Em quanto á sanfona contemporanea …

O renacer da zanfona
A zanfona pasou en quince anos da práctica desaparición a contar cun saudable número de intérpretes e artesáns, ata o punto de que as preocupacións dos expertos céntranse hoxe no impacto que pode ter a entrada dun segundo modelo de zanfona, o francés, diferente do ” tradicionalmente ” usado en Galicia.

Traballo realizado por Rubén Bastón, Bibiana Cabo,
Paula Rico e Mari Vega, en abril do 2005

A chegada da zanfona contemporánea a Galicia

A zanfona é un instrumento europeo que tivo dous desenvolvementos ben distintos: o francés e o ibérico. Galicia, desde o traballo de recuperación de Faustino Santalices, liderou e aínda lidera a súa recuperación na Península. Na actualidade, segundo Óscar Fernández, “en todo o resto de España non dan chegado á cifra de zanfonistas que hai en Galicia”. Todos coinciden nesta observación, pero na Península houbo movementos que afectaron ao discorrer da zanfona nesta Comunidade.

No 1994 naceu a Asociación Ibérica da Zanfona. Este colectivo empezou a organizar cursos de construción e interpretación, e acudiu a Francia na busca de profesores. Deste xeito apareceu en España a corrente da zanfona contemporánea, instrumento moderno desenvolvido a partir do modelo tradicional francés.

Esta corrente tamén chegou a Galicia. “Houbo xente que descubriu fóra zanfonas menos caras e con mellores resultados que a galega -relata Óscar Fernández-. Cando empecei a dar clase no Conservatorio Folque de Lalín deilles a oportunidade aos alumnos de aprender tamén as técnicas modernas”. O seu grupo, Os Cempés, foi a primeira banda galega que gravou un disco con zanfona contemporánea.

Os que promoven a entrada do novo modelo en Galicia argumentan que o importante non é a tradición senón a calidade. Pablo Cid, de Antas da Ulla, é un mozo artesán de zanfonas contemporáneas. Asegura que moitos músicos que tocan a zanfona tradicional están a achegarse á contemporánea atraídos pola contribución rítmica do can, unha peza existente no modelo francés pero non no galego. Para Cid é unha cuestión dos intérpretes: “Á hora de construír, prefiro poñerlle o can; despois queda ao criterio do músico o usalo ou non; non é obrigatorio”.

A entrada deste modelo distinto preocupa aos que traballan desde hai anos pola recuperación da zanfona galega. A Xaime Rivas, por exemplo, lémbralle á polémica coas gaitas marciais da Real Banda de Gaitas de Ourense: “Eu non vexo mal a entrada dun modelo foráneo -afirma-. O que non vexo ben é que a xente venda por galego algo que non o é”. Ademais, Rivas considérao un sinal de falta de autoestima: “Temos unha cultura o bastante rica como para non ter que andar a copiar de ninguén. Outra cousa é que o propio evolúa: se evolúe vale; pero copiar, non”.

A Anxo Pintos, profesor de interpretación de zanfona tradicional, preocúpalle, sobre todo, o momento: “Chega nunha época na que aínda non está conformada en Galicia unha cultura zanfonística normalizada que saiba ubicar con perspectiva e ética os cambios que se están a producir”. Así e todo, Pintos non cre que deba haber polémica. Afirma que el ten encargada unha zanfona contemporánea e que cada un debe obrar segundo pense. “Pero -remata- non estou a favor da asimilación”.

Polo de agora, non chegaron a producirse debates abertos arredor da entrada do modelo contemporáneo en Galicia. “Aínda non se fan batallas de zanfonas”, bromea Óscar Fernández. Todos agardan que non se produzan. Os intérpretes do modelo tradicional só piden que non haxa confusións: “Temos que ser conscientes de que o público óenos -explica Xaime Rivas-. Se non explicamos ben as cousas, poden levarse unha idea errónea; hai que separar ben os conceptos históricos das dúas zanfonas”.

O futuro
A pregunta chave é qué pasará nos vindeiros anos. “Non creo que ningún instrumento acabe co outro -prognostica Óscar Fernández-. E en todo caso serán os instrumentistas quen escollan, non habería que botarlle a culpa ao instrumento”. Así e todo, Fernández cre que a zanfona tradicional “úsase moitísimo” en Galicia e que chegou a un nivel de técnica e execucion, “de altísimo nivel, grazas a Anxo Pintos”, polo que non observa grandes riscos para a súa supervivencia.

Pintos albisca tamén unha coexistencia entre os modelos tradicional e moderno. Para o músico de Berrogüetto, o perfeccionamento construtivo e musical da zanfona galega “aínda non tocou teito” e considera que unha asimilación completa do modelo contemporáneo francés significaría unha “perda de patrimonio cultural”.

En todo caso, todos coinciden en augurarlle un futuro san e anovador á zanfona. De feito, analizan que a boa acollida do modelo contemporáneo en Galicia non se tería producido se non fose tan forte o interese actual polo instrumento na Comunidade. “Hoxe tócase moitísimo a zanfona”, certifica Xaime Rivas, “sexa cal sexa o modelo”. Isto, tendo en conta a extrema situación do instrumento hai só quince anos éncheo de orgullo, porque “foron moitos anos de traballo”.

Dentro da zanfona resoan dez séculos de historia da música occidental. Semella que non será neste século cando o herdeiro do organistrum deixará de tocarse en Galicia. Máis ben ao contrario, a zanfona está a alcanzar en Galicia cotas de coñecemento e calidade nunca acadadas na historia do instrumento.

RECOMENDÁVEL:
A chegada da zanfona contemporánea a Galicia