TVG e RADIO GALEGA en folga

A historia de desencontros entre os cidadáns galegos e os medios públicos do país é longa, triste e coñecida.

Esixir a mellora das condicións laborais coma primeiro paso para conseguir uns medios públicos dignos que cumpran a función para que o foron creados.

Calquera pode imaxinar que as razóns deste esperpento no que se converteron os medios públicos galegos son variadas e complexas: o medo de case todos, a covardía de moitos, a vaidade dalgúns, as prebendas doutros tantos, a indecencia duns poucos e tamén, e non é a menos importante, a precariedade laboral.

Esta é unha información que probablemente vai ocupar pouco espazo nos
medios, a pesar de que ten que ver con eles, ou precisamente por iso, pero
que lles afecta directamente a máis de 800 persoas e, indirectamente, a case
tres millóns de cidadáns.

Onte, mércores 25 de maio, os traballadores da CRTVG fomos convocados polo
noso comité interempresas a un paro de catro horas (dúas na quenda da mañá,
de 12:30 a 14:30, e dúas na da tarde, de 18:30 a 20:30). Foi a primeira
xornada de folga dun calendario de mobilizacións que, se cómpre, se
prolongará durante a precampaña e a campaña electoral, para acabar na noite
do 19 de xuño.

Dúas razóns concretas: unha prioritaria e urxente, esixir o que chamamos
unha “ampliación de catálogo”, unha ampliacion nun número razoable do
plantel fixo de traballadores da TVG, a RG e a Compañía; outra que parece
máis frívola pero tamén é xusta, reivindicar unha suba salarial do 5% para
os traballadores fixos. A de fondo: esixir a mellora das condicións laborais
coma primeiro paso para conseguir uns medios públicos dignos que cumpran a
función para que o foron creados.

Un conflito laboral máis, diredes, nestes tempos difíciles de reconversión
xeral e permanente e de emigración xuvenil masiva. Se cadra egoistamente,
penso que aquí todos nos xogamos algo máis.

A historia de desencontros entre os cidadáns galegos e os medios públicos do
país é longa, triste e coñecida. Moitos alardean de non velos ou escoitalos,
e se por casualidade o fan, ven confirmados os seus prexuízos: uso
partidista dunha televisión e dunha radio que pagamos todos, ocultación e
maquillaxe da realidade, galego de Valladolid, haxiografías populares,
mixtificación da nosa identidade e da nosa cultura, folclorismo mal
entendido, mediocridade intelectual, o pantagruelismo como ideoloxía…; un
insulto ético e estético, vamos. (Creo de xustiza recordar que a RG e a TVG
tamén fixeron cousas de mérito, pero esa é outra historia para outra
ocasión.).

Houbo moitos episodios bochornosos nos últimos anos, pero o divorcio
escenificouse coma nunca durante a marea negra do Prestige, coa RG e a TVG
rendidas á versión oficial, mentres o fuel asolagaba a costa e as
conciencias. Nunca o desprezo e a carraxe contra os seus traballadores foi
maior nin máis xustificado: insultos a xornalistas e reporteiros gráficos,
berros de “televisión, manipulación” en cada manifestación, en cada vila
costeira. Cidadáns xustamente indignados e traballadores descorazonados e
avergonzados, admitindo a súa indignidade sen atreverse a suxerir que a ira
cidadá alcanzase tamén outras instancias aínda máis incompetentes.

Calquera pode imaxinar que as razóns deste esperpento no que se converteron os medios públicos galegos son variadas e complexas: o medo de case todos, a covardía de moitos, a vaidade dalgúns, as prebendas doutros tantos, a indecencia duns poucos e tamén, e non é a menos importante, a precariedade laboral.

Neste momento, aproximadamente o 33% dos profesionais da CRTVG traballan en
precario (unha porcentaxe que se duplica en departamentos coma a redacción
de informativos), mediante fórmulas diversas e imaxinativas: contratos
temporais e por obra que se encadean -ou non- mes a mes, día a día, durante
lustros, contratación a través de ETTs, contratos artísticos a xornalistas,
prácticas mal pagadas e bolsas que se eternizan… Ademais, externalizáronse
(subcontratándoos a produtoras “amigas”) case todos os programas de
entretemento e parte dos servizos informativos, o que non reduciu os custos
de produción pero si a nómina e a seguridade laboral dos traballadores.
Todos, os de dentro e os de fóra, convivimos diariamente coa censura e a
autocensura, coas faltas de respecto profesional e persoal, con ameazas
veladas e explícitas… En fin, non quero pintarnos coma vítimas nin
aburrirvos, pero non é difícil imaxinar as consecuencias que estas
condicións laborais producen na calidade e na honestidade da información que
se ofrece; non tedes máis que ver calquera telexornal.

Está por ver se a xornada de folga vai ter algunha incidencia visible na
programación. A empresa ten moitas tácticas -que van do inmoral ao ilegal-
para evitalo pero, máis alá diso, e a menos de un mes das eleccións, o que
máis dano pode facerlles é tamén o máis difícil, que isto se saiba alén de
San Marcos.

Todos temos que merecernos os medios públicos que queremos, nosoutros e
vosoutros. Así que só vos pido que fagades o que nós, con todos os nosos
medios, delegacións, cámaras web, reporteros dicharacheros e enviados
especiais a Mónaco e ao Vaticano, non podemos facer, contalo. Aos vosos
coñecidos, veciños, compañeiros, familias políticas, a todo o mundo
subterráneo do que non teño correo electrónico e, se o considerades
necesario, aos vosos lectores.

——————————-