Implícate!, Noite de música e palabra solidaria

Consagradas/os artistas participan o domingo 18 en Compostela en:
Implícate!, Noite de música e palabra solidaria.

“Implicadas/os no desenvolvemento” organiza este espectáculo que terá lugar no Auditorio de Galicia a partir das 20 horas.

Artistas da talla de Manolo Rivas, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Marta Dacosta ou Fran Alonso, en poesía; de Mercedes Peón, Uxía Senlle, Abe Rábade Trío, Guadi Galego ou Ugia Pedreira en música; de Mofa e Befa ou o dúo Pepa Yáñez e Davide Salvado en teatro; e de Branca Novoneyra e María Reimóndez en danza daranse cita no auditorio de Galicia o vindeiro domingo 18, a partir das oito da tarde, para participar en Implícate! Noite de música e palabra solidaria, que organiza ‘Implicadas/os no Desenvolvemento’ (IND) e que presentan Yolanda Castaño e Ernesto Chao.

As entradas para Implícate! Noite de música e palabra solidaria xa están á venda, e pódense mercar a través do servizo de vendas de Caixa Galicia (a través da web e do teléfono 902 434443), no propio Auditorio de Galicia, ou na tenda de comercio xusto Crisol de Vigo (Avda. das Camelias, 14). O prezo é de 10¤ entrada xeral, 6¤ para estudantado, e 3¤ para nenas e nenos menores de 12 anos.

O obxectivo de Implícate! Noite de música e palabra solidaria, no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. O obxectivo principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega e invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Igualmente, os cartos recadados con esta iniciativa destinaranse integramente a financiar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento de IND.

Dende IND consideramos que o cambio do mundo ten que comezar cun compromiso tamén con Galicia, recoñecendo o traballo que dende aquí se fai e activando as forzas vivas do noso pobo, como son as/os nosas/os músicas/os, poetas, artistas e persoas comprometidas e implicadas. Cremos que só cambiando as raíces da pobreza cambiaremos a situación de millóns de persoas, e iso implica cambiar a nosa maneira de vida aquí ao ladiño da casa. Pensamos que os pobos teñen dereito a decidir sobre os seus designios e que as persoas teñen dereito a vivir con dignidade, e por iso traballamos man a man coas organizacións cívicas do sur e coas comunidades empobrecidas para que desenvolvan as súas capacidades. E sabemos que o desenvolvemento da humanidade pasa por erradicar a primeira desigualdade, a de xénero, e por iso no noso traballo queremos dar voz e capacitación ás mulleres para que poidan decidir sobre as súas vidas e para que se respecten os seus dereitos.

E por iso é que, para estar máis preto de acadar os nosos obxectivos, organizamos esta Noite de música e palabra solidaria. Implícate!

Saúdos
Gabinete de comunicación de Implicadas/os no desenvolvemento

Se o desexan, poden pórse en contacto con María Reimóndez, presidenta de ‘Implicadas/os no desenvolvemento’ e organizadora do evento, no teléfono 626 604251.

IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO
Rúa das Camelias 14, Vigo – Tlf: 886 111327 / 655 104179

www.implicadas.org