sesións de dúas horas: as dúas primeiras dun nivel básico e as segundas dun nivel máis avanzado. Sempre orientadas aos alumnos, profesorado e persoas interesadas na música tradicional, das distintas escolas da bisbarra correspondente, co obxecto de ofrecer formación complementaria.

Estes cursos monográficos, no caso da Escola de Lalín onde xa leva anos realizando un traballo moi interesante o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, serán coordinados co antedito Conservatorio. De igual xeito, os monográficos a impartir en Vigo serán coordinados coa Universidade Popular de Vigo.

Ademais, sinalar que nos casos en que sexa posible achegaranse aos cursos monográficos a persoas que axudaron a que o patrimonio inmaterial chegase e continúe a chegar aos nosos días. Sen ningún xénero de dúbidas a vivencia con estas persoas será fundamental para os alumnos en formación dentro da música tradicional. Nos casos en que non sexa posible contar cos protagonistas directos, realizaranse audicións para describir, analizar e contrastar as características que definen o suxeito a estudo.

    1. Estudo das percusións na Provincia de Pontevedra: Treboadas, tanto en bombo como en tambor. Técnica tradicionais de tambor (Celestino Carballa, Manuel González, …). Xeito de tocar o pandeiro na provincia de Pontevedra. Coñecemento e recoñecemento dos distintos xeitos de tocar pandeireta na provincia. Pequenas percusións e obxectos percusivos empregados na tradición musical (cunchas, tarrañolas, tixolas, …).

    2. Zanfona e cantos de cego: Técnicas elementais de zanfona (emprego de barbela dos rexelos ou de algodón, afinación, dixitación, …). Contraposición das técnicas tradicionais coas empregadas na vielle à roue francesa. Cantos de cego (orixe, funcionalidade, temáticas, romances clásicos, …). A zanfona na actualidade (bases para a divulgación do instrumento no novo século).

    3. Os ritmos bailables: Ritmos tradicionais (muiñeira, xota, maneo, ribeirana, …). Ritmos do século XX integrados na tradición (mazurca, valse, pasodoble, polca, rumba, …). Coñecemento e recoñecemento dos pasos fundamentais do baile tradicional galego e aplicación a cada un dos ritmos integrados na tradición. Diferenciación dos estilos nas distintas comarcas da provincia de Pontevedra.

    4. A voz: Canto tradicional: ornamentación e características propias (escalas, modos, …). Solista (alalá, cantos de berce, arrieiros, con gaita, …). A aparición dos coros na provincia de Pontevedra (Aires da Terra, Coro de Mondariz, …). A figura das pandeireteiras como parte fundamental do canto tradicional en Galiza. Os cantos do ciclo do ano (panxoliñas, xaneiras, reis, entroido, maios, …).

    5. Técnicas de execución de gaita na Provincia de Pontevedra: Toque aberto e toque pechado. Estudo comparativo dos distintos xeitos de pechado que existen na literatura así como os mais empregados na actualidade. Coñecemento e recoñecemento dos distintos estilos de cada unha das comarcas (Soutelo de Montes, Morenos, Campaneiros, Dezas, Ricardo Portela, Xan de Campañó, …). Coñecementos xerais relativos a presión e tempero; ergonomía do fol; corrección na postura; estiramentos e/ou quecementos musculares para evitar lesións.

    6. Instrumentos de vento (distintos da gaita de fol): Requinta e pífanos da comarca da Ulla (grupos de requinteiros, diferenciación coas frautas de madeira traveseira). Birimbao ou trompa (exemplos da provincia de Pontevedra e comparación cos instrumentos de outras áreas onde é maior a súa presenza). Outros aerófonos (gaitas de cana, rosca, centeo, …). Iniciación ao coñecemento básico deste tipo de instrumentos, coa realización práctica, se proceder, dalgún dos mesmos.

    7. Construcción de palletas e pallóns para gaita galega: As palletas tradicionais (comparativa das existentes no Museo de Pontevedra coas actuais). Partes fundamentais dos distintos elementos sonoros da gaita de fol. Proceso de elaboración dun pallón e feitura do mesmo. Proceso de elaboración dunha palleta e feitura da mesma. Análise comparativa dos pallóns de cana coas novas feituras que existen na actualidade.

    8. Afinación de palletas e pallóns de gaita galega: Selección correcta tanto de palletas canto de pallóns. Medidas estándar para as distintas tonalidades de gaita galega. Estudo comparativo das distintas tímbricas dos artesáns actuais. Técnicas de traballo da palleta e do pallón (cortar, raspar, enfiar, …).

    9. Novas tecnoloxías aplicadas á música tradicional: Notación musical coas novas tecnoloxías. Aproveitamento de programas cara o estudo de audio. Recursos dispoñibles na rede. Ferramentas electrónicas con aplicación na música tradicional.

