A música de resistencia e de acción na Galiza contemporanea

Artigo de Olga Nogueira (Centro de Estudos Galegos en París).

Este texto foi lido no IX Forum for Iberian Studies. Striking Chords, Singing Texts: Contemporary Music in the Iberian Peninsula. St Catherine’s College, Oxford. 4-5 June 2004.

A música de resistencia e de acción na Galiza contemporánea
Olga Nogueira. Centro de Estudos Galegos de París.

A música é un dos aparellos privilexiados da identidade galega e unha das apostas máis importantes no seu conflito coa ideoloxía dominante. Ao longo desta exposición, presentamos unha proposta de achega á música galega de resistencia e de acción das últimas décadas agrupándoa arredor de tres eixos:

1. A resistencia fronte á estetica española dominante. A aposta por unha identidade galega diferenciada.

2. A denuncia dos problemas socio-económicos do país. A denuncia da colonización española e da imposición do capitalismo.

3. A resistencia feminina fronte á dominación masculina. A aparición dunha enunciación galega, feminina e comprometida.

Dito isto, cómpre aclarar que, se ben nun principio contabamos de facer un percorrido pola música de resistencia galega desde o ano 68 (ou sexa o movemento da Nova Canción Galega, NCG, ou da canción protesta) ata os nosos días, finalmente acordamos achegar a nosa presentación un pouco máis no tempo, comezándoa a partir dos anos 80 e até a actualidade. O motivo non é outro ca o de considerarmos que o novemento da NCG pode entenderse grosso modo no marco dos outros movementos peninsulares análogos (a canço catalana ou a vasca) aos que xa se achegan outros relatorios deste coloquio.

E a segunda cousa que me gustaría aclarar é que, se ben a idea xeral é falar da música de resistencia e de acción na Galiza contemporánea, e aínda que algunhas das reflexións introdutorias responden a ese ideal, o certo é que o córpus finalmente seleccionado corresponde a cancións con textos, isto é, a letras de cancións, como aparece no título deste encontro. Así pois, poderiamos retitular esta comunicación como «As cancións de resistencia e de acción na música galega contemporánea» tendo en conta que non achegamos ningunha referencia ao repertorio instrumental, non por iso menos resistente e activo.

Dito isto, e antes de comezar coa análise do repertorio, pensamos que cómpre citar, por obvios que parezan, dous factores fundamentais para entender o proceso de xestación da música galega:

1) O primeiro é que a cultura musical galega se crea dende unha sociedade política, económica e culturalmente dominada e minorizada, tanto dentro coma fóra do seu territorio, polo que o lugar desta música é o das contradiccións desa sociedade.

As reaccións de descoñecemento, menosprezo e minorización externas da música galega, así como da sociedade galega en xeral, dános a medida das relacións centro-periferia no sistema cultural español. Neste sentido, só o diálogo coas outras periferias do Estado, e con Euskadi en particular no momento musical do que nos ocupamos, son posíbeis. O diálogo con Portugal, no caso galego, é unha meca á que non todos peregrinan.

Mais como diciamos, na música galega a dominación non vén unicamente de fóra do territorio nacional galego. O secuestro e menosprezo a que as autoridades oficiais galegas levan sometidas a música dende a «era Fraga» é notábel en amplos sectores da sociedade: os medios de comunicación, as escolas de música das deputacións provinciais, as programacións culturais oficiais (especialmente nos anos Xacobeos), etc. A música galega é un exemplo máis da política cultural do Partido Popular que goberna en Galiza dende o ano 89 con maioría absoluta: unha política que confunde a identidade galega na española, que menospreza a cultura galega e xoga co poder político e coa precariedade económica do país:

– Bandas de gaitas non-galegas subvencionadas con cartos públicos galegos e «utilizadas» para actos políticos do partido no poder.

– Silenciación nos medios de comunicación dos produtos musicais autóctonos , cando non a censura de grupos, estilos, cancións e artistas.

– Programacións culturais oficiais (pagadas polo tanto, con orzamentos públicos galegos) que minorizan o lugar da música feita en Galiza, priorizando artistas vidos de fóra e situando a música galega nas marxes das programacións ou nunha posición de recheo ou de reposto.

Insistimos. A falta dun sistema cultural e nacional verdadeiramente autónomo marxinaliza os productos culturais galegos dobremente: dende fóra por parte do goberno central e dende dentro por parte do goberno autonómico. Trátannos de cultura B tanto dentro coma fóra, até o punto de que o cremos e actuamos coma tal.

