Oscar Fernández. Profesor de zanfona

Comeza co grupo Saraibas no ano 1978 tocando o acordeón e outros instrumentos. En dúo con Carlos Zaera (Gaita) recibe o premio de Maitres Soneurs no apartado de dúos no Festival de Saint Chartier (Francia) do ano 1982. No ano 1984 deixa o grupo Saraibas e empeza a dirixir un proxecto de música tradicional que sería logo e ata hoxe o grupo Os Cempés concentrándose no acordeón e a zanfona e dirixindo as grabacións de “¡¡Opa iii!!”, “Capitán Re”, “Circo Montecuruto”, “Moe a Moa” e participando en xiras e festivais de Galicia, España e varios países de Europa.

Posteriormente, recibe o terceiro premio no concurso da 28 edición do festival de Saint Chartier (Francia), no apartado de solistas con dúas composicións para zanfona, o primeiro premio de composición do Festival Cidade Vella de Compostela e o encargo da composición da peza obrigada para o concurso de Gaita Constantino Bellón.

Colabora en traballos discográficos de artistas como Uxía, O Jarbanzo Negro, Linho do Cuco, Chouteira, Xochilmica, Marivi Cabo e a banda sonora da cortametraxe “As Muxicas”, do realizador galego Carlos Alberto Alonso.

No verán de 2003 participa con dous temas de composición propia no disco “La Zanfona”, xunto aos máis prestixiosos zanfonistas do estado, como Rafa Martín, Germán Díaz, Marc Egea…

Actualmente é mestre da aula de zanfona no CMTF de Lalín, na escola de zanfonas do coro Cantigas da Terra da Coruña e na escola municipal de Música de Narón.