DE MÚSICA. Opinión-crítica. Olga Nogueira.

De música

Un artigo de: Olga Nogueira. Publicado en Vieiros.
[27/05/2005]

“o humor permiteunos sobrevivir até converterse nun agudo trazo da nosa cultura”

“as propostas da Galiza contemporanea son tantas e tan boas que non teño tempo nin necesidade de ter saudade do pasado”

“non saen na tele, nin na radio, nen aparecen nas grandes festividades oficiais, nin cobran millóns polos seus concertos”


Empecemos metendo o dedo no furado do revival. Porque en Galiza estanse a facer moitas cousas, nunca demasiadas, pero non todas con cabeza. O humor permitiunos sobrevivir até converterse nun agudo trazo da nosa cultura, pero hai que saber usalo. Porque como diría o outro (ese grande filósofo!), hai quen ri do que pensa que xa non é, mais que, se callar, aínda segue sendo. E non falo a nivel individual. Para máis abondamento vid a agropopart, a VA-CA, os Aduaneiros Sem Fronteiras.

E no camiño deste revival atopamos tamén a música popular. A banda sonora das nosas vidas. O alimento da alma, e da ialma tamén. A nosa forma cultural máis desenvolvida (e mirai que me poño superlativa). E na música galega, eu non teño saudade de ti: non dá. As propostas musicais da Galiza contemporánea son tantas e tan boas que non teño tempo nin necesidade de ter saudade do pasado (como o pasado do que algúns teñen saudade non tiña no seu momento saudade do seu pasado). Como di a miña colega Ugia, “o pasado nom deve restar, deve sumar”.

E vou falar do presente porque o futuro xa esta aquí. Só cómpre andar atent@s. Atent@s ao Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, cerne da actividade teórica e práctica da música galega contemporánea. A propostas coma o Son Delas co mellor (nunca o único) da música feminina. Ao pé da letra, que puxo de relevo os textos (importantísimos!) das cancións dos artistas galegos de hoxe en día. Ollo a tod@s eles. E ao rock dos Samesugas. Ao hip-hop de Non Residentz. Ao ska de Skarnio. Á música electrónica de Humanoid. Aos entes artistas de Alg-a. E a tantas outras propostas, que podedes consultar no web e gozar en directo ao longo e ancho do país, e que non deixan lugar a dúbidas: temos de todo (e senão, não faz mal, sempre nos queda Portugal), só nos cómpre aprender a gozalo.

A cousa non é fácil: non saen na tele nin na radio, non aparecen nas grandes festividades oficiais, nin cobran millóns polos seus concertos. Non lles fan reportaxes nos xornais nin nas revistas especializadas (que nin sequera existen en galego). Son invisíbeis, pero estan aí, a carón de ti. Abre os oídos.