jump to navigation

2ª conversa aberta na EAEM

20 de Novembro 2008 - Enviado por Folque a: Novas
Trackback

aCentral Folque está a argallar unha serie de mesas redondas baixo a denominación “conversas abertas” na que varios ponentes relacionados co mundo da música falarán sobre diferentes aspectos da realidade artística galega: difusión cultural a nivel internacional e comercial; novas tendencias a explorar; experiencias artísticas de profesionais en activo. Músicos, produtores, comunicadores,… participarán dun xeito distendido e aberto os sábados á tarde na sé educativa de aCentral Folque no parque de Vista Alegre.

Para esta 2ª conversa aberta o tema escollido é “Camiños musicais por transitar”

Será este sábado 22 de novembro ás 19.30 h no Auditorio Escola Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela.

2conversaberta

Esta será unha conversa distendida na que se pretende debater sobre tendencias contemporáneas da música na actualidade. Ponentes de diferentes eidos musicais conversarán desde o seu punto de vista sobre novos roteiros, estilos, filosofías…a explorar na linguaxe musical.

Esta conversa pretende reunir na mesma mesa catro puntos de vista complementarios desde prácticas profesionais distintas. Ugia Pedreira coma cantora da nova corrente da música popular urbana e directora de aCentral Folque; Xacobe Martínez coma un novo valor consolidado do jazz galego; Pablo Sax, un veterano músico que leva explorado unha morea de estilos desde o blues até a improvisación libre; Noel Feáns coma un novo creador e produtor musical do pop e a electrónica en Galiza.

Está orientado a calquera persoa interesada nas novas correntes musicais e filosóficas que agroman e no futuro da linguaxe musical coma expresión artística individual e colectiva.

Biografías dos ponentes –

Noel Feáns

Noel Feáns é un compostelán moi activo, músico desde moi novo e un dos pioneiros da música electrónica en Galiza e en galego coma o combo de finais dos 90 Fusquenlha.  Actualmente é a metade do proxecto musical Fanny+Alexander, un dos mellores representantes do novo pop galego; responsábel do netlabel A Regueifa, unha plataforma sen ánimo de lucro para a difusión libre de creacións artísticas. Tamén é o coordinador da revista on-line de música galega Sono-Tone, referencia

Xacobe Martínez Antelo

Xacobe Martínez é músico e compositor e un dos grandes intérpretes do contrabaixo en Galiza. Unha referencia no jazz que se fai no país en bandas tan carismáticas coma Sumrrá, Marcelino Galán Quartet, FAT, Imaxina Jazz Orquestra S.O.S. Trio ou membro de proxectos coma Marful, Ú-lo Trio, Clan Moriarti ou Victor Aneiros Blues Band. Ademais de facer música para teatro e dar aulas na escola Estudio.

Pablo Sax

Pablo Sax, cidadán do mundo e pacifista, músico polifacético, inconformista, autodidacta e autocrítico cunha longa experiencia de máis de vinte anos tocando o saxofón. Comeza no 1986 a súa andaina, toca nas rúas de Compostela durante 6 anos e forma parte de bandas coma Morgana (jazz rock), Paranojazz e proxectos colectivos de blues.  Actualmente mergullado na linguaxe da improvisación libre no dúo 2M8 co baterista LAR Legido e na Orquestra de Música Espontánea de Galicia OMEGa.

Ugia Pedreira

Ugia Pedreira é directora de aCentral Folque e colaboradora da Radio Galega no programa “Tres peixes voando”. Ela é unha das voces mais transgresoras e eclécticas do panorama musical galego cunha andaina de varios anos e tres discos editados con Chouteira e actualmente con Nordestin@s e Marful co revival da música popular de autor.

Comentarios

Comentarios fechados