Os homes só contan até tres. Antón Lopo.

Ugia Pedreira dirixe o espazo sonoro da obra “Os homes só contan até tres” de Antón Lopo que se estrenará o dia 2 de decembro 2005 no Salón Teatro de Compostela pola compañía Factoria Teatro e estará dirixida por Cristina Dominguez.

Pedro Pascual e Ugia Pedreira ademais compuxeron a canción orixinal desta obra con letra de Antón Lopo.

Estrea o 2 de decembro 2005
no Salón Teatro de Compostela

Desta volta, A Factoría Teatro, retoman a súa estética arriscada e contemporánea para montar un texto do autor galego Antón Lopo. Trátase do Texto Os homes só contan atra tres polo que o o autor foi galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro de escrita teatral na súa edición de 2005. Como é habitual nas montaxes desta compañía o equipo artístico, que lograron conformar e estabilizar durante 13 anos de intenso traballo, está conformado por persoas de primeiro nivel nas disciplinas artísticas que desenvolven, xente ligada estreitamente aos discursos das artes contemporáneas. O espazo escénico e a realización audiovisual corre por conta do polifacético artista plástico Xoan Anleo axudado por unha realización espectacular e unha inmensa fotografía de Juliana González, o espazo sonoro conta coa dirección de Ugia Pedreira e a canción orixinal é dela e de Pedro Pascual, do vestiario encárganse os reponsables de La Canalla de Vigo e da luminotecnia o imprescindible Paco d’Pink. Este equipo é capaz de integrar dentro do espectáculo un apoio discursivo que provén doutras disciplinas artísticas así, a montaxe audiovisual de Xoan Anleo e Juliana González reforzará a narración á par de cargar o espectáculo dunha maxia espectacular que poucas veces se pode ver nun teatro. O mesmo acontece coas sensacións que nos transmitirá tanto a vestimenta dos personaxes, coma a ambientación sonora de Ugia ou o ambiente lumínico de Paco d’Pink.
Por outra banda non podemos esquecer a parte actoral e de dirección. Cristina Domínguez e Alfredo Rodríguez (fundadores da Factoría), encabezan o equipo de dirección e de interpretación. A dirección, de Cristina Domínguez,complétase coa axudantía de Rocío González e a interpretación corre a cargo de Mónica García no papel de Helena e Nuria Gullón no de Luísa. E na parte masculina Toni Salgado como Nico e Alfredo Rodríguez como Evaristo.

SINOPSE
Luísa e Helena son irmás, e aínda que xa deixaron atrás a súa primeira mocidade, seguena vivir xuntas :comparten apartamento na cidade.

Luísa é unha autora e directora teatral de éxito, independente e segura de si mesma.
Helena pasa as horas no apartamento, cociña, limpa… e de cando en vez escribe… para ela, ninguén máis coñece os seus escritos.

As irmás teñen a vida organizada, coñecen o rol de cada unha e ningunha delas tenta cambiar o estatus quo no que están instaladas, deste xeito é máis fácil vivir.
Máisna vida delas vai a aparecer un terceiro personaxe que vai facer saltar en anacos a orde establecida. Nico é un novo actor, fermoso e intelixente do que se namora Luísa.

Sen apenas consultar con Helena, convídao a compartir vida e apartamento. A empatía entre Helena e Nico non tarda en aparecer, e a ausencia de Luísa durante un par de semanas fai que o achegamento entre Nico e Helena sexa total, chegando á intimidade física.

Para Nico non hai volta atrás, máis co que el non conta é con que Helena non estea disposta en traizoar a súa irmá para emprender unha aventura Lonxe da rutina que a protexe.

O conflito é evidente e o desenlace non deixa lugar a dúbidas: os lazos de sangue saen vencedores neste conflito a tres bandas.