Concurso de ideas pola lingua

There isn`t barn without straw…

E.P. SANTIAGO

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, destacou onte que moitos dos funcionarios da Xunta de Galicia “xa utilizan” o galego, aínda que defendeu a posta en marcha de iniciativas para estender esta utilización a “todas as institucións” que dependen da administración autonómica e facer do idioma algo “máis habitual”.

A secretaria xeral de Política Lingüística presentou en Ourense unha iniciativa piloto para promocionar o uso do galego entre os funcionarios en todas as delegacións provinciais ourensáns e institucións dependentes da Xunta de Galicia.

López manifestou que con esta iniciativa se trata de “potenciar e promocionar” o uso do galego, xa que, nalgúns departamentos, como na Policía Autonómica “xa se utiliza o galego normalmente” aínda que “hai que apoialo aínda máis” para que este emprego “sexa habitual”. Ademais, defendeu que os traballadores da Administración Pública galega deben ser “os primeiros” en defender a utilización da lingua galega. Así, indicou que para iso, deben adoptar a súa utilización como “medio de contacto coa cidadanías, as institucións e as empresas “que demanden os seus servizos.

Marisol López asegurou que espera que desta iniciativa se obteñan “bos resultados” e para iso, a primeira iniciativa será convocar un concurso de ideas entre o funcionariado, para involucrar os traballadores no proceso de normalización lingüística. Concursos de relatos, carteis de promoción ou lemas publicitarios son algunhas das suxestións que se poden facer.

Así mesmo, a secretaria xeral de Política Lingüística destacou que pretende pór en marcha unhas xornadas de sensibilización sobre a lingua galega, dirixida ós funcionarios da provincia de Ourense para que “redunde nunha maior valoración da lingua e nun maior uso”.

O Equipo de Normalización Lingüística estará integrado pola delegada provincial, que o presidirá, a secretaria provincial, que actuará como secretaria, e nove membros máis da delegación que actuarán como vogais. Entre as súas funcións está velar polo cumprimento da lexislación no que se refire á lingua, propoñer medidas e facer un seguimento da súa aplicación.

O programa ten como principais obxectivos responsabilizar o persoal da Administración sobre as súas obrigas no tocante á normalización lingüística. A curto prazo, ademais da creación do Equipo de Normalización e da convocatoria do concurso de ideas, está previsto organizar actividades formativas que abordarán diversos temas.

martes, 25 abril 2006 …quedades avisados…