Viva o Fu Remol. Crítica positiva.

Viva o Fu Remol!
Olga Nogueira

(Versión dunha reseña do mesmo título publicada na revista Grial, n° 169 marzo 2006)

Xénero: Crónica
Titulo: Viva o Fu remol! A música pop en Galicia
Autor: Pedro Feijoo Barreiro
Editorial: Xerais. Vigo: 2005
Páxinas: 248
Prezo: 17¤

Esta é a ficha do primeiro libro de Pedro Feijoo Barreiro, un músico metido a escritor, que nos embarca neste seu “espectáculo” guiados pola súa “(dis)capacidade literaria”. E resulta curioso a de músicos literatos – filologos musicais que hai en Galiza: Julián Hernández (Hai vida inteligente en el rock? Temas de Hoy, Madrid, 1999), Antón Reixa (Viva Galicia Beibe, Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 1994), Xurxo Souto, Pedro Feijoo… Que levará a un músico a escribir un libro? Todo músico leva un poeta dentro (Luísa Villalta, O outro lado da música, a poesía. A Nosa Terra, Vigo, 1999)?

E tamén resulta curioso o interese de Edicións Xerais de Galicia polo mundo da música. Sobre todo da “música lixeira”. Porque non hai moitos títulos no seu catálogo sobre musicoloxía, antropoloxía musical, historia da música…, pero xa comeza a haber uns cantos sobre a “música popular”: Voces ceibes de Vicente Araguas (1991), A tralla e a arroutada de Xurxo Souto (1995), a revista Bravú (con CD incluído), o Rock bravú, a paixón que queima o peito de Xavier Valiñas (1999), Viva o Fu remol! de Pedro Feijoo… El xa vai dando para abrir unha colección de música galega que anime a publicar!

Mais para alén destas apreciacións, ao Fu remol lócenlle na contrachapa dúas afirmacións verdadeiras pero escasas: “repaso a historia doméstica da música pop, ou popular, en Galicia e no noso tempo” e “constitúe unha auténtica guía de instrucións para os mozos e mozas que pretendan adentrarse no mundo do rocanrol”. Dúas afirmacións escasas, porque o libro vai moito máis alá. O libro son, en realidade, varios libros, como anuncia Suso de Toro no prólogo.

Este libro é un relato das aventuras musicais de Pedro Feijoo: un relato humano e moi interesante que, a través da súa experiencia persoal, repasa o campo musical galego dos últimos quince anos, e remata no momento actual, no que Feijoo compaxina o seu traballo como baixista do grupo Lamatumbá e o seu labor como productor nos estudios Muu! Ambos os dous, verdadeiramente meritábeis. Coma os de tod@s @s que viven da musica en Galiza.

Este libro contén unha historia da música popular en Galiza: breve, amena e simpática. Escasa e simplificada. No caso da música Bravú, por exemplo, saltase “á toureira” toda a compoñente rural (cf. cidade) que tivo este movemento, e simplifica a súa estética a unha gaita polo medio dunhas guitarras e dunha batería… E ese feito ben merecía algo máis de explicación.

Este libro é un Manual de e para a música pop en Galiza. Un manual no que aparecen as dificultades, os erros máis frecuentes, os perigos que rodean a formación dun grupo de música e a súa vida posterior: gravación da maqueta, do disco, concertos, promocións, contratos… Como manual é un traballo documentado, e comentado dunha maneira vivencial e interna ao sistema musical galego. Con nomes e apelidos que, aínda que por veces disimulados, resultan transparentes. E todo con moita humanidade e proximidade, algo que se agradece.

Este libro-manual conta ao final cun apéndice de discográficas, distribuidoras, productoras, medios de comunicación e mesmo avogados útil pero breve, e incompleto mesmo con respecto ás ducias de referencias que ateigan as follas interiores: salas de concertos, estudos de gravación, etc. Algo que obriga a ler o libro enteiro para obter toda a información. E por veces, o lector ao que vai dirixido o texto (un adolescente urbano que quere montar un grupo de música -rock preferentemente- sen ningún coñecemento previo), cansa un pouco pero, en xeral, paga a pena o esforzo. No apéndice final tamén se botan en falta máis referencias on-line, que resultan, hoxe en día, máis úteis cós tradicionais enderezos e teléfonos. Pero todo é porse a buscar en Internet…

E, por último, pero non por iso menos importante, este libro contén un Manifesto pola consolidación e mellor xestión do sistema musical galego, baseado na solidariedade e o asociacionismo. Así, atopamos afirmacións como “Necesitamos un cambio e necesitámolo xa”, como resposta á longa lista de deficiencias do sistema musical galego. Mais nestas deficiencias apenas atopamos referencias á falta de programa cultural do goberno galego en xeral, e musical en particular (alén da desafortunada intervención do ex-conselleiro de cultura Pérez Varela, na que denomina “música de feira” á música galega). Onde están os fondos sonoros nas nosas bibliotecas? E a planificación para o desenvolvemento do sector musical? Onde está a sección de música do IGAEM (alén do grupo de música tradicional)? (…) E, por último, tamén atopamos afirmacións como: “A solución pasa pola forza do colectivo, da asociación dos individuos”. Certo. Mais a solución tamén pasa pola formación dos músicos e do público, e a profesionalización do sector (aínda hoxe, unha utopía).

A aposta de Pedro Feijoo neste libro é pois variada e, como tal, arriscada: contentar a expertos e profanos, facer un libro ameno e con contido ético e estético ao mesmo tempo. E iso crea a veces contradicións, das que o autor é absolutamente consciente, e que intenta equilibrar, mesmo xustificar, ao longo da obra. Mais, pouco a pouco, consegue pór de manifesto moitas das deficiencias da música en Galiza, dunha maneira coñeira que non consegue canear a magnitude da traxedia: salas de concerto imposíbeis e outras posíbeis que acaban fechando, músicos frustrados ou emigrados (fenómeno en alza nos últimos anos), escaseza de estudos de gravación, de discográficas, de distribuidoras, etc. Mostras todas elas da falta de madurez do campo musical galego (protocampo, que diría Elías Torres). Porque a música galega como manifestación existe desde sempre, mais o que non existe aínda é a música galega como institución: algo que afecta á maneira de creala, de facela chegar a xente e de poder vivir dela.

Mais este protocampo musical galego segue medrando e diversificándose. Algo que se aprecia nas novas iniciativas educativas, empresariais, de difusión, que se ve nos estantes das tendas de discos e se escoita en moitos galiñeiros, alboios, baixos, locais sociais, e festividades varias ao longo do país: a música nace en Galiza todos os días. E a esa música nacente é a que Pedro Feijoo lle lanza os seus consellos (baseados na propia experiencia) e a súa oferta solidaria e optimista. O seu grande berro a favor do fu remol, da exaltación da vida musical activa e do traballo conxunto para mellorar as cousas.

O dito: o Fu remol é un libro imprescindíbel na biblioteca de calquera músico galego (depois de todo, tampouco hai tantos), e útil para calquera non músico que queira achegarse á engranaxe do sistema musical do país, máis alá do Luar.