O Festival Ortigueira 2005 preséntase oficialmente o 1 de xuño en Compostela

Quedan sete días para coñecer como será o Festival Ortigueira 2005.

A organización vén de fixar para o 1 de xuño en Compostela a presentación oficial do cartel anunciador deste ano, firmado polo deseñador Javier Mariscal, e o avance da programación de macroconcertos previstos para as 96 horas de música libre.



O Festival optou este ano por centralizar a súa campaña de difusión pública neste acto que terá lugar o vindeiro mércores a mediodía na sé da Fundación Caixa Galicia de Santiago. Nel desvelaranse algúns dos principais “ganchos” da XXI edición do certame folk : os cabezas de cartel dos concertos e o deseño do artista valencián que inundará as rúas de toda España para promocionar o Festival. Mariscal, sen dúbida o deseñador gráfico máis reputado do país, non faltará a esta cita, que estará presidida polos máximos responsables do Festival e de Caixa Galicia, o alcalde Antonio Campo e José Luis Méndez, respectivamente.

A organización elixiu Compostela como marco para a presentación este ano especial, marcado pola recente concesión ao Festival da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, por ser a cidade galega que mellor conxuga tradición e modernidade e configurarse como un auténtico punto de encontro de culturas moi en liña co espíritu do Festival.