Nova programacion Bar Liceum do 14/10 ao 25/11/2005

Benquerid@s amig@s:
Aqui estamos, seguro que xa nos tiñades esquencido, outra vez, para presentarvos, unha nova programacion, que comenza o venres 14 de Outubro e remata o 25 de Novembro.

Atoparedes coma sempre bastante variedade, nos actos, que vos presentamos: contacontos, folk galego, musica portuguesa, musica brasileira, nova musica mediterranea,…

A apertura teremola coa persoa que mais veces leva actuado nesta nova etapa do Liceum e sempre co cartel de entradas esgotadas Carlos Blanco. Sera o venres 14 de Outubro as 23 horas.

A semana seguinte dende Palma de Mallorca, Tugores presenta o seu último traballo discográfico, que leva por título “Jantar com inspiraçâo” (2005, Musikarte), de aires mediterráneos. Con dous discos anteriores no mercado – “Anche lui è qui” (adicado ao mestre Ennio Morricone), e “El Seu Orient” (de inspiración oriental), abriu un camiño sumamente interesante no panorama actual de Novas Músicas e World Music. Na gravación deste novo traballo, colaboran os habituais da banda: Adria Faura – baixo, Pep Mula – batería, Ferran Badal – frauta e Quim Badia – Viola; ademáis de músicos invitados como Montse Majá ao Violoncello, Cati Plana ao acordeón, Roger Blavia ás percusións e a colaboración especial nun dos temas (“Ironia de un dia”) de Nacho Mastretta e Ricardo Moreno en percusión. Este novo disco foi presentado en Barcelona o pasado 16 de abril en L’Espai, e a continuación na Sala Galileo Galilei de Madrid o 18 de abril. Sera o venres 21 de Outubro as 23 horas

Dempois dun pequeno descanso pola ponte dos santos voltamos con Gustavo Almeida brasileiro nacido en Río de Xaneiro hai 27 anos, que leva a música no sangue. Fillo da consagrada cantante brasileira Elen de Lima, este cantante e compositor percorre Europa dende hai 6 anos coa súa guitarra acústica. Só ou coa súa banda BraSilian Night, ten levado a súa música e a música do seu país natal por todos os recunchos de Galiza, tendo pasado tamén por Madrid, Logroño, Barcelona, Asturias, Norte de Portugal, Italia, …Ten mantido contacto con grandes nomes da Música Popular Brasileira cos que mesmo tivo o pracer de compartir escenario. Gilberto Gil, Caetano Veloso ou Djvan son tres artistas con grande influencia na súa formación musical.. Coa aparición de BraSilian Night, banda creada por el mesmo, deu o salto a escenarios grandes, pasando a telonear a artistas da talla de Antonio Orozco, Mercedes Peón, Jarabe de Palo, etc. “Por si me escuchan” é o seu último álbume, está composto por temas propios en portugués e en español. Xoga cos ritmos e coa súa voz, que é o fío conductor entre as cancións. Os dous discos anteriores “Live I” e “Live II” foron gravados en directo facendo un repaso á música brasileira. Sera o venres 4 de Novembro as 23 horas

Na semana seguinte, voltamos ao folk galego con Mutenrohi xa teñen seis discos publicados, O mal tempo (Sons Galiza-1996), ¡Has bailar! (Zouma Records-1997), Mutenrohi (Cnr arcade-1998), Cousas da lúa (Cnr arcade-1999), Danze (Zouma Records-2001), Maio (Zouma Records-2003); e agora sorpréndennos con …E van dez (Zouma Records-2005). Supón a celebración dos dez anos de existencia da banda. Temas regravados, e un DVD con parte dun concerto gravado conforman un “pack” que vai enriquecido cunha galería de fotos coa historia da banda. Sen dúbida, …E Van dez é o disco máis elaborado do grupo, ou ao menos o disco onde o grupo leva traballado máis a mestura entre os temas tradicionais e os instrumentos máis modernos. Ao longo do tempo, a banda ten acumulada unha experiencia que agora quere reflectir neste traballo compacto, onde se repasa esa historia. Levan xirado por toda a península, Francia, Suiza e Portugal. Participaron nalgúns dos máis importantes festivais de Europa (Guinnes Irish Festival, Festival Intercéltico de Lorient ou Festival de las Tierras Celtas de Monsac, entre outros). Tocaron con artistas da talla de Orion, Davi Spillane ou Capercaille e foron invitados de Alan Parsons na súa xira por España do ano 2000. Sera o venres 11 de Novembro as 23 horas

Na semana seguinte, e dende o noso pais veciño e amigo Portugal e dende as illas Azores Zeca Medeiros. Un ano mais conseguimos traer o autor gañador do premio mais importante da musica portuguesa o premio Jose Afonso 2.005 (o do 2.004 foi a Filipa Pais). Polifacético artista traballou en televisión, música e teatro. Dende 1976, realizou varios traballos televisivos como realizador, series como Xailes Negros, O barco e o Sonho ou Mau Tempo no Canal. No 2003 estréase Gente Feliz com Lágrimas unha serie de cinco episodios, e do 2005 é o seu último telefilme, O sorriso da Lua nas Criptomérias. Polo que respecta á música traballa como autor e intérprete co grupo Rosa dos Ventos. Coautor e colaborador como músico en varias bandas sonoras (Balada do Atlántico, O barco e o sonho,…), é destacable O feiticeiro do Vento, que foi considerada un dos mellores traballos de Música Popular Portuguesa polo xurado dos Premios José Afonso. Como cantante, autor e compositor ten colaborado cos máis importantes artistas portugueses, como a Brigada de Víctor Jara, Coro dos Tribunais ou Dulce Pontes. Foi candidato ao Premio José Afonso no ano 2000 polo CD Cinéfilias e Outras Incertezas e levou este mesmo espectáculo por toda a xeografía portuguesa. No ano 2004 lanza o CD Torna Viagem, co que percorre novamente o territorio luso e co que gaña o Premio José Afonso 2005. Estara connosco o sabado 19 de Novembro, ollo a hora, as 22h30 horas.

E xa para rematar, un broche de ouro a nosa programacion, Quico Cadaval evidentemente dende que voltamos a programar, estivemos tentando que actuase, pero nunca foi posibel, esta claro que non nos rendimos e que si conseguides entrada teredes a risa garantizada. Criouse nunha taberna, e comezou a súa vida vendo o mundo á altura da pitrina, e escoitando a confusión de voces dos clientes da súa nai. Anos despois contáballe ás amizades as aventuras daqueles tempos escuros. Un día que Mofa e Befa non deron criado un esquetch para un compromiso botaron a Cadaval ao escenario e durante 40 minutos falou X falar. Foi o comezo da súa carreira na forma máis económica do teatro. Contar contos. Repúgnalle o vocábulo contacontos para referirse á súa arte.Tivo dous grandes fracasos, unha actuación para bébedos enmascarados no entroido de Malpica, e un relato para presuntos asasinos na prisión federal de Pereiro de Aguiar. Tamén tivo sucesos, mais non son lembrados por ninguén. Representou a Galiza en diversos eventos internacionais de contadores de historias (Buga, Braga, Guadalajara, Luz-Saint-Sauver) e non trouxo ningún trofeo para acrescentar á vitrina da casa. Sera o venres 25 de Novembro, as 23 horas.

Unha aperta moi grande.

[+ info: barliceum.com]