A Radio Galega renova a programación das mañás da fin de semana con ‘Extrarradio’ sobre a nova cultura emerxente

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 (EUROPA PRESS)

A Radio Galega renova a programación das mañás da fin de semana con ‘Extrarradio‘, en horario de 11.00 a 14.00 horas os sábados e de 10.00 horas a 13.30 horas os domingos, que estará conducido por Belén Regueira e Eduardo Herrero.

‘Extrarradio’, que comezará mañá a súa difusión, quere documentar a nova cultura emerxente en Galicia e ser un punto de referencia para os mozos e mozas galegas. Dentro dos contidos do programa haberá tempo para falar de música, cine, novas tecnoloxías e da vida cotiá dos mozos galegos, sen esquecer os problemas vitais, económicos e laborais das súas vidas.

Tamén buscará en todo momento e de xeito activo a participación dos oíntes, a través das chamadas, correos e dunha páxina web que moi pronto estará activa.

Ademais, cada semana se presentarán novos discos e maquetas de grupos galegos e se repasará a actualidade musical española e internacional. Haberá unha entrevista en profundidade con mozos e mozas representativos no ámbito cutural ou profesional, tertulias, debates e contacto constante coa nova diáspora galega.

Neste primeiro programa vistarán ‘Extrarradio’ dous grupos galegos, a banda de funk-rock ‘Loretta Martin’ e os composteláns ‘The Homens’, que presentarán a súa primeira maqueta. No tempo da tertulia falarase dos ‘Novos emigrantes’, pois son moitos os mozos galegos que deixaron a comunidade para buscar traballo ou novas perspectivas contando ademais coa participación dalgúns deles desde as Illas Canarias, Barcelona ou Londres.

En ‘Extrarradio’ colabrarán algúns dos internautas e ‘Blogueiros’ máis activos coma María Yáñez, que cada semana achegará as propostas máis interesantes e curiosas que se poden atopar na rede.

Tamén o espazo que conduce Belén Regueira e Eduardo Herrero repasará o mellor e o peor da carteleira cinematográfica da semana e farán unha ampla axenda de propostas para pasar a tarde e a noite do sábado.