Manuel Dopazo, o creador da primeira banda de gaitas

O gaiteiro galego emigrou á Arxentina no ano 1902 e alí montou o grupo Los gaiteros de Vilaverde, considerada a primeira agrupación musical de gaiteiros coñecida.

Oscar Losada. A Coruña | La Opinión

Manuel Dopazo amosou a súa habelencia como gaiteiro desde cativo. Aos dez anos foi quen de obter un premio honorífico nun concurso de gaitas celebrado en Santiago, e dous anos máis tarde volveu presentarse ao mesmo certame, no que obtivo o primeiro premio. Tiña dezanove anos cando o avisaron de que o exército ía recrutalo e decidu liscar cara á Arxentina xunto á súa moza, xa que un irmán dela moraba en Bos Aires. Fixeron o traxecto como polisóns e deberon xogar ás agachadas, pero finalmente chegaron a porto e Dopazo comezou a traballar como lavapratos.

Afortunadamente o seu espírito e calidades artísticas non se ían perder e axiña contactou cun empresario que o contratou para actuar polo interior do país. Após certo tempo viu que el mesmo podía conseguir os concertos e decidiu prescindir do representante musical. No ano 1906 casou coa súa moza, Margarita Perfecta Collazo, e tivo con ela once fillos.

Dopazo, nado na aldea de Manduas pertencente ao concello de Silleda, logrou unha gran sona como solista e cando os seus fillos foron maiores acompañábano coa percusión.

Na década dos corenta montou o conxunto Los gaiteros de Vilaverde, que foi a primeira banda de gaitas da que se tivo noticia, tal como informa a detallada documentación recollida no disco Crónicas porteñas, que vén de editar a discográfica Ouvirmos na súa colección A tiracolo, unha referenza obrigada para todos aqueles interesados en coñecer gravacións históricas da música galega.

Dopazo é considerado como o máis importante gaiteiro da emigración e nunca lle faltaron as actuacións para poder amosar a súa arte repenicando a gaita. Entre as súas amizades salienta a que tivo con Castelao. O egrexio político e artista galego adicou estes versos ao músico: Dopazo, o día que volvamos á Galiza, iremos os dous diante de centos de gaiteiros, tocando a nosa gaita por todos os pobos da nosa Terra. Desgraciadamente isto non sucedeu, e os que se rodearon de gaitas en actos institucionais procuraron aquelas que mimetizan o estilo escocés.

A gaita de Dopazo deixouse escoitar en dous filmes arxentinos: Cándida (1939) e La calle junto a la luna (1951, onde tamén aparecía en pantalla nas secuencias nas que a acción se desenvolvía en ambiente festivo.

As gravacións recollidas en Crónicas porteñas proveñen de discos orxinalmente gravados a 78 r.p.m, un material co que cómpre ter moito coidado porque pode estropearse moi doadamente. Os temas incluídos no álbum pretenden dar unha boa medida do que foi a obra do gaiteiro, xa que non se sabe con total exactitude cantas obras interpretou ao longo da súa andaina musical. A meirande parte do repertorio escollido é galego, mais tamén se poden escoitar dúas obras asturianas e outras dúas que pertencen ao repertorio académico español. Os temas foron rexistrados entre o ano 1908 e a década dos corenta. Unha peculiaridade desta obra é o feito de que Dopazo non só toque a gaita, senón que cante nunha boa parte das pezas escolmadas. O de Silleda mesturaba o sopro da gaita co cantar de temas populares. Asemade deixou composicións propias á música galega.

——————————————————————————-
Ouvirmos ven de editar Crónicas Porteñas
un traballo recompilatorio de Manuel Dopazo recuperado desde os discos orixinais de 78 r.p.m.