SUSPENSIóN DEFINITIVA da NOITE DO TRASNO 2006

Ola.

Supoño que escoitates moitos rumores e non sabíades se eran certos ou non sobre que a celebración de A Noite do Trasno 2006 corría perigo. Pois ben, hoxe, día 20 de abril de 2006 queda suspendida definitivamente esta edición e as vindeiras do Festival.

O problema é a denegación dos permisos por parte da Consellería de Medio Ambiente. Tras a presentación dun informe negativo e a correspondente contestación pola nosa banda, hoxe chegou a resposta ao noso contrainforme, denegando o permiso para esta e as vindeiras edicións do Festival.

Como Asociación, organización e personas individuais sentímonos totalmente defraudados polo trato recibido nestes 9 anos que dura a nosa existencia e, en particular nestes 4 anos e medio que durou o proxecto do Trasno.

Por todo isto, convocamos unha rolda de prensa pública, aberta a todo o que se queira pasar por alí e á que esperamos que acuda o maior número de xente posible (o que serviría como apoio, aínda que fora moral, á nosa iniciativa e ao Festival), este sábado día 22 de abril ás 11.30 na Casa do Povo de Beluso (se alguén non sabe chegar, que se poña en contacto con nós). Nesta rolda de prensa explicaremos todo o proceso seguido, así como o informe da Consellería de Medio Ambiente, o noso contrainforme e a súa resposta definitiva, así como todos os atrancos, solucións, etc. que se fixeron por agora.

Tranquilos, porque en caso de non poder existir e querer seguir informado, podes poñerte en contacto con nós e gustosamente te informaremos.

Nada máis, espero que esta mala nova chegue ao máximo número de xente posible e que a rolda de prensa do sábado sexa un éxito.

Sentimos as molestias causadas durante estes 4 anos… non prometemos seguir loitando por unha cultura, ocio e, aínda que pensen que non, boa saúde medio ambiental, porque xa foron moitos paus e non cremos que valga a pena seguir pelexando por cousas que só a nós nos parecen importantes.

Gracias a todos polo apollo mostrado
Un saúdo

Andrés Lamosa Barros
ASOCIACIÓN MOZAS E MOZOS DE BELUSO
Telf. 696 874 392
www.mozasemozos.orgwww.anoitedotrasno.org