Información Guadi Gallego e Guillermo Fernández

Benquerid@s amig@s:

Esta semana presentaremos o proxecto ESPIDO que supon unha caste de fusion por roce melodicoarmonico de dous musicos, Guadi Galego e Guillermo Fernández, compoñentes do grupo Berrogüetto. Unha mestura de creatividade que ven de dar lugar a un traballo, como o seu nome suxire, que se ispe de abalorios: tan so unha guitarra -a de Guillermo Fernández-, unha voz -a de Guadi Galego- e algunha que outra programacion dan forma aos seus temas. Con este ESPIDO, Guadi Galego e Guillermo Fernandez véñense consolidar coma nomes destacados e de prestixio no panorama da chamada world music, desta vez cunha proposta chea de sinceridade, sinxeleza e coa unica complexidade do corazon e da esencia da musica feita dende Galiza e en galego. Será o venres 31 as 23 horas. Os prezos 8 euros, 6 anticipada e 4 para socios. Adxuntovos unhas notas informativas e quedo a vosa disposicion para calquera cousa que precisedes, tamen podedes botar man da nosa paxina web http://www.barliceum.com.

Noutro orden de cousas, comentarvos tamen, que dende o primeiro de Abril o Liceum estara aberto tamen polas mañans, todolos dias ininterrumpidamente, dende as 8 da mañan ata as 2 da madrugada e as fins de semana ata as 3h30, estaremos ahi para o que precisedes. Por fin despois de moito tempo xa podedes voltar a desaiunar ao Liceum.

Unha aperta moi grande
Paco Quintas


A beleza do sinxelo
O próximo 15 de Nadal nace o proxecto ESPIDO, unha caste de fusión por roce melódicoarmónico
de dous músicos, Guadi Galego e Guillermo Fernández, compoñentes do grupo
Berrogüetto. Unha mestura de creatividade que vén de dar lugar a un traballo, como o seu nome
suxire, que se ispe de abalorios: tan só unha guitarra -a de Guillermo Fernández-, unha voz -a de
Guadi Galego- e algunha que outra programación dan forma a nove temas de composición propia,
dúas adaptacións tradicionais e un tema de Ugia Pedreira, cantante de Marful.

As traxectorias destes dous músicos, ben coñecidas dentro -e tamén fóra- do ámbito da música
popular galega, confluiron hai xa uns anos no grupo Berrogüetto. Foron con el partícipes da edición
dos discos Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001), ámbolos dous calurosamente recibidos pola
crítica e obxecto de varios premios e recoñecementos (entre eles o de Mellor Grupo Folk Europeo
de 2000 e unha nominación aos Grammy Latinos na súa edición de 2002). E tamén de numerosas
xiras por Galiza, Portugal, España, Austria, Arxentina, Dinamarca… E un fato máis de rincóns
espallados polo mundo adiante.

Sobranceiros resultados teñen obtido tamén ámbolos dous músicos nas súas xeiras en solitario.
Guadi ten colaborado como compositora e intérprete en diferentes discos de artistas tan recoñecidos
no panorama galego coma Uxía, Susana Seivane, Anubía ou Lamatumbá. Guillermo, pola súa
banda, participou en traballos discográficos de Xabier Díaz, Os Cempés, Leilía, Xosé Manuel
Budiño e Anubía, amáis de ser responsable da banda sonora de diversas curtametraxes e da
dirección musical do espectáculo Ao pé da letra. Os dous estiveron presentes, ademáis, no Celtic
Connections Festival de Glasgow, onde compartiron palco coas máis importantes figuras da música
tradicional europea.

Con este ESPIDO, Guadi Galego e Guillermo Fernández véñense consolidar coma nomes
destacados e de prestixio no panorama da chamada world music, desta vez cunha proposta chea de
sinceridade, sinxeleza e coa única complexidade do corazón e da esencia da música feita dende
Galiza e en galego.