Anabel Santiago no Ciclo de Músicas Portuarias. Venres 4 Xullo
1 de Xullo 2008 - Enviado por Folque a: NovasTrackback
O Ciclo de Músicas Portuarias pretende revalorizar esa música popular -ás veces esquecida como tal- que xurdiu da mistura cultural nos puntos de partida e chegada dos seus pobos: os portos. Música de taberna, de emigración, de ida e volta, de influencias de ultramar…
O 3º concerto do Ciclo achega a tonada asturiana, un xénero propio cheo de referencias doutros lugares. Unha mistura de estilo rural e urbano, coplas dun lirismo desgarrado e sentido que está a ser actualizado pola voz máis fresca de Asturias: Anabel Santiago, quen en pouco tempo fixo rexurdir este xénero de canción dende o respecto á tradición e a liberdade interpretativa.
Nacida en Bos Aires no 1982 é unha artista precoz que leva gravando dende os 12 anos. Dende o 1995 comeza a gañar os concursos máis importantes da tonada asturiana: Ciudad de Oviedo, de Xixón, Avilés… dos que é contratada polo goberno do Principado para actuar en Europa e Latinoamérica e empeza a subirse a escenarios de festivais folque coma os de Lorient ou Segovia. Curtida en bandas de estilos tan diversos coma o folque (La Bandina), o rock (Dixebra), o jazz/fusión (Tino di Geraldo), o hip hop (Dark la EME).
Edita o seu 1º traballo “Tierra de Sueños” no 2001, en clave tradicional. No 2003, co seu segundo disco “Al son de la Lluna”, supón a revolución anunciada para a tonada e canto asturiano. Funde o acústico co electrónico e consolida a súa carreira en solitario. Nesta época coñece ao guitarrista, arranxista e produtor Michael Lee Wolfe con quen manterá unha relación profesional intensa e de grande calidade artística en proxectos con diferentes formacións. Canda o gaiteiro/cantante Alberto Varillas, Anabel é a estrela do novo espectáculo Torner con estrea e CD no 2005. No 2006 “Anabel Santiago canta a Diamantina Rodríguez”, un novo traballo discográfico aclamado pola crítica especializada onde rende homenaxe a un dos grandes nomes da música asturiana.
“Desnuda” é o seu último traballo e reunirá en Ferrol a 9 músicos no escenario interpretando unha ampla selección de cancións dende tangos modernos ao country sen esquecer cancións tradicionais asturianas nas que fundamenta o seu repertorio.
Formación en escea:
- Anabel Santiago: voz
- Michael Lee Wolfe: guitarras, mandolina, coros
- María Álvarez: acordeón
- Jacobo de Miguel: teclados
- Manuel Cordero: percusións tradicionais
- Sergio García: batería
- David Casillas: contrabaixo
- Puri Penín, Gemma Fdez e Silvia Fernández: coros
Máis información, fotos, descargas en:
Páxina web:
www.anabelsantiago.com
Sitio MySpace:
www.myspace.com/anabelsantiago
Comentarios
Comentarios fechados