2) O segundo factor a ter en conta no proceso de creación da música galega é a dominación económica. A consciencia de saber que non hai infraestructura, non hai distribución, non hai mercado, non hai programas televisivos ou radiofónicos «autónomos» nos que poder promocionarse, etc. sitúa aos artistas galegos nunha precariedade que afecta non só ás condicións de traballo senón forzosamente ás condicións de creación. Xa nos avisara Antón Figueroa fai anos dos efectos da diglosia sobre o texto, aplicables son moitas das súas conclusións ao texto musical tamén. Evidentemente, no caso da música coma no da lingua e o resto das manifestacións artísticas da cultura galega, só a defensa e promocion compensatoria do proceso de dominación exercido sobre ela dende fai séculos pode garantir a supervivencia e a inversión das tendencias que nos levan á confusión e a conseguinte desaparición.

Non é de estrañar, pois, que a ética e a estética de resistencia e de acción marque boa parte das producións do campo musical galego. Ética e estética de resistencia e de acción porque nunha situación colonial coma a da sociedade galega respecto da española, a instancia cultural está directamente determinada pola política, polo que a cultura ou é a dos colonizados ou a dos colonizadores. Ou sexa, que as manifestacions artísticas, ou son «revolucionarias» ou están automaticamente ao servizo da ideoloxía dominante (da Xunta ou do goberno central) e do capitalismo. E non hai posibilidade de termo medio, xa que non hai posibilidade dunha «autonomía» da esfera cultural en por si, aínda. A dureza das relacións sociais, a violencia da loita de clases aumentada pola da situación de colonización non deixa lugar para termos medios. Como diría Antón Reixa «ser galego non é suficiente, hai que ser de Sitio Distinto» .

Mais a ética e estética de resistencia e de acción que vimos de afirmar só é válida cando existe unha reflexión e un coñecemento previo sobre o material sobre o que se traballa: o que poderiamos denominar producións autónomas, que aseguren que o que se lle está devolvendo ao público é cultura galega e non un «espectáculo» do ser galego, un nós como cultura e non como espectáculo, e volvo citar ao mestre Figueroa.

Nun país no que se menospreza a cultura propia, o feito de tocar a gaita ou facer «música popular galega», aínda que sexa instrumental e sen un discurso explícito, pode parecer un acto de resistencia da estética propia, mais non todos o acaban sendo. En contextos coma o galego a música xoga un rol de militancia moito máis importante có de puro divertimento que, interesadamente, se lle prentende atribuír . Outra cousa é como se manifeste esta «militancia» e, nese sentido, o humor, a parodia, ou a «retranca» coa que está tan afeito a sobrevivir o pobo galego impregna tamén os textos musicais que veremos posteriormente e que non lle teñen nada que envexar aos intentos de burlar a censura durante a ditadura franquista .

Nesta militancia estético-política galega nos textos das cancións podemos distinguir dúas modalidades por veces mesturadas no mesmo tema: as cancions de resistencia e as cancions de acción. Ou sexa, as que se resisten ao modelo oficial pero sen propor explicitamente un modelo alternativo e as que si o propoñen. As que denuncian os modelos impostos e as que lle responden (aínda que sexa con preguntas) e propoñen modelos propios contra o que nos din que temos/podemos ser.

O córpus de temas que nós propomos para exemplificar todo isto é o seguinte: «Fai un sol de carallo» e «Sector Naval» (Os Resentidos, 1986), «Gaiteiro» (Os Diplomaticos de Monte Alto, 1995), «Plantemos herba» (Yellow Pixoliñas, 1996), «Tractorada» (Rastreros, 1996), «Farolas» (Psicofónica de Conxo, 2000) e «Um tres para tres ou Tris-trás» (Marful, 2003). Córpus sobre o que analizaremos brevemente os seguintes aspectos:

1. A resistencia fronte a estetica española dominante. A denuncia da colonización. A aposta por unha identidade galega diferenciada.

GALICIA CANÍBAL

Con isto da movida
Que movida
Haiche moito ye ye
Que de noite e de día
Usa jafas de sol

FAI UN SOL DE CARALLO
GALICIA CANIBAL

A matanza do porco
Mátallo carallo
A berra é un conxunto de berros
Dun poco cando o van matar
San Martiño oficial
De Monforte ao Nepal
O magosto para agosto
Safaris do porco
filloas de sangue
Galicia embutida
(�)

Os resentidos, Fai un sol de carallo, 1986

GAITEIRO

Estreliña do luciero,
Quen ten amores non durme
Máis que o sono primeiro

EU QUERO SER GAITEIRO!!!

