Mariluz Cristóbal Caunedo en Ribadeo

O Auditorio Municipal de Ribadeo acollerá o vindeiro domingo 19, ás 20:30 horas, un concerto de Mariluz Cristóbal Caunedo, seguramente a mellor voz do folk asturiano actual, que servirá para presentar en Galiza o seu segundo disco, Cantar de Seronda. A Caunedo, como é coñecida na súa terra, canta en asturiano, a súa lingua materna e, xunto co galego -na zona eonaviega- e o castelán, unha das tres que se falan en Asturias.

M.C. Caunedo é a máis importante intérprete de tonada asturiana de hoxe en día. Forma parte do colectivo Muyeres, grupo dedicado á investigación e difusión do repertorio vocal tradicional feminino, con quen gravou 3 discos e actuou en festivais coma o de Lorient ou a Expo de Lisboa. A súa voz fíxose famosa grazas ao tema Busindre Reel que J.A.Hevia incluíu no seu disco Tierra de Nadie.

Co seu primeiro disco en solitario, Onde la ñublina posa, marcou un punto de inflexión na música asturiana. A zanfona, a harpa, o piano, o bouzoki uníanse aos instrumentos máis tradicionais en temas nos que a voz da Caunedo enche de emoción. Desde o seu programa Diálogos 3, Ramón Trecet difunde as creacións da Caunedo e convirte o disco nun clásico da música asturiana.

En Ribadeo, virá acompañada de Rubén Bada (bouzoki), Diego Pangua (frauta traveseira), Dolfu Fernández (violin), Celia González (zanfona e percusión) e Llorián García (gaita).

O concerto terá lugar o domingo 19, ás 20:30 horas, cun prezo de 5 ¤ para público xeral e 3 ¤ para estudantes, desempregados e xubilados.