Embaixadores Culturais

Este é o artigo de opinión que hoxe publiquei en La Opinión. Saúdos.

Unha vez máis os nosos artistas deben procurar o recoñecemento lonxe da nosa terra. Os músicos de folk galegos son nestes momentos os mellores embaixadores culturais que ten o noso país. Cómpre reclamar un plan ao novo goberno galego que poña os alicerces necesarios para un sector cultural desestruturado que foi ignorado polos anteriores gobernantes.

Un dos graves problemas que ten este país é que en certos ámbitos está moito máis valorado calquera ensaio sobre Castelao, e emprego este nome porque calquera galego bo e xeneroso debe sentir admiración pola súa figura, que o traballo de realizar un disco, e non nos enganemos porque na actualidade é a nosa música a que pode conquerir máis doadamente un espazo propio onde facer escoitar a nosa voz dentro deste mundo globalizado no que moramos.

Temos unha materia prima rica, xa sexa en ritmos ou en músicos que pretenden plasmalos cunha visison propia, sempre cinguida á raíz popular, e debemos ser quen de tirarlle partido. Teñamos presente o que pode significar para unha identidade colectiva a presenza duns artistas que proxectan unha cultura polo mundo adiante. É evidente que a imaxe de Xamaica está vencellada ao reggae, e son os músicos que traballan arredor dese estilo musical os que situaron no mapa cultural mundial á súa nación.

Basta xa de considerar á música como unha arte de segunda división diante da literatura, e sei que tamén debemos mirar moito por ela. A música trascende fronteira, sendo capaz de emocionar ao público cantando nun idioma que descoñece. O impacto dun concerto é directo, e miles de persoas tiveron o seu primeiro contacto cultural con Galicia porque un día decidiron asistir a un recital dun dos nosos artistas, e ao mellor tamén se decataron de que empregamos unha lingua propia.
Algúns do nosos creadores saben expresar a idiosincrasia dun pobo por medio de sons. Berrrareino co silenzo da palabra escrita: a música folk galega debe competir na categoría superior das artes.

Óscar Losada