X Festa da Marosa en Burela os 19 e 20 de maio 2006

X EDICIÓN DA FESTA DA MAROSA – “GOZA CO SABER DO POVO”
venres 19 e sábado 20
Este ano, para celebrar os 10 anos da festa, engádese un día máis de festa con programación galega.

VENRES 19 DE MAIO

Hora: 20:30 h.
Lugar: Carpa xunto á praia da Marosa (Burela)
Acto: CHOURIZADA POPULAR, a cargo da Asociación Cultural Ledicia

Hora: 22:00 h. Comeza o espectáculo musical.
Lugar: Carpa xunto á praia da Marosa (Burela)
Actuacións musicais:

  • AS FERREÑAS
  • BATUKO TABANKA + DIAPORAMA DE XULIO VILLARINO
  • FÍA NA ROCA

A Festa continuará cos músicos e músicas que todos os anos rematan
coa Foliada do vento mariño.

SÁBADO 14 DE MAIO

Hora: 13:00 h.
Lugar: Carpa xunto á praia da Marosa (Burela)
Acto: SESIÓN VERMÚ con UNCLEALBINODJ

Hora: 17:00 h.
Lugar: Casa da Cultura (Burela)
Acto: Proxección do filme: “O soño dunha noite de San Xoán”

Hora: 22:00 h. Comeza o espectáculo musical
Lugar: Carpa xunto á praia da Marosa (Burela)
As actuacións:

  • DANI BELLÓN E DIEGO MACEIRAS
  • LEILÍA
  • A COMPAÑÍA DO RUÍDO
  • AS GAROTAS DE RIBEIRA, entre grupo e grupo escoitaremos as regueifas provocadoras deste dúo feminino de rapeiras galegas.

O Festival finalizará coa segunda parte da Foliada do vento mariño.

Xa avanzada a noite farase a tradicional QUEIMADA e ofreceranse BOLOS PREÑADOS.

Lembrade que no festival hai ENTRADA DE BALDE!!!

ACTOS DO FESTIVAL DA MAROSA
Nesta edición 2.006, a Festa da Marosa cumpre o seu 10º aniversario polo que a organización decide celebralo con todos/as os/as incondicionais, ampliando o evento a dous días, en vez de un, como se viña realizando nos anos anteriores.
Agardamos que a programación sexa do voso agrado, e que, como en cada nova Edición, a asistencia de público, de todas as idades, véxase incrementado.

Venres, 19 de maio de 2006
Ritmos lucenses

AS FERREÑAS, axóuxere tradicional creado na vila de Burela. As seis ferreñas que compoñen esta proposta musical abrirán o 10º aniversario da Festa da Marosa, neste ano 2006. As pandeiretas axitadas por doce doces mans xunto ás potentes gorxas destas mulleres mariñáns farán danzar os nosos corpos dispostos para un comezo de festa moi prometedor. Este ruxerruxe musical comprometerase a ser “profeta na súa terra”.

BATUKO TABANKA aínda que non precisan de presentación,… Este grupo musical composto por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde e afincadas na Mariña lucense desde hai décadas, dispóñense no escenario sentadas, en forma de abano, batendo con furia e alegría as súas mans sobre un pano pregado e forrado, que colocan entre as pernas: o batuko. Trebón percusivo que medra e reflúe periodicamente, acompañando cánticos entre os que se colan risos e desafíos. Unha proposta que reflicte a mensaxe máis positiva da emigración: o respecto e o diálogo, resumido en unha palabra crioula: SABI!!!

XULIO VILLARINO, Xulio Villarino é un profesional de ver a vida pasar por detrás dunha lente. Nacido en Fazouro e vividor no Porto de Bares é un dos fotógrafos do estado español máis premiados e recoñecidos a nivel internacional. Personaxe comprometido coas mensaxes do cotián, presenta, en primicia, nesta primeira xornada de festa, unha serie de fotografías tomadas na viaxe que vén de realizar coas Batuko Tabanka a Cabo Verde. Mestura entre ritmos musicais e visuais no escenario nunha noite de artistas achegados á Marosa.

FÍA NA ROCA. Sen dúbida a súa aparición foi un dos acontecementos clave no panorama musical galego da década dos 90. Con catro discos editados ata o momento, e formación renovada, o grupo logra atrapar e emocionar á audiencia, tanto durante as súas pasaxes máis melancólicas e intimistas, coma nas máis vivas e ledas. Aire fresco e moita luz desde as profundidades dun país húmido e gris. Un concerto sorprendente e de alta calidade, libre e despreocupado, no que tradición, evolución, vangarda, jazz, rock, funky, folk,… son tan só materiais para a construción deste edificio sonoro que está no máis alto nivel da arquitectura musical de Galiza.