Sinalar que a metodoloxía a empregar será similar á descrita na sección dedicada á Escola de música tradicional e adxunta á presente proposta. Ademais, tal e como xa foi posto de manifesto, cada sesión lectiva de catro horas estará dividida en dúas clases de dúas horas cada unha para poder atender, con dous niveis, tanto ao alumnado canto ao profesorado que nesas comarcas está a traballar no mundo da música tradicional. Finalmente, sinalar que a antedita proposta de cursos monográficos é unicamente para o primeiro curso académico, podendo variar os contidos dos mesmos coa intención de que sexan interesantes ao maior público posible, sempre respectando os obxectivos da Escola.

Na parte orzamentaria correspondente a esta sección cumpre facer unha división en gastos de profesorado e gastos de locomoción.

No primeiro apartado, sinalar que cada profesor impartirá 16 horas mensuais, de xeito que teriamos un total de 1.296 horas lectivas; pagando cada hora a 20 euros, o total para a parte de profesorado ascende a 25.920 euros.

Ademais, hai que ter en conta o importante gasto en locomoción a realizar por parte do profesorado para os distintos desprazamentos na provincia de Pontevedra. Estimando unha media de 70 quilómetros cada viaxe (contando ida e volta), a razón de 0,17 euros por quilómetro, teriamos un total de 428,4 euros por profesor.

Apoio económico ás asociacións, grupos e colectivos desde a Deputación de Pontevedra

como xa foi posto de manifesto en distintos puntos do presente proxecto, a música tradicional na provincia de Pontevedra está nun momento álxido de desenvolvemento e normalización.

As case 100 (cen) escolas onde se pode recibir unha formación completa e integral en música tradicional galega subsisten con escasos apoios das institucións públicas (aínda que demandados con reiterada frecuencia) e grandes esforzos das persoas que integran os colectivos.

A este nivel, o presente proxecto inclúe unha dotación orzamentaria media de 1.000 (mil) euros anuais para cada unha das escolas, tendo en conta que o total económico será repartido de forma alícuota tendo en conta o número de alumnos de cada unha das mesmas. Enténdese esta axuda como complemento ao gasto de profesorado.

Sen ningún xénero de dúbidas, este apoio da Deputación servirá para contribuír á normalización da nosa música tradicional, así como a asentar as bases das novas xeracións de músicos e investigadores.

Como parte complementaria, é necesario ampliar a dotación e fonográfica, como elemento fundamental para a transmisión de coñecementos. Concretamente, unha dotación de 600 euros anuais, tamén a repartir de xeito proporcional o total orzamentario tendo en conta o número de alumnos de cada unha das escolas.

Daquela, o total do orzamento para a presente sección do proxecto ascende a 160.000 euros.

Orzamento global:
Na seguinte táboa recollese o orzamento que foi xustificado en cada unha das distintas seccións que compoñen o presente proxecto. As cantidades corresponden ao orzamento anual previsto, ao que teriamos que engadir os gastos correspondentes ao primeiro ano que ascenden a 4.000 euros.

Actividade Orzamento
Escola Central (profesorado) 126.000,0 euros
Escola Central (Dirección e Xefatura de Estudos) 3.000,0 euros
Escola Central (outros gastos adicionais) 19.450,0 euros
Escola Central (traballo de campo, visitas de músicos e visitas
a obradoiros)
6.000,0 euros
Cursos monográficos (profesorado) 25.920,0 euros
Cursos monográficos (locomoción) 3.855,5 euros
Complemento Profesorado 100.000,0 euros
Biblioteca e Fonoteca 60.000,0 euros
Total: 348.225,5 euros

Nesta versión non aparece a metodoloxía didáctica que sí foi entregada na proposta realizada á Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra. Unicamente, engadir os seguintes obxectivos: Obxectivos da Escola de Música Tradicional Ademais, é fundamental contextualizar os métodos didácticos dentro dos obxectivos propostos para a Escola de Música Tradicional da Provincia de Pontevedra, a saber:

    1. Impartir unha formación actualizada no campo da Música Tradicional, cunha sólida base científica que permita o desenvolvemento do egresado da Escola en diversas funcións vencelladas ao Patrimonio Inmaterial.

    2. Proporcionar coñecementos sobre diversos temas que transmitan pautas de análise da dimensión social da súa actividade, de xeito que posibiliten a toma de decisións coherentes coas responsabilidades éticas e morais.

    3. Favorecer o desenvolvemento da personalidade dos estudantes, promovendo o traballo en equipo, o espírito crítico e a súa participación en actividades fóra da Escola.

    4. Transmitir aos estudantes a necesidade de manterse informados sobre a realidade diaria da Música Tradicional, ademais de continuar aprendendo e actualizando a súa formación.

    5. Dar unha perspectiva xeral do folclore.