Miña nai era mulata e meu pai un sachador,
Meu avó un tipo bravo dos que dín: revolución!!
Dos que din revolución, dos que berran polos bares:
Non temos medo, temos fame!!!

GAITEIRO, GAITEIRO
EU QUE SER, SER GAITEIRO

E ti moito te metes – e ti moito te das
Non sabes do teu pai – non sabes da túa nai
Ai ti! Repunantiño – sempre rindo a gracia
Moita ronchería – moita fata de ignorancia

Pucho boedo, gaiteiro!
Saúde bakunín, gaiteiro!
O zeca afonso, gaiteiro!
Gracias mamá, gaiteira!
Arsenio iglesias, gaiteiro!

Aló ven o gaiteiro, ai deixalo pasar
Ven tocando unha gaita, nós queremos bailar
Ei ven o gaiteiro, deixalo pasar
E venche tocando no chascarrachás
No chascarrachás, no chascarrachís
Aí ven o gaiteiro, deixalo vivir!

Os diplomáticos, Avante toda! 1995

FAROLAS

Vou pola cidade conducindo na furgalla, vou a modo camiño da casa, vou seguindo o ritmo do meu limpaparabrisas, chove, chove sobre mollado, xente paraugas, o mesmo de sempre, pero teño a sensacion de que hai algo diferente na paisaxe, hai algo raro, claro� son as bandeirolas penduradas das farolas coa cara do pirolas da television.

Farola� politico colgando
Farola� moito cara de cu

Que asco, estou nun atasco rodeado de caretos cun mostacho quinindios que me vixilan, son como unha peste, entran na furgalla polo retrovisor e chove, chove e isto non se move, debe ser por culpa dun remolque que vai dando propaganda, o que faltaba, merda, é a propaganda do pirolas das farolas, a ese habia que colgalo pero polos collons

Despois dunha hora cun tremendo cabreo chego a miña casa para facer o papeo, miro no buzon, non sabedes o que atopo, unha foto dedicada do mesmisimo camouco, cansado é pouco estou deseperado, teño que librarme deste tipo pesado, entro na cociña pero xa non teño fame, collo o xornal, intento relaxarme, en primeira plana sae a foto deste infame, estou paralizado, ando pola casa totalmente apirolado, sentome enfrente da television, non a acendo, teño medo de tocarlle o boton e que apareza ese bigote, ese bigote, o bigote do pirolas que hai colgado das farolas, un bigote que é a miña peor obsesion

Fecho portas e fiestras, metome na cama, intento durmir a ver se me pasa, miro se hai bigotes debaixo da almofada, podo estar tranquilo, aqui non hai nada, vou quedando roque e comezo a soñar un terrible pesadelo que me fai arrepiar, estou ante un espello nun estraño camarote, debaixo do nariz un tremendo bigote, ven unha azafata cunha folla de afeitar, achegaseme a orella e comeza a susurrar : unha toalliña refresacante, unha toalliña refrescante, unha toalliña refrescante, unha toalliña refrescante, que bonito panorama vexo desde o sanatorio, hai millons de bandeirolas penduradas das farolas.

Psicofónica de Conxo, 2000

2. A denuncia dos problemas económicos do país. A denuncia do progresivo desmantelamento dos sectores productivos da economía galega e da imposición do capitalismo na sociedade rural galega.

SECTOR NAVAL

mira, nena
son coma o sector naval
hei, hei, resistirei
mira, nena, ua!
son coma o sector naval, ua!
hei, hei, resistirei

Sector naval, campal
Reconvertido, reconvertido
De cu, de cu, imos de cu
Os do tirabolas somos todos
Baila a muiñeira e o charcarraschas
Chacurra, chacurra, chacurra
Sector naval, campal

Os Resentidos

PLANTEMOS HERBA

O leite que volve baixar,
A carne que é rubia de mais,
O viño axea e a augardente acabara
Declarada droga dura de consumo ilegal

Os pinos arden no verao
E as piras parecen sobrar
Os porcos tamen, por non se lavar
Reconvirtamos o sector,
Plantemos herba dabondo
Pero con denominacion

Os barcos non saen o mar
A terra os peixes sos non van
O progreso que chega ben podia marchar
Se non hai cartos
De que vale ter onde ilos gastar ?

Catro años e duas ovellas
Tiña na corte unha vella
Morreu un año e unha ovella
Cantos años e ovellas
Quedan na corte de pedra
Onde sempre en primavera
Hai carrachos nas orellas
De años e ovellas da vella ?

