Entrevista con OSCAR F. SANJURJO

Temos a terceira entrevista co pessoal do CMTF, con OSCAR FERNANDEZ SANJURJO, profesor de sanfona no CMTF e membro fundador de Cempés.

“Para que me goste uma canción tenme que deixar trasposto dende o principio, e depende do momento e do tipo de música, por exemplo… un preludio de gaita repentino pódeme poñer brutalmente eufórico e feliz, mais se non é o momento adecuado pódeme matar. Non hai canción perfeita so existe a escoita perfeita, teñense que xuntar moitas circunstancias a un tempo, tamén depende do nivel de esixencia que teña cada un.”


1. Cal é tua particular definición de música popular?
Un repertorio co que se identifica a unha parte da sociedade nunha determinada
época, p. ex. hai 200 anos a maioría da xente escoitaba durante
toda a súa vida só a música que interpretaban eles ou os
seus veciños e familiares. O que de ahí chegou a día de hoxe
dáselle en chamar "música popular de tal sitio", e é
asociada aos antepasados e á memoria colectiva. Mais en 200 anos mudaron
moito as cousas así hoxe en calquera país fanse novos repertorios
en moitos estilos musicais i en varios idiomas que son todos e a un tempo a música
popular de este país.

2. Cais forom as tuas influencias na maneira de entender a música
e cómo te acercaches a ela?

Os meus pais, tíos e avós sempre cantaron e algún tocaba
e toca a guitarra, despois da comida do patrón, reunións familiares,
Nadal podíanse pasar horas cantando. En gravacións en cassette
a xeito de carta sonora de cando os meus pais emigraron a Suiza, eu tiña
6 anos, aínda se gardan gravacións furtivas que me fixeron improvisando
e cantando increibles historias cheas de dramatismo… mais un día deixei
de cantar para só interesarme pola flauta, o acordeón, a guitarra,
a gaita, o que caira nas miñas mans… e ata hoxe.

3. Ao teu modo de ver que é o mais interesante socialmente que lhe
aconteceu á música durante os últimos 5 anos?

Sin duda, o inmenso fondo que hai ao alcance de calquera que teña unha
conexión a internet, tanto de gravacións como de partituras e
información sobre música e músicos.

4. Imagina que escuitas uma cançom por vez primeira e que inmediatamente
che encanta. Cómo seria a cançom perfeita?

Tenme que deixar trasposto dende o principio, e depende do momento e do tipo
de música, por exemplo un preludio de gaita repentino pódeme poñer
brutalmente eufórico e feliz, mais se non é o momento adecuado
pódeme matar. Non hai canción perfeita so existe a escoita perfeita,
teñense que xuntar moitas circunstancias a un tempo, tamén depende
do teu nivel de esixencia.

5. Cal seria o conselho que lhe dás a uma banda que tá comezando?
E a um músico que anda perdido?

Aparte de non descoidar a formación,
seña no conservatorio, aulas particulares ou pola súa conta, que
analicen o seu proxecto e intenten darlle personalidade, que pidan opinión
sincera a outros músicos que respeten e non busquen só loubanzas.
Se estás perdido, cóntallo a alguén de confianza… tódolos
músicos temos a alguén en quen confiar.

6. Qué pensas quando escuitas um grupo que sona como os Cempés
ou empregam a formula musical deste grupo?

Supoño que ainda que nunca
oiran a os Cempés coinciden con eles en valorar mais a vitalidade que
a perfección, a sensibilidade frente á complexidade, que combinan
poucos recursos con bo resultado e dende logo que o deben de pasar de putamadre….

7. Cómo comezas a trabalhar numa nova cançom? Cómo
é um dos teus dias criativos?

Houbo un tempo en que só lle
daba importancia á melodía, pois estaba concentrado na gaita ou
na flauta traveseira, máis ao empregar cada vez máis o acordeón
e compoñer para Os Cempés comencei a desenrolar un certo estilo
cos baixos que foi o xeito de traballar a harmonia no meu caso. Hoxe poido tanto
usar un secuenciador e empezar cun loop de percusion, añadir baixos e
non sacar as mans do ordenador durante horas coma pasar todo o día facendo
variacións sobre un pequeno motivo coa zanfona e soando o mesmo bordón,
calquera dos dous sistemas buscando un obxetivo, unha composición ou
arranxo con posibilidades de que se escoite en público algún día,
hai moitísimo tempo que non toco pensando só en min.

8. Cal che gostaria e cómo che gostaria que fose o futuro dos músicos
folque galego?

Un futuro con circuitos todo o ano nos que citarse cun público
esixente que recoñece que hai máis músicas que as que se
promocionan dende as multinacionais e que non é imprescindible ir a un
estadio nin a unha verbena nin a un festival de verán, para disfrutar
de boa música en directo.

9. Qué papel desempenhou o CMTF na sanfona galega e qual é
a tua visom dela como músico?

Um músico que actualmente emprega a sanfona como o seu 1º instrumento.
Penso que dende o CMTF ábrinronselle os ollos, e as orellas a moitos
músicos e non músicos con respecto á zanfona, tanto cas
aulas de alí se imparten como cas actividades, monográficos, cursos,
etc que se organizan. Eu non os inventei, mais teño a intención
de utilizar e enseñar a utilizar nela tódolos recursos técnicos
que coñezo para facer música con referencias á música
popular que se fixo e que se fai en Galicia, dende o mais "tradicional"
ao rock ou a música electrónica e atraer así a músicos
de tódolos estilos, ainda que polo momento a maioría dos que se
interesan pola zanfona son músicos do estilo tradicional ou folque, que
non son poucos. A Zanfona considerada un instrumento como calquera outro ainda
que mui ligado á música antigua pode chegar a moitísima
xente, tanto a intérpretes coma ouvintes, relegada só a un uso
nostalxico e hipertradicionalista corre o risco de convertirse nun instrumento
sectario coma era cando só a utilizaban os cegos andantes, cos que desapareceu.

10. Que significa varganda musical par ti?
Toda vangarda é unha mestura exitosa de vangardas anteriores, estou convencido
que na fusión ou chámalle "mistura acertada de estilos"
está o segredo de parecer "vanguardista" , mais é unha
búsqueda realmente dificil, sae cada bodrio… pero xa se sabe, para
gustos…

11. Cómo afectou á tua música criar-te em S. Sadurninho?

Totalmente, ainda que vivin e mais sitios a maioría da miña infancia
e adolescencia pasou alí, que tamén é onde naceu en 1978
o grupo folk "Saraibas", e co que como integrante durante 4 anos empecei
a miña relación ca vida de grupo, as viaxes, co público,
e vivín momentos irrepetibles tocando música popular galega, tamén
o que chamábamos antes fusión, algo que sempre se fixo, tamén
ai 200 anos.

12. Qué andas fazendo agora?
O de sempre, experimentar cunha orella no pasado e a outra no presentefuturo,
concéntrome na zanfona, en compoñer para ela e as Aulas que dou
e Narón, Lalín e A Coruña. Por suposto cos Os Cempés
que seguirán presentando as suas actualizacións anuais de repertorio,
a dúo co acordeón diatónico de Carlos Quintá co
que farei unha minixira de bares e outros mais grandes eventos este inverno,
tamén estou participando de cheo na gravación du novo CD do grupo
DOA ao que acompañarei no seu directo este ano, e un proxecto curioso
en trío con Marcos Viascón e Roberto Grandal que esperamos poder
presentar no verán… Algo de tempo queda, mais non moito.