Convite para a presentación do libro Os Campaneiros de Vilagarcia

Edicións do Cumio, e no seu nome o director, Antón Mascato, ten o pracer de convidalos á presentación do libro OS CAMPANEIROS DE VILAGARCÍA, que terá lugar na SALA DE CONFERENCIAS DO AUDITORIO DE VILAGARCÍA DE AROUSA, o SÁBADO 17 DE DECEMBRO, ÁS 18:30 HORAS.

No acto participarán os autores Carlos Rey, Héctor Silverio e Paulo Nogueira, ademais de Carlos Valiñas, en representación das familias Valiñas e Carballa.
Actuación do cuarteto de gaitas FAÍSCAS DE SOLOBEIRA.

LIBRO EN GRAN FORMATO COA VIDA E OBRA DOS CAMPANEIROS DE VILAGARCÍA QUE INCLÚE PARTITURAS E FOTOGRAFÍAS. CO LIBRO ACHÉGASE UN DVD CON FRAGMENTOS DE PELÍCULAS, GRAVACIÓNS DE AUDIO E VIDEO E UNHA GALERÍA DE IMAXES QUE REPASA A HISTORIA DO GRUPO MÁIS FAMOSO DAS RÍAS BAIXAS.

Neste libro, da autoría de Carlos Rey, Paulo Nogueira e Héctor Silveiro, estúdase en detalle un dos grupos máis míticos da nosa cultura musical tradicional.

José Carballa e Celestino Carballa tocaban bombo e tambor, respectivamente. Fillos de Palla Mallada, gaiteiro de renome na comarca da Arousa, despois de tocar co seu pai achegáronse a dous gaiteiros veciños, os irmáns Valiñas, para formar Os Campaneiros.

O inconfundíbel estilo que caracterizou ao grupo débese ao bo facer destes homes e á súa particular maneira de entender a percusión dentro da formación tradicional do cuarteto de gaitas. Sen lugar a dúbidas, o dúo de gaitas que protagonizaron os irmáns Ramón e José Valiñas constituíuse como un dos referentes fundamentais da música de gaita da segunda metade do século XX. Esta obra transmite, en definitiva, a esencia expresiva do fenómeno dos Campaneiros: os gaiteiros populares engrandecidos no seu traballo, con luz propia á hora de analizar a súa arte.

[+ info: Edicións do Cúmio]