Esto está mal, isto está moi mal… son o teu amigo gaiteiriño…

There isn`t barn without straw…

Deputacións Provinciais e gaitas marcianas
O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere amosar a súa gran preocupación polos feitos acontecidos recentemente trala sinatura dun convenio de colaboración entre a Asociación de Bandas de Gaitas da Provincia de Pontevedra (ABGPP) e a Deputación pontevedresa para a implantación de varias escolas que o único que van fomentar, segundo os antecedentes existentes, será a música de corte militar, propia de Escocia, e non a galega, tal e como acontece dende hai anos na Provincia de Ourense coa súa Escola Provincial de Gaitas en mans da Deputación ourensana.

Tralas conversas mantidas coa Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) a adxudicación deste “ambicioso” proxecto caeu sen remedio en mans da ABGPP, tal e como xa sospeitabamos moitos dos gaiteiros e demais xente relacionada coa música tradicional galega que coñecemos sobradamente este tema.

É inconcebible que institucións da nosa Terra, financiadas con cartos públicos de todos, fomenten un modelo musical alleo á nosa cultura, ignorando e rexeitando as propostas presentadas por diferentes asociacións e entidades para a posta en marcha deste proxecto.

O CDG non entende como despois de 15 anos sufrindo e padecendo unha AUTÉNTICA INVASIÓN ESCOCESA EN GALICIA dende a provincia de Ourense ninguén faga prácticamente nada por evitar este tipo de acordos que misturan música e política cos cartos interesados de xente que non ten respeto pola nosa cultura. Xa que ninguén poñerá en dúbida a inexistente galeguidade destas bandas. Son todo menos galegas. Pero como di moita xente, chaman a atención, son moi bonitas e quedan moi ben. É o que se busca. Pasan os anos e os que saben que todo é un engano tamén semellan pasar de todo.

O CDG leva anos informando á xente e as cousas non melloran. Ó contrario. E non cansaremos de dicir que o que está a acontecer neste País no tocante a esta cuestión non ten perdón nin é normal. Os políticos manexan os cartos do pobo ó seu antollo, sen asesorarse previamente do que están a asinar. Dentro duns anos, cando este fenómeno sexa totalmente asumido como propio, chegarán as lamentacións. Será porque ninguén informa. Será porque ninguén avisa. Será porque ninguén di nada. O refraneiro popular di que quen avisa non é traidor. Os traidores son os que agora calan e defenden a súa “verdade”, con intereses para o seu propio beneficio. Políticos e tocadores de gaita (que non gaiteiros). Sen ningunha distinción.

Colectivo en Defensa da Gaita. A Coruña