Presentación do 2º disco de Malvela. Sala Nasa.

MALVELA + VOZES DA RÁDIO
NATAL DOS SIMPLES. Na Sala Nasa de Compostela ás 21 o 21 de decembro.

Vozes da Radio, o mellor grupo vocal “a capella” da actualidade en Portugal, e Malvela, grupo de cantareiras de Mos, presentan un espectáculo conxunto titulado “Natal dos Simples”, no que abordarán un percorrido polo Nadal da xente do pobo, un Nadal sen artificios, para retomar o camiño do entendemento e volver a andar polas corredoiras do Nadal galego, do Natal portugués e do Nadal de todo o mundo.

O grupo Malvela xurdiu a partir dun cursiño de cantos populares dirixido pola cantante Uxía e organizado hai xa uns anos pola Asociación de Mulleres Rurais de Mos. O que nun principio foi unha actividade cultural, logo deu en converterse nunha paixón continuada ata que a madurez e as ganas de rescatar e transmitir as cancións que gardaban na súa memoria levaron a Malvela a concebir unha actividade artística fóra do tradicional ámbito doméstico. Malvela transmite un ambiente festivo ao que contribúe tamén o feito de aunar distintas xeracións de mulleres: dende a veteranía dos setenta e nove anos da Sra. Carmen ata os vinteseis da gaiteira Raquel, a máis nova. Malvela presenta agora un novo traballo discográfico (CD+DVD): ” O AGHINALDO”, dedicado íntegramente aos cantos de Nadal (panxoliñas, aninovos, xaneiras e cantos de reis que os Ranchos e Rondallas popularizaron na comarca do Val da Louriña). Ademáis das pezas tradicionais que aprenderon na súa bisbarra e que elas mesmas gardaban na memoria, sumarán tamén novas composicións que enriquecen este precioso acerbo cultural.

Vozes da Rádio é un quinteto vocal formado en 1991 na cidade do Porto. Desde entón editaron cinco CD’s, actuaron por todo o país en escenarios tan distintos como o Estádio de Alvalade, Centro Cultural de Belém, Coliseu do Porto e de Lisboa, Teatro D. Maria II, a Queima da Fitas do Porto e mesmo viaxaron a Macau para participar no Festival Internacional de Música, tendo recebido fortes eloxios da crítica especializada. Nas súas actuacións alternan as versións de cancións ben coñecidas e temas propios, nos que sobresae unha hilarante crítica social, conformando un estilo moi orixinal que abranxe o humor, a sorpresa e a extravagancia, pero cun apurado traballo técnico e melódico.