Yellow Pixoliñas, Non pises a herba !!!, 1996

TRATORADA

Ferro, barullo, caucho, remolques
Mil tractores baixan do monte
Pan, lacon e viño, paus e marras
Ferve o sangue, barricada agraria

Se non razoan levamos a Armando
Que armando unha boa van razoando
Sete chavellas, sete estadullos
Dalle no lombo, dalle nas ventas

Arde o ferro do motor
Eu Kubota ei Motransa
Fume negro do tractor
Galicia tomada pola tractorada

NON PASARAN, TRATORADA!
NON PASARAN, DALLE FERRO !
NON PASARAN, TRATORADA!
NON PASARAN

Co terceiro punto en alto

Dilles que se acheguen,
Dilles que discutan
Rodas de corenta lonas
Gasolina dalles lume

Un remolque cheo de pedras
E unha vella cun fouciño
Hai machadas, hai galletas
Corre o sangue polas veas

NON PASARAN�

E se non se pode vivir
Pola culpa do progreso
A proxima tractorada
Hache de ser no congreso

Fabricantes de iogures
Leite en polvo e desnatada
Din que hai demasiado leite
E agora chamanlle excedentes

Din que hai demasiado leito
E a algun macho xa lle ferve
Baixan as vacas doentes
Baixan ensinando os dentes

Arde o ferro do motor
Ei Kubota, ei Motransa
Fume negro de tractor
Galicia tomada pola tractorada

NON PASARAN…

Rastreros, Rastreros 1996

3. A resistencia feminina fronte a dominación masculina. As letras de mulleres. A estética feminina.

A sensibilidade cara a unha parte da sociedade que, aínda que maioritaria en número é escandalosamente minoritaria en presenza pública (no actual goberno galego dun total de 14 consellerías so dúas delas �Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e Asuntos sociais, emprego e relacións laborais- estan dirixidas por unha muller) malia o seu traballo e discurso estar presente na maioría das iniciativas de base da cultura galega.

UM TRES PRA TRES

Hai mulheres que lamem as latas coma gatas
hai mulheres cos pés na terra e o vento nas velas
hai mulheres valentes que ensinam os dentes
hai mulheres que cosem nas fabricas explotadas
hai mulheres que se pintam de caolim na costa de Marfim
hai mulheres que nom se pintam e nom pasa nada
hai mulheres pequenas, delgadas e caladas
hai mulheres redondas e altas, coloradas
Se non che chega este mundo faite astronauta.

Marful, 2004 (inedito)

——————————————————

1 Este texto foi lido no IX Forum for Iberian Studies. Striking Chords, Singing Texts: Contemporary Music in the Iberian Peninsula. St Catherine’s College, Oxford. 4-5 June 2004. Os meus máis sinceiros agradecementos aos organizadores deste encontro, e moi especialmente a Gabriel Rei Doval e a Rocío Martínez Espada.

Evidentemente o tema non se esgota aquí nin moito menos, pero o tempo da nosa intervención non nos permite ir máis alá.

Grupos coma os Cempés, Na Lúa, Fía na roca, Durindaina e outros moitos ao longo e ancho do país ofrécenlle ao seu público, aínda sen letra, grandes doses de autonomía, tanto con respecto ao “mercado” coma ás “modas musicais” dentro do seu ámbito tradicional (celtismos, centroeuropeismos, africanismos�) ofrecéndolles unha ética e unha estética propia.

4 Pensemos nas declaracions do ex-presidente José María Aznar nas que descalificaba aos membros da Plataforma NUNCA MAIS (e polo tanto a unha boa parte da cidadanía galega) chamándolles “perros que ladran su rencor por las esquinas”.

Mercedes Peón nunca aparecerá no programa de variedades de José Luís Moreno, pero Ana Quiro (moito máis próxima, se cabe, do patrón floclórico español) tampouco.

Algúns si, e dos que nós estudamos os máis representativos son o grupo de rock A psicofónica de Conxo, que non só grava os seus discos en Porto (Portugal) senón que recoñecen tocar máis no país veciño ca no país galego.

Por exemplo coa asombrosa (dende un punto de vista puramente científico) teoría do “bilingüismo harmónico” de Manuel Fraga.

