Ugia Pedreira. Dirección

Artista, licenciada en Psicoloxía pola USC. Ugia Pedreira é coñecida na música tradicional polos tres discos editados co seu anterior grupo Chouteira e polas súas constantes colaboracións en distintos estilos musicais: o Musical Dillei con Carlos Blanco, Nación Reixa, Banda Basotti, Eliseo Parra, o espectáculo “Son delas”, Xenreira, Susana Seivane, Cempés, A matraca Perversa, a música para a exposición Narracións do escultor Caxigueiro, a música para a primeira obra de danza contemporánea galega “Laradas” da Compañía Doble Xiro, o espazo sonoro do “Canto do Dime-dime” e agora para “O Tío Vania” de Factoría Teatro, a música para exposición “Xógaras” do xoieiro Miguel Caamaño…

En abril de 2005 estrea a música do trío Nordestin@s, sobre cancións mariñeiras do Norte da Galiza con Guadi Galego e Abe Rábade. Ese mesmo é o nome do seu proxecto con Xabier Díaz (no Serán Urbán Alternativo Hei Bailar!), porque Nordestinos/as son estas tres voces norteñas que fan cancións desde o mar do Norte, e que se atoparon e intercambian letras, melodías, confesións e poemas.
Igualmente coordina o espectáculo colectivo “Ao pé da letra”, composto por sete grupos da vangarda musical galega que teñen como motivo principal tomar a palabra chea de contidos onde ademais actúa co seu proxecto musical máis actual: Marful.

Ugia creou no ano 2000 o CMTF de Lalín e, desde aquela dirixe este centro onde imparte aulas de canto. Nestes cinco anos desenvolveu un proxecto curricular de aula para o canto galego e realizou labores de deseño, produción artística e executiva.