jump to navigation

Uxía e Emilio Cao no espello, 1ª conversa aberta na EAEM

5 de Novembro 2008 - Enviado por Folque a: Novas
Trackback

Será este sábado 8 de novembro ás 19.30 h na sé pedagóxica de aCentral Folque Compostela, no auditorio Escola Altos Estudos Musicais de Santiago.

Constará de unha mesa redonda denominada “Uxía e Emilio Cao no espello” e a presentación editorial de Etno-folk, revista galega de musicoloxía.

emilio_cao

aCentral Folque, organiza unha serie de actividades que unen nunha tarde unha presentación editorial e unhas mesas redondas baixo a denominación “conversas abertas” na que varios ponentes relacionados co mundo da música falarán sobre diferentes aspectos da realidade artística galega: difusión cultural a nivel internacional e comercial; novas tendencias a explorar; experiencias artísticas de profesionais en activo. Músicos, productores, comunicadores,… participarán dun xeito distendido e aberto os sábados á tarde na sé educativa de aCentral Folque no parque de Vista Alegre.

Para a primeira entrega se presentará Etno-folk, revista galega de etnomusicoloxía publicada pola editorial viguesa Dos Acordes, especializada en temas musicais e pedagóxicos. Un referente para interesados na música galega onde se recollen artigos de investigación de musicoloxía.
Na 1ª conversa aberta serán dúas personaxes claves na evolución do folque galego: Uxía Senlle e Emilio Cao conversando da súa traxectoria vital e artística.  Falarán entre eles e coas persoas que atendan este acto extraordinario que vai xuntar en Compostela a dous profesionais que representan a tradición contemporánea e proxectan a música de Galiza internacionalmente desde hai máis de 25 anos.

Etno-folk, revista galega de etnomusicoloxía –

Naceu en 2005 coa idea de proporcionar a tódalas persoas interesadas polos aspectos etnomusicolóxicos, unha plataforma onde puideran publicar os seus traballos, coñecer as líñas de investigación abertas, intercambiar información… sempre baixo o criterio da publicación, que é, ante todo, musical, etnolóxico e investigador.
Etno-folk é xa unha publicación consolidada con once números no mercado e tres edicións anuais, cunha extensión aproximada de 200 páxinas por exemplar.

Uxía –

Uxía, con máis de vinte anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional.
Desde o seu debut con Foliada de Marzo en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes.
Integrante do grupo “Na lúa” ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario e publica Entre cidades. No 1995, Estou Vivindo no ceo, disco que afianza a súa proxección internacional. No 2000, Danza das areas, representa un punto de inflexión na súa traxectoria con composicións propias e sons máis contemporáneos. No 2008 sacou o seu novo disco,  Eterno Navegar, no que percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos.
É a directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario se transforma nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, etc.

uxia_senlle

Emilio Cao –

Unha figura clave no folque galego que gravou o seu primeiro disco, Fonte do Araño, no ano 1977, o primeiro da chamada música celta en Galiza salientando a recuperación da arpa como instrumento dentro da música folque do seu país (existen evidencias do seu uso na Idade Media).
Iniciou naquela época a súa amizade coa arpista galesa Elsie Thomas de Swansea, e co tamén arpista bretón Alan Stivell. Durante toda a súa carreira mantivo unha longa relación con músicos e cantantes portugueses (Fausto, José Afonso, Carlos Paredes, Mafalda Veiga…).
A importancia da poesía no traballo de Emilio Cao queda ben patente en toda a súa discografía. Xunto a colaboracións con poetas galegos contemporáneos tan significativos como Uxío Novoneyra, Suso de Toro, Anxo Ballesteros…, a súa obra inclúe tamén a clásicos como Rosalía de Castro ou Manoel Antonio.
A partir de 1983, e alternado coa gravación dos seus discos, compón innumerabeis bandas sonoras para teatro, audiovisuais e danza contemporánea.

Comentarios

1. Andrea - 6 de Novembro, 2008

Ola! Quería saber se pode ir quen queira, ainda que non leves moito nisto jeje,chauu!

2. Folque - 7 de Novembro, 2008

por suposto,
isto é aberto a calquera persoa interesada.