17 de maio Día das Letras

Prezada compañeira,
prezado compañeiro:

Achégase a data para a celebración do Día das Letras, que este ano coincidirá en pleno proceso de elaboración do novo Estatuto de Autonomía. Este momento histórico especial fai que desde A Mesa pola Normalización Lingüística se convoque para o 17 de maio unha manifestación lúdica e reivindicativa para demandar que o galego acade o marco legal que lle corresponde como lingua propia de Galiza. Esta manifestación, que agardamos que sexa masiva, partirá ás 12 horas da Alameda de Santiago de Compostela.


Podemos lograr que o galego non estea por máis tempo nunha situación de inferioridade xurídica e que haxa garantías de primeiro nivel que impidan as discriminacións que se continúan a producir. Estamos perante unha oportunidade histórica para que a nosa lingua dea un salto adiante de verdade, polo que cómpre que todos os axentes sociais esteamos á altura do que este país e este tempo histórico demandan.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística convidámosvos a participar de xeito activo nesta manifestación que partirá ás 12 horas da Alameda de Santiago, a través de diferentes vías:

  • Coa vosa asistencia, subscrición e divulgación do manifesto.
  • Preparando, se o considerades oportuno, as vosas propias demandas en materia lingüística.
  • Mantendo unha comunicación fluída entre ambas as organizacións.
  • Participando activamente na manifestación.
  • Enviando o voso propio comunicado á imprensa convidando á cidadanía a participar na mobilización.

A nosa proposta pasa tamén por entregar no Parlamento galego o manifesto “Porque temos, porque queremos, porque debemos”, subscrito pola entidades adheridas. Podedes adherirvos a través do correo electrónico amesa@amesanl.org

Ficamos, pois, ao voso dispor para combinar as accións pertinentes para o vindeiro 17 de maio.

Recibide un cordial saúdo,
Carlos Manuel Callón Torres
Presidente da Mesa


PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS

O Estatuto da normalidade lingüística
O galego: un dereito, un deber

PORQUE TEMOS unha lingua propia. Unha lingua que nos une como galegas e galegos e que contribúe ao noso xeito de ver o mundo.

PORQUE QUEREMOS poder utilizar esta lingua para calquera cousa do noso día a día e que calquera galega ou galego poida gozar tamén do seu uso. Para xogar, para ouvir a radio, para facer xestións por internet, para casar, para soñar…

PORQUE DEBEMOS protexer unha das nosas grandes riquezas como pobo.

Na actualidade, despois de 25 anos do actual Estatuto, o galego continúa a estar mesmo moi por debaixo dos niveis mínimos de teórica cooficialidade. O debate do novo Estatuto supón unha oportunidade histórica para superar a situación de discriminacións que continúa a padecer a nosa lingua e quen quere utilizala con normalidade.

Precisamos dun Estatuto que solucione o problema: podermos exercer como galegos e galegas na Galiza. Un Estatuto que non manteña por máis tempo o galego nunha situación de inferioridade a respecto do castelán. Un Estatuto que garanta o dereito individual de calquera persoa a poder vivir en galego. Un Estatuto que garanta o dereito colectivo á lingua propia. Porque ao galego deben corresponderlle todas as garantías dunha lingua oficial.

O galego é o idioma do Estado que máis precisa das garantías dun novo Estatuto. Mentres en Cataluña ou Euskadi houbo gobernos autonómicos que desenvolveron políticas que serviron para recuperar e estender eficazmente as súas linguas, en Galiza non só non se desenvolveu o tímido marco legal, senón que mesmo se permitiu a súa vulneración. A pesar desta falta de implicación das institucións, que conlevou unha forte caída de falantes nas xeracións máis novas, o galego continúa a ser a lingua espontánea de uso habitual para a maioría da poboación.

Que no Estatuto de autonomía figure o galego como “dereito e deber” ou que conteña unha carta de dereitos lingüísticos, significaría unha garantía de primeiro nivel para que o galego supere a situación de cooficialidade subalterna. Precisamos garantías para que a galeguización do ensino, o uso do galego nos medios públicos, nas administracións, etc, non dependa da maioría electoral conxuntural nin da mobilización permanente da sociedade.

PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS, as persoas e entidades que apoiamos esta mobilización do 17 de maio de 2006, conscientes do reto histórico, demandamos para o novo Estatuto de Galiza:

    1. Que se manteña a obriga dos poderes públicos de contribuír a normalizar a nosa lingua.

    2. Que se recoñeza o dereito a usar e o deber a coñecer o galego, dándolle plena validez xurídica ás comunicacións na nosa lingua en todos os ámbitos.

    3. Que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos.

    4. Que se regule o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe tamén a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza. O persoal ao servizo das Administracións públicas debe estar capacitado e en disposición de usar o galego como lingua propia das Administracións galegas e as situadas na Galiza.

    5. Todo o persoal da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galiza, han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística.

    6. Que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario.

    7. Que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE.

    8. Que o Goberno galego promova a comunicación e cooperación cos outros territorios que pertencen ao sistema lingüístico galego-portugués.

    9. Que o Goberno galego fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza.

Pedímoslle a todas as forzas políticas e axentes sociais que estean á altura do que este país e este tempo histórico demandan. Un Estatuto que recolla artigos no sentido antedito rachará os alicerces que sustentan as graves discriminacións que aínda padece o galego.

Ademais, para alén do sinalado no importante debate estatutario, agardamos que desde o novo Goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego.

Porque TEMOS unha lingua propia e QUEREMOS vivir e aprender en galego, hoxe DEBEMOS exixir o cumprimento do noso dereito.