información Quico Cadaval + Carlos Blanco + Cool Hamster

Benquerid@s amig@s:

Esta semana duas estrelas dos escenarios galegos concedenlle ao Bar Liceum o privilexio de contar coa sua presencia, pero desta volta xuntos: Carlos Blanco e Quico Cadaval. Os dous cos que sempre puxemos o cartel de non hai entradas acompáñanse de Cool Hamster, unha banda formada por Ramón Orencio López Castro (Orence Jr. III “Mister Cool”), Xacobe Martínez e Michel González; trio de jazz/swing/blues . A rir sen pausa e con boa musica. Sera o venres 17 as 23 horas. Os prezos 12 euros, 10 anticipada e 6 para socios. As entradas estan esgotadas. Adxuntovos unhas notas informativas e quedo a vosa disposicion para calquera cousa que precisedes, tamen podedes botar man da nosa paxina web: barliceum.com.
Unha aperta moi grande

Paco Quintas


Dúas estrelas dos escenarios galegos concédenlle ao Bar Liceum o privilexio de contar coa súa presencia, pero desta volta xuntos: Carlos Blanco e Quico Cadaval.

Quico Cadaval criouse nunha taberna, e comezou a súa vida vendo o mundo á altura da pitrina, e escoitando a confusión de voces dos clientes da súa nai. Anos despois contáballe ás amizades as aventuras daqueles tempos escuros. Un día que Mofa e Befa non deron criado un esquetch para un compromiso botaron a Cadaval ao escenario e durante 40 minutos falou X falar.

Foi o comezo da súa carreira na forma máis económica do teatro. Contar contos. Repúgnalle o vocábulo contacontos para referirse á súa arte.

Tivo dous grandes fracasos, unha actuación para bébedos enmascarados no entroido de Malpica, e un relato para presuntos asasinos na prisión federal de Pereiro de Aguiar. Tamén tivo sucesos, mais non son lembrados por ninguén.Representou a Galiza en diversos eventos internacionais de contadores de historias (Buga, Braga, Guadalajara, Luz-Saint-Sauver) e non trouxo ningún trofeo para acrescentar á vitrina da casa.

Nacido en Vilagarcía de Arousa (1959), Carlos Blanco, escritor e grande monologuista posúe unha traxectoria de máis de vinte anos en Teatro, Cine, Televisión e Radio. Foi finalista do Certame de Monólogos de “El Club de la Comedia” 2003, e ten actuado en espectáculos deste xénero por toda a xeografía galega.

Actor e director cunha ampla traxectoria teatral (The days before xunto a Isabella Rossellini, Os Xustos coa Cía. Teatro do Noroeste, e un longo etc.), é un dos actores galegos de televisión máis populares, sobre todo polo súa participación en Mareas Vivas; aínda que tamén ten protagonizado series como Terra de Miranda (TVG), ou papeis episódicos en series como Hospital Central (Tele 5), Código Fuego (Antena 3), Pratos Combinados (TVG), Una nueva vida (Tele 5), etc. Tamén participou en moitos programas da TVG como Luar , Sitio distinto…

No mundo das longametraxes iniciouse con Antón Reixa (O lápis do carpinteiro) e Patricia Ferreira (O alquimista impaciente). Tamén fixo aparición noutros filmes como Sei quen es (1999), Ilegal(2002) e Hipotálamo (2002). Conta con varios guións escritos para Mareas vivas, e traballou na Radio Galega durante dez anos.

É autor e director de Dillei, un espectáculo onde se propón unha nova vía para o xénero dos musicais en Galicia. O ano pasado participou na serie Lobos de Antena 3.

Nesta ocasión, Carlos Blanco e Quico Cadaval acompáñanse de Cool Hamster, unha banda formada por Ramón Orencio López Castro (Orence Jr. III “Mister Cool”), Xacobe Martínez e Michel González; músicos de contrastadas traxectorias.