Entrevista com PEDRO PASCUAL

PEDRO PASCUAL. Profesor de diatónico do CMTF, membro fundador de Marful, músico do trio Talabarte con Kin Garcia e Quin Farinha.

De dónde vem? Quem é? Qué pensa da música popular? Cais son as suas influencias?

“Hai algo no interior que che obriga a facer música, non sei realente que é.
Supoño que se nace con ese sentimento, pero dende logo a min faime ser mellor persoa. Se tivera que ser concreto diría que por agradarme a min e aos demáis, e polo instinto de superación que temos todos.”

  • 1. Cal é a tua definición de música popular?
    Penso que a música popular e a música coa que máis se identifica un pobo, é a música coa que se divirte, e coa que acompaña as suas accions cotiás.

  • 2. Cais forom as tuas influencias na maneira de entender a música e como te achega-ches a ela, ou cómo ela se achegou a ti?
    Achegueime á música grazas a que o meu pai mercounos, a min e a o meu irmán con once anos, unha gaita. Foi tamén a maneira descubrir, de maneira activa, a música galega. Xa era familiar na miña casa escoitar melodias tradicionais, pois a miña nai sempre cantou nos seráns que habia pola Paradanta, e ademais na casa e no coche do meu pai nunca paraban de soar discos de gaiteiros. Logo dinme conta que moitas daquelas cintas eran auténticas xoias.

    Respecto as influencias que despois tiven na maneira de entender a música creo que se podería facer unha lista interminable de nomes, por cumplir cito alguns: Coltrane, Ricardo Portela, Miles Davis, Keith Jarret, Pierre Bensusan, Camaron e Paco de Lucia, Bill Evans, Michel Petrucciani, Astor Piazzola, Dino Saluzzi, Aldo Romano, Louis Sclavis, Richard Galliano, Frank Marocco, Jo Basile, Jim Hall, Joe Pass, Martin O´Connor, DarolAnger, Mike Marshall, Tony Rice, Bela Fleck, Riccardo Tesi, Subramanian, Django Reinhardt, Bach, Telemann, Debussy, Ravel, Stravinsky,…

  • 3. Qué foi o mais impactante que che aconteceu na tua música durante estes 5 anos?
    Creo que non hai un momento impactante, se non moitas vivencias reais que se convirten en milagros ó longo do tempo; o feito de ter tocado con xente á que admiras moito, o feito de ter tocado ante miles de persoas entregadas a tua música, o feito de ter tocado ante corenta persoas que admiran o que fas, a relación diaria co teu instrumento (o teu auténtico compañeiro), os momentos indescriptibles con cos teus amigos músicos no escenario, escoitar un alumno nun palco tocando ben… son inumerables momentos.

  • 4. Imagina que escuitas uma música por vez primeira, uma obra, uma cançom e que inmediatamente che encanta qué ingredientes debe levar para que isto che suceda de inmediato?
    Igual que pasa na cociña (á que son moi afeccionado), na música non hai que elexir uns ingredientes ou outros, se non hai que ter o arte e brillantez suficiente como para combinalos con éxito.

    A priori non podería contestar a esa pregunta. Si que é certo que non a todos nos gosta a misma interválica nas melodías, nen as mesmas cores na harmonía, nen os mesmos ritmos, nen os mesmos timbres, nen os mesmos tonos,…pero non creo que sexa bo ter uns prexuizos á hora de poñerse a escoitar música.

  • 5. Qué pensas que é o mais influente que aconteceu no mundo da música nestos ultimos quince anos?
    15 anos é un período moi corto como para analizar influencias no mundo da música. Se no que a música galega se refire, eu observei unha maior profesinalidade e nivel dos músicos, unha maior autosuficiencia dos músicos en campos que, a priori, non deberían abordar, xa que vai en detrimento das horas de estudo, (gravación, management, producción, prensa,…), unha certa exclusividade no ointe potencial das produccións, xa que están máis elaboradas que fai 15 anos, unha maior capacidade de exportar a nosa música, máis calidade de son nos discos, tamén foi
    salientable o interese que despertou a música galega nas compañías multinacionais (sen valorar se foi positivo ou negativo).

  • 6. O negocio musical está en crisis aberta desde fai varios anos. Qué pensas que é hoje o peor da industria e que deberia mudar?
    A política das multinacionais con respecto á música (pensan que fabrican churros en lugar de arte), o groso das produccions destas casas son productos carentes de todo valor polo seu contido baleiro.

    Deberían cambiar os canles tradicionais por outros máis actuais e efectivos coma Internet. Debería existir unha industria real na Galiza que permitise un autoabastecemento como pasa na Bretaña por exemplo, (actualmente hai máis oferta que demanda, e moitos grupos vense obrigados a explotar con capital non galego a súa producción ou a autoproducir os seus discos).

  • 7. Cómo é o proceso de composición? Donde tas, que fás, bebes algo, por donde comezas, qué deixas para o final… como xurde?
    Imaxino que como calquera músico, non teño un ritual igual. O feito de tocar instrumentos onde teño harmonía facilitame moito situar as cores no plano, e despois engadirlle unha melodía. As veces é ó reves, pensas unha melodía, e despois investigas como a podes arroupar para facela máis grande. Á hora de harmonizar gustame fixarmer na melodía que forman os voicings, como se fose unha sección de violíns, resulta máis efectivo que poñer acordes por poñelos. No estudio de gravación é interesante traballar a base de loops e samplers dos meus propios instrumentos, tamén son moi interesantes os resultados. Para min os momentos na composición que prefiro son aqueles nos que o cerebro empeza a dictar sen parar, como se fose outra persoa, neses casos sempre me gusta o que fago, magoa que non aconteza máis.

  • 8. Qual é o motivo último polo que fás música?
    Hai algo no interior que che obriga a facer música, non sei realente que é.
    Supoño que se nace con ese sentimento, pero dende logo a min faime ser mellor persoa. Se tivera que ser concreto diría que por agradarme a min e aos demáis, e polo instinto de superación que temos todos.

  • 9. Cómo te definirias musicalmente?
    Eterno aprendiz

  • 10. Qué significa vangarda musical para ti?
    Supoño que os vangardistas, pola sua capacidade abstractiva, encarganse de amosar o que unha maioría ainda non conseguiu reflexionar.

  • 11. Cómo afectou á tua música criar-te entre Madrid, Portugal e a Canhiça?
    O feito de ser fillo de emigrantes creo que te sinala dalgunha maneira, xa que vives a realidade de Galicia lixeiramente distorsionada, pero cun sentimento de amor á terra extremadamente forte. Isto aconteceu en Madrid, unha cidade onde se misturan todas as correntes musicais e as culturas do mundo. A min iso foi o que máis me marcou mentres vivin aló.

    O que máis me gustaba das estancias en Lisboa era, unha vez máis, a mistura entre Europa e Africa (de pequeno encantábame ir ver os pretos e os xitanos á praça do Rossio), e despois o tremendamente melancolicos e nostalxicos que son os lisboetas, desa mistura nace o Fado, unha música que adoro, e espero tocar ben algún día. Pódome definir como “Lusófilo”.

    Fai pouco tiven a sorte de traballar xunto a 15 músicos moi bos de Portugal nunha reelaboracion dun cancioneiro portugues, sentín que realmente son os nosos irmáns e que falan coa música nunha lingua igual á nosa.

  • 12. Em qué andas agora?
    Rematando o disco de Marful e profundizando na harmonía modal.