Pilar Araujo. Produción

A súa andaina polo eido da música comezou no ano 1984, cando entrou como estudante no Conservatorio Superior de Música de Vigo. De destacar é a súa participación como acordeonista e cantante no grupo Chouteira, desde os seus comezos ata o ano 1994. A partir daquela, xa fóra de Galicia, decide especializarse nos cantos do mundo, na dirección coral e na pedagoxía musical infantil. Así é que tanto en Almería, Inglaterra ou Escocia, participa e dirixe varias formacións vocais, con amplo repertorio de cantos do mundo, ao mesmo tempo que coordina programas de animación musical infantil.

A comezos do ano 2003 convértese na directora artística da XXI Xuntanza de Coros de Inglaterra, tanto da sección adulta como da infantil. Desde que voltou a Galicia, traballa como produtora, profesora asociada e, máis recentemente, coordinadora e profesora da Escola Folque Infantil (EFI), dentro do CMTF de Lalín.