Os mellores jazzistas estarán esta semana na Coruña

There isn`t barn without straw…

Dúas das máis importantes figuras do jazz contemporáneo estarán esta semana na Coruña da man da Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Fundación, que ven presentando o seu ciclo de jazz dende 1995 conta coa pianista Eliane Elias e Jim Hall para esta, a súa decimoprimeira edición. Os concertos celebraranse o xoves e o sábado e a entrada é de balde previa retirada de invitación.

O xoves 27 de abril, Eliane Elias Quartet levará á sede da fundación a súa fusión de puro jazz cos clásicos da música brasileira. Eliane Elias é pianista, cantante e compositora. Recoñecida en todo o mundo como unha dos mellores músicos de jazz pola súa gran técnica no teclado, complementada en ocasións co seu doce acento brasileiro. Obtivo importantes premios musicais e gravou como líder do seu propio grupo, e tamén xunto a músicos da talla de Herbie Hancock (en dúo de pianos), os Brecker Brothers, Joe Henderson, Oscar Castro-Neves ou Jack Dejohnette. Participou en dous dos proxectos máis interesantes de jazz latino, o Brasil Project de Toots Thielemans e a película Calle 54 de Fernando Trueba. O seu grupo actual conta cun dos grandes contrabaixistas da historia do jazz, o americano Marc Johnson.

O sábado 29 de Abril será o guitarrista americano Jim Hall quen tome o protagonismo. Para unha gran maioría de afeccionados e músicos profesionais como Pat Metheny, Charlie Haden e moitos outros de primerísimo nivel, o guitarrista máis respectado e representativo do son da clásica guitarra de jazz é, sen ningunha dúbida, o americano Jim Hall. Ata é admirado polos mestres de guitarra clásica debido á súa versión do Concerto de Aranxuez, un dos discos máis vendidos na historia do jazz e no que figuran Chet Baker, Paul Desmond e Ron Carter, entre outros. Na Coruña, Jim Hall actuará xunto co pianista Geoff Keezer, o baixista Scott Colley e o batería Terry Clarke.