Sábado, 20 de maio de 2006
Ritmos galegos

UNCLEALBINODJ. A introdución este ano dun espazo de encontro interxeracional por natureza, como é a Sesión Vermú, estará amenizado polo primeiro Dj. residente da Festa da Marosa, UncleAlbino. Unha nova forma de quentar os pratos antes de comer, con compactos das últimas tendencias en músicas do mundo e con toques de electro e hip hop. Todo un luxo poder aproveitar estas primeiras horas de luz marosiana para escoitar boa música e tomar un aperitivo ao son do Mar.

AS GAROTAS DA RIBEIRA, dúo feminino de rapeiras galegas afincadas en Barcelona, e actualmente moi coñecidas pola súa aparición semanal no programa Luar. Intérpretes da canción improvisada, revolucionarias das regueifas máis provocadoras, son as perfectas fiadoras desta noite de Festa. Paola, de Carnota e Sofía de Porto de Son farán vibrar as mentes espertas de todos/as os/as espectadores/as.

DANI BELLÓN E DIEGO MACEIRAS. Este dúo, gaita galega e acordeón diatónico, nace na primavera de 2005, co fin de interpretar melodías de diferentes culturas, mais tamén temas da súa propia autoría, priorizando sempre a variedade que define as múltiples posibilidades dos dous instrumentos.
Daniel Bellón, posúe un dos currículos máis importantes do mundo da música tradicional galega, sendo hoxe o gaiteiro máis laureado da historia de Galiza. Diego Maceiras, nacido en 1984, acordeonista iniciado da man do Mestre Manuel Cociña e tamén de Roberto Grandal ou Javier Díaz, segue coa súa formación no Conservatorio Profesional de música de Oviedo, onde está a rematar o grao medio.

LEILÍA. Baixo a palabra patrimonial Leilía, antigo nome que recibían unhas determinadas coplas populares galegas, naceu, en 1989, unha formación de mulleres que querían dar vida ao pasado a través do presente e que hoxe, xa recoñecidas internacionalmente, seguen a apostar pola merecida proxección de futuro da tradición oral galega.

Son de Leilía, o seu último traballo discográfico, recompila 15 anos de traxectoria musical que será presentado polas cantareiras de Leilía: Felisa, Patricia, Ana, Mercedes e Montse Rivera Crespo, acompañadas por: Xoán Porto (gaita, acordeón e teclados), Guillermo Fernández (guitarra), Matilde Balseiro (clarinete e saxos), Juan Carlos Durán (baixo), e Alfredo Teijeiro (batería).

A COMPAÑÍA DO RUÍDO, Só existe o ruído!, poderemos comprobalo grazas a unha ducia de músicos de Ribeira ao son da máis fresca patxanga. Esta banda enmárcase dentro do chamado “mestizaxe”.Na procura de novas ideas, A Compañía do Ruído remexe a tarteira e condimenta con especias de Samba, aderézalle un pouco de Swing, Son, Rumba Galaica e algunha que outra tonadilla Balcánica, o que lle dá un toque máis festivo, sen esquecerse do corrido picantón, nin das guitarras con distorsión.

A CHOURIZADA (O venres, 19 de maio)
Tamén temos a sorte de contar este ano coa colaboración dos mellores asadores da vila para agasallar aos padais máis esixentes. Coa colaboración da asociación cultural Ledicia e os voluntarios achegados á festa, poderemos facer realidade unha ilusión coa que levamos anos soñando. Poder integrar na festa ao maior número de persoas, das máis diversas idades e sobre todo, poder gozar dunha “festa para tod@s” é para nós un verdadeiro luxo.

PARA OS MÁIS PEQUENOS (O sábado, 20 de maio)
CINEMA. Nesta edición propoñemos aos máis pequenos que se acheguen á Casa de Cultura de Burela,para que podan gozar coa proxección da película de animación galega: “O soño dunha noite de San Xoán”, baseada nunha obra de William Shakespeare e premiada na última edición dos “Premios Goya” cun galardón á mellor película de animación.

A QUEIMADA (O sábado, 20 de maio)
A purificación etílica das nosas almas correrá a cargo un ano máis, do conxuro especial que realiza o mestre queimador José Vicente. Obrigad@s compañeiro!!!