jump to navigation

1º concerto matutino aCF: Dúo Edelmiro Fernández – Francisco Estévez “Chuco”

22 de Outubro 2008 - Enviado por Folque a: Novas
Trackback

Este domingo 26 de outubro ás 13 h no Centro Socio-cultural de Conxo comezarán as actividades matutinas de aCentral Folque en Santiago de Compostela.

Serán dous concertos e unha mostra de instrumentos tradicionais en centros socio-culturais da cidade os domingos pola mañán.

Os encargados de abrir esta rolda serán o mestre de gaita Edelmiro Fernández acompañado co tambor de Francisco Estévez “Chuco”, mestre de percusión de aCentral Folque.

chuco-edelmiro

Biografías:
Francisco Estévez “Chuco”

Iniciou a carreira de percusión tradicional da man de Henrique Otero Covelo (mestre de gaita no Conservatorio Superior de Vigo) como integrante na formación “Amieiros do Lagares” de Lavadores nos anos 80.

Participa tamén na Banda de Gaitas “Raigames” (1981) dirixida polo mesmo mestre e punto  de encontro con outros músicos que máis tarde fundarían o “Colectivo Paseniño” (1982) realizando o primeiro rexistro sonoro en colaboración co contacontos “O Xestal” (1988).

É colaborador do mestre Ricardo Portela ó que acompaña en diversas actuacións e tamén na gravación do seu derradeiro disco “Alborada en Cotobade”.

Forma parte dende o 1997 do grupo “Chouteira” co que grava integramente os Cds: “Ghuaue” (1998) e  “Folla de lata” (2001) e forma parte doutras compilacións colectivas coma A cantar con Xabarin”,   “Bambán”, “Cantigas de Nadal”,  “Paisaxes”, A Putumayo Word Christmas”.

Realizou a través da súa carreira diferentes colaboracións ocasionais con grupos como Noitarega, Muxicas ou Mattocongrio.
Actualmente traballa con “Tinta Femia”, agrupación formada por algúns dos ex-compoñentes de Chouteira.

Coma docente,  imparte aulas de percusión en diferentes centros culturais e asociacións de Vigo e bisbarra das que varios dos seus alumnos destacan como membros de grupos actuais coma  “Xistra de Coruxo”, “Violia”, “Os Carunchos”, “Millaradas” ou “Linho do cuco”.

Participou coma relator na actividade de Instrumentos Musicais Na Escola (Percusión Tradicional Galega) en Pontevedra (1998)  e coma ponente no “II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega” organizado pola Asociación Sociopedagóxica Galega, celebrado no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela de Decembro de 2007.

É mestre do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín no que ademais de impartir clases ten realizado diversos cursos de distintos estilos de  percusión da man de mestres coma: Eliseo Parra, Dominic Molard (Tabla India), Xavier Extnaiz e Juan Extnaiz  (Obradoiro de Txalaparta), Marcos Teira (aproximación ó flamenco), Xurxo A. Toncoso (Percusión brasileira), ou Pedro Estevan (percusión manual e música antiga).

Edelmiro Fernández
Iniciou á súa andaina musical aos 12 anos na Escola de Gaitas de Ribeira, formando parte da Banda Ancoradoiro e estudando linguaxe musical no Conservatorio de Santiago. Ademais realiza distintos cursos de dixitación, percusión e pedagoxía musical. É Diplomado en Educación Musical pola Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela.

A partir de 1986 forma parte do cuarteto de Gaitas Ancoradoiro e dende o 2002 de Laghareu cos que acada importantes premios (Ponteareas, Memorial Ricardo Portela, Cerdido,…).
En 1990 comeza a súa carreira como gaiteiro solista, acadando o primeiro posto en diversos concursos: McCallan (Lorient), Caixa Galicia, Xacarandaina e Avelino Cachafeiro. Colabora tamén con bandas de diferentes estilos: Laio, Xochilmica, Amistades Peligrosas; en diferentes espectáculos coma o Europeé Celtique de Eddie Maguire ou The Pilgrim de Shaun Davey.

Como docente é o profesor de gaita do Conservatorio de  Música Tradicional e Folque de Lalín dende o 2001, director e mestre de gaita e percusión da Banda de Gaitas Municipal da Serra de Outes e dos grupos de gaitas “A mámoa” de Luou (Teo) e Tahume de Olveira (Ribeira).

Ademais desta laboura académica, imparte regularmente cursos intensivos dende o 1999 coma os de “Recursos Técnicos e Expresivos de Interpretación para Gaita”, en Vigo ; Master Class de Gaita Galega no Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña) nos anos 2001 e 2005; Seminario práctico de gaita no “I e II Curso de Especialización en Música Tradicional Galega” da USC (2004 e 2005); “Recursos Técnicos e Interpretativos” para gaita (Cangas, Decembro 2007 / Xaneiro 2008).

Comentarios

1. gaitomano - 22 de Outubro, 2008

Dous grandes!!!, moita sorte e bicos!!!

2. monica - 27 de Outubro, 2008

o que acompañou a edelemiro foi miguel souto

3. Eu - 28 de Outubro, 2008

O II congreso de ensinantes, foi organizado pola AGG, non pola Asociación Sociopedagóxica Galega, como pon no curriculo de Chuco. Parece que tedes algo contra a AGG

4. Folque - 29 de Outubro, 2008

Gracias pola aclaración, Eu.
certamente a información non é exacta, o Congreso de Ensinantes organízao a AGG e ten coma parceiro a ASG e CIGa Ensino.