Internautas á rúa contra a SGAE

Fonte: Vieiros

[23/03/2006 12:28] “A nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual vaille dar aínda máis beneficios á SGAE. Vanse incluír novos roubos en forma de canon”. Así comeza a mensaxe que buliga polos correos electrónicos chamando a unirse a unha concentración protesta diante das sedes da Sociedade Xeral de Autores. Contámoslles de paso da iniciativa Estremadura Creativa, xurdida naquela comunidade para ofertar a xestión de dereitos de autor á marxe da SGAE.

“Chámannos piratas e obrígannos a pagar por descargarmos música cando non poden probar o uso dos nosos suportes”, recolle o manifesto que pide o seguimento da convocatoria para este venres 24 ás 13h diante das sedes da SGAE, que en Galiza está na Coruña. “Compartir é legal e bo”, reivindican, “amenázannos e coaccionan a nosa liberdade de expresión, obrigaron a pechar a Frikipedia e ameazaron con silenciarnos”. Recomendámoslles ampliar información na revista musical galega Contrasurco.

Por outro lado, chega a nova da creación de Estremadura Creativa, unha entidade creada para prestarlle asesoramento aos autores sobre como ceder os dereitos das súas obras e escoller o modelo de xestión ao respecto de forma que teña “pleno dereito sobre a copia e reprodución da súa obra, a distribución, a comunicación pública e a realización de versións ou obras a orixinal”. Con ese obxetivo, promoverán o uso das licenzas Creative Commons. Os creadores da iniciativa critican que a SGAE se atribúa en exclusiva a representación dos autores e pídenlle á Junta estremeña que tal e como foi pioneira no apoio da administración ao software libre, apoie agora o espallamento das licenzas Creative Commons.