A “guerra das gaitas” desatada en Galiza dende fai máis dunha década, enfronta aos que defenden a “gaita galega” e o resto de instrumentación tradicional galega (sobre todo a percusiva) fronte aos que introducen, e pagan con cartos públicos, uns instrumentos e unha estética, vida de fóra, notabelmente de Escocia (e que xa en Escocia eran símbolo da dominación inglesa, ¿Canta xente se parou a pensar que as “pipe band” foron feitas a propósito para que os escoceses fósen á guerra a morrer ben tranquilos e contentos?, entrevista con Mini na revista Ravachol).

Só temos que pensar nas investiduras de Fraga, “con mil gaiteiros por banda”.

“Cando a música galega adopta un carácter subalterno e se lle dá o papel estelar a figuras como El Fary ou Azúcar Moreno… iso é ideoloxía. Os medios de comunicación galegos non apoiaron a música galega como apoian o fútbol galego, as festas gastronómicas, ou “Operación Triunfo”” (Entrevista con Anton Paz, membro de Na Lúa na revista Ravachol).

Entrevista con Oscar Fernández dos Cempés: “(…) se nos autocensuramos non nacemos. Estamos nunha listaxe negra da Xunta, pero danos igual. Xa existe demasiada autocensura no aspecto musical como para tela tamén á hora de facermos as letras”.

Entrevista con Mini, da Quenlla: “As institucións teñen moito respeto. Moito respeto quere dicir que non fan nada. Se fas música somentes menos mal, porque non molestas, unha peza instrumental, un recital instrumental. Agora, se fas canción, non, porque falas ou non falas. Se dís, porque dis, se non dis, porque non dis. A Quenlla está vetada en canto a eso, non participamos en ningun circuito”.

Actualmente na RTVG ofrécense un total de seis programas sen que ningún sexa recoñecido polos integrantes dos grupos musicais como plataforma seria e digna para daren a coñecer os seus traballos. A información que segue está sacada, tal cal, da páxina web da RTVG e dá mostra das plataformas mediáticas existentes para a música galega:

Lume na Palleira: naceu no ano 1992 como unha proposta musical alternativa dentro das ondas radiofónicas, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como doutros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a través das ondas. No ano 1996 incorporouse á programación da Radio Galega, escomenzando unha nova etapa da súa andaina. Emítese os sábados de 15:00 a 18:00h

Os directos da Galega: actuacións en directo dos grupos e artistas máis representativos do folk, do pop e do rock e tamén dos grupos e artistas nacionais e internacionais máis importantes realizadas por e para a Radio Galega. Trátase de crear un escenario de prestixio onde os diversos artistas dispoñan dun tempo de 55 minutos para comunica-la súa forma peculiar de entende-la música e de dar a coñecer os seus últimos traballos.

Estudio 3: programa musical presentado e dirixido por Ricardo Alonso que se emite de luns a venres de 21 a 23. Está composto de varias seccións nas que se inclúe: estrea de tódalas novidades relacionadas co pop e co rock nacional e internacional, os temas máis clásicos principalmente dos anos 80 e 90, que solicitan os oíntes do programa, repaso semanal completo de tódolos concertos que se celebran na Comunidade Autónoma Galega, tanto en circuítos por diferentes salas coma concertos ó aire libre, festivais, etc

Concerto Popular: na mañá dos domingos, de 9 a 10, Nicolás Camino converte a Radio Galega nun templo desde o que soa a Música Popular interpretada polas Bandas da nosa Terra.

Gran Verbena: un programa concurso, que contará en cada edición coa participación de catro comisións de festas, que deberán superar diferentes probas inspiradas no mundo das verbenas.

Luar: programa musical da TVG, que naceu coa intención de dar un lugar de seu á música galega, contando cada semana coa presencia de convidados chegados de fóra.

Abondo elocuentes a este respecto resultan as recentes declaracións do conselleiro de cultura da Xunta de Galicia sobre a programación cultural do xacobeo 2004 nas que, ante unha pregunta parlamentaria do BNG sobre a non participación de ningún artista galego na progamación central do Xacobeo, responde que se trata dunha programación seria, non dunha feira (sic).

Anton Figueroa, 1988, Diglosia e texto, Vigo, Xerais.
“Manual de incertezas da Republica de Sitio Distinto”, texto introductorio do disco Delikatessen (1991) dos Resentidos: “Galicia é un imperio e a República de Sitio Distinto a súa colonia subconsciente”, “Hai que ter un mundo, unha cousa, un supoñer. É dicir, un pasaporte da República de Sitio Distinto. Haiche moito indocumentado”. “Ser galego non é suficiente, hai que ser de Sitio Distinto”. “Estamos en guerra, pero hai que reflexionar”.