Un cedé recupera pezas de Manuel Dopazo, o gaiteiro da emigración

la voz | santiago

A música do que foi considerado o máis grande gaiterio de América, e por estensión da emigración galega, Manuel Dopazo, pódese escoitar agora en Galicia, 53 anos despois da súa morte na Arxentina, país no que triunfou e no que creou a primeira formacións de gaitas da que se ten noticia, Os Gaiteiros de Vilaverde.


A recuperación de Manuel Dopazo (Silleda 1882- Bos Aires 1952) para o patrimonio musical galego chega da man da discográfica Ouvirmos, que editou co patrocinio do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega o cedé Crónicas porteñas, que reúne dezaoito obras de Dopazo, todas elas gravacións comerciais en discos de 78 revolucións por minuto, que son unha mostra representativa da súa ampla produción musical. A maioría son pezas galegas, pero inclúense tamén dúas asturianas e outras dúas do repertorio académico español.

Na presentación do disco no Consello da Cultura, o director artístico de Ouvirmos, Ramón Pinheiro Almuinha, afirmou que a carreira que Dopazo desenvolveu na Arxentina «ilustra a evolución da emigración galega naquel país, e amosa que foi un artista que conseguiu vivir da gaita, algo que aquí era impensable daquela». Dixo que non só tiña moi boa afinación e requintaba e picaba as notas dun xeito moi particular, senón que a súa calidade como intérprete «aínda hoxe deixa sorprendidos aos expertos polo seu virtuosismo».

Dopazo foise á Arxentina en 1902 fuxindo do reclutamento, e só volveu en 1923 para ver a súa nai, acompañado do maior dos seus once fillos, que o acompañaban cando tocaba como solista.

Foi amigo de Castelao, do que Ramón Castromil, director do Arquivo Sonoro, lembrou onte que lle dicía a Dopazo: «O día que volvamos a Galiza iremos os dous diante dun cento de gaiteiros tocando por todos os pobos da nosa terra».

[publicado en “lavozdegalicia.es”]
[+ info: ouvirmos.com]