Carta aberta ó Consello de Administración da R.T.V.G.

Enrique Banet, que foi director do programa de cultura ecolóxica SENDA VERDE na TVG, e que foi despedido de xeito improcedente, entre outras razóns por participar na realización de Hai que Botalos coa curtametraxe Incendios, vén de escribir unha carta aberta ao Consello de Administración da RTVG, que publicamos a continuación.

Fonte: arredemo.info

O cambio vai demandar reformas en profundidade en todos os eidos, e especialmente no que se refire aos medios de comunicación públicos. A carta do compañeiro Enrique ten a virtude de enunciar a situación na que se atopa o medio de comunicación galego por excelencia.

Sra e Sres. membros do Consello de Administración da Compañía R.T.V.G.,

A piques de rematar unha longa etapa na vida da R.T.V.G., non quero deixar pasar a oportunidade de expoñerlles algunhas cuestións.

A primeira é que non entendo cal foi, e segue a ser, o papel desempeñadp polo Consello do que Vdes. formaron parte durante os últimos anos, xa que, baixo a súa tutela, a R.T.V.G. foise degradando ata os límites actuais, e cando falo de degradación refírome tanto a contidos como a corrupción, censura, manipulación informativa, relación co persoal, etc., etc.

En canto a mín, e segundo me consta porque así mo manifestaron diferentes membros dese Consello, o programa SENDA VERDE, que tiven a honra de dirixir e presentar durante preto de dez anos, foi o único que Vdes. estiveron unánimemente de acordo en considerar de interese público e social. A pesar diso o programa foi sistemáticamente marxinado, censurado e minimizado en recursos, ata facelo prácticamente inviable.

Levando ata as súas últimas consecuencias o exercicio da censura por parte dos Sres. Campos (Director Xeral) e Barciela (Director de Comunicación e Relacións Externas), e apoiándose nunha política de contratación fraudulenta e abusiva propiciada polo Sr. Cortázar (Director de Recursos Humanos), fun despedido da T.V.G. (¿sabíano vostedes?) no pasado mes de Marzo. Por certo, ¿están Vdes. informados dos despidos masivos practicados no mes de Xaneiro deste ano, e das causas que os provocaron?. ¿Coñecen Vdes. de quen son as E.T.T.s que se encargan deses contratos precarios?. ¿Saben Vdes. que a R.T.V.G. regala cadros de máis de un millón de pesetas “por Navidad”, e que tales obras son repartidas por choferes da propia Compañía?. ¿Saben Vdes. quen ordena isto, e por qué?. ¡Cantas cousas deberían saber vostedes!. Por exemplo, que eu fun despedido en clara represalia por facer un vídeo sobre incendios para a campaña de “Hai que botalos”, cousa que, polo visto, non foi do agrado do Director Xeral, Sr. Campos. Polo que puiden comprobar despois, a decisión de despedirme tomouse nun momento no que eu aínda non fixera nada efectivo, e debo recoñecer que foi a propia censura a que aínda me espoleu máis á hora de actuar.

Afortunadamente a Xustiza existe, e gañei o xuízo interposto en Maxistratura polo que eu consideraba un despido improcedente: un xuízo máis entre outros tantos que a R.T.V.G. perde a causa das irregularidades nas contratacións. Supoño que non é necesario insistir no feito de que, se non hai máis denuncias, é porque a xente nova teme polo seu futuro (¿coñecen vostedes a sensación de precariedade?).

Todo isto viña acontecendo á par doutras cousas que supoño que Vdes., ben pagados e con substanciosas dietas cobradas por ese concepto, deben coñecer con exactitude. Refírome á nefasta xestión da Casa, na que o Director de Programas, Sr. Carballo, nin programa nin demite por non programar, o que supón, cando menos, un gasto superfluo. Na que o Sr. Quintanilla (Director da T.V.G.) é quen asume, realmente, unha programación baseada en “compromisos persoais”, ou de responsables das diferentes Consellerías ou empresas, tal como el mesmo me ten transmitido en máis de unha ocasión. Tamén resulta inaudito que Vdes. non coñezan e, sen embargo, se autorice a existencia de contratos ilegais tanto con persoal da Casa como na contratación con empresas alleas, entre outras cousas porque as empresas públicas son, por Lei, responsables civís subsidiarias dos incumprimentos das empresas privadas coas que coproducen, e non é a primeira vez que a R.T.V.G. ten coñecemento de tales incumprimentos. Incórrese tamén, sistemáticamente, en contratacións que supoñen un trato claramente discriminatorio a favor das “grandes empresas” (amigas, por certo) en detrimento das pequenas productoras, ás que se lles impoñen condicións contractuais leoninas e inadmisibles en canto a financiamento, prazos de pago, dereitos de coproducción, cláusulas de privacidade, etc., etc., etc.

E mentres todo isto sucedía, ¿onde estaban Vdes., Sra. e Sres. do Consello?. ¿De veras que non sabían nada?. Pois non deben seguir ignorando (para iso lles pagamos os contribuíntes) a operación de enxeñería financeira que hai montada na C.R.T.V.G. para enmascarar as débedas existentes, débedas que, por certo ¿non serán a inevitable consecuencia dunha pésima xestión?. ¿Tampouco o sabían vostedes?.

Tampouco poden seguir ignorando que nas últimas datas se está comprometendo e hipotecando o futuro funcionamento da propia Compañía a base de asinar contratos coas empresas achegadas, ou de impoñer a absurda continuidade de determinados programas, deixando a cero os recursos e incrementando notablemente as débedas. O propio Director Xeral manifestaba orgullosamente meses atrás que a T.V.G. era a única televisión que non tiña espacios basura na súa programación. Totalmente de acordo: non hai espacios basura, practicamente toda a progamación é basura, coa supervisión, supoño, dese Consello. Parte desta programación ten a súa continuidade asegurada por catro anos máis, coma no caso do Luar, que dirixe o Sr. Gayoso, ó que se lle acaba de asinar un novo contrato a razón de 24 millóns de pesetas por ano.¿Isto tampouco o sabían vostedes?.

Cabe supoñer, estimados Sra. e Sres., que non descoñecían Vdes. todo o anterior, o cal me leva a preguntarme en concepto de qué veñen cobrando (e moi ben, por certo) os seus salarios, ¿para que serven as numerosas comisións que vostedes organizan (ás veces tres no día) e polas que cobran substanciosas dietas?. Se, pola contra, non sabían nada, ¿en base a qué cobraban Vdes.?.

Non podo, polo tanto, despedir este escrito sen recodarlles que, como políticos, teñen un compromiso cos cidadáns deste País, e que, ou por descoñecemento ou por omisión, son Vdes. cómplices e responsables do que está a pasar na C.R.T.V.G. Non teño problema ningún en comparecer perante Vdes., se o consideran oportuno, para darlles conta persoalmente e polo miúdo de todas estas cuestións que afectan a moitos traballadores e a tódolos contribuíntes galegos, o que darían para encher moitas páxinas.

Agradézolles, en todo caso, que me prestasen un pouco do seu preciado tempo.
Quedo á espera dos seus comentarios e despídome cun cordial saúdo.

Atentamente,
Enrique Banet López de Rego,

ex-director do Programa SENDA VERDE