3ª conversa aberta na EAEM: Internacionalización da música galega + bOnOvO
26 de Novembro 2008 - Enviado por Folque a: NovasTrackback
Será este sábado 29 de novembro ás. 19.30 h. Auditorio Escola Altos Estudos Musicais. Santiago
Falarán
• Vitor Belho
• Olga Nogueira
• Sergio Lago
• X. L. Romero
E Óscar Fernández na presentación do disco de bOnOvO.
aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, organiza unha serie de mesas redondas baixo a denominación “conversas abertas” na que varios ponentes relacionados co mundo da música falarán sobre diferentes aspectos da realidade artística galega: difusión cultural a nivel internacional e comercial; novas tendencias a explorar; experiencias artísticas de profesionais en activo. Músicos, produtores, comunicadores,… participarán dun xeito distendido e aberto os sábados á tarde na sé educativa de aCentral Folque no parque de Vista Alegre.
Ademais falará Óscar Fernández sobre o traballo discográfico que veu a luz no 2008 do trio do que forma parte en Bonovo, explorando novas posibilidades do folque electroacústico.
Para pechar o ciclo se pretende debater sobre tendencias actuais da música que se fai en Galiza e das súas posibilidades para exportala como produto cultural e comercial. Ponentes de diferentes eidos conversarán desde o seu punto de vista sobre novos camiños que promocionen a música feita desde aquí e para alí. Está orientado a calquera persoa interesada na promoción de eventos, expectativas de exteriorización, management cultural e amantes da música feita en Galiza.
Olga Nogueira representa ao departamento da Xunta e a GalicianTunes, organismo público encargado da promoción internacional do mercado musical galego en feiras coma o Womex ou o Poppkomm.
Sergio Lago, como responsábel do selo discográfico Falcatruada, unha iniciativa que desde o 2003 serve de plataforma para grupos emerxentes con coidados deseños editoriais sacando traballos de bandas coma Lizgairo, Loretta Martin, Sevigny, Narf…
Xosé Lois Romero, compositor e arranxista de grande carisma formou parte de grupos tradicionais de referencia coma Luvas Verdes e agora co trio Vaamonde, Lamas & Romero acaba de publicar Vellas Artes. Ademais é director musical da Nova Galega de Danza.
Vítor Belho é unha das persoas que leva máis tempo na produción das novas músicas en Galiza. Director artístico, xestor cultural, asesor musical… en empresas coma Nordesía, E-burbulla ou a Casa das Crechas.
BonOvO é un trio de recente creación con vellos coñecidos da música galega: Pulpiño Viascón, Roberto Grandal e Óscar Fernández. Propoñen unha música fresca baseada na sonoridade electroacústica da sanfona, o acordeón e a batería electrónica con composicións propias e algún tema tradicional. Música de forte pegada e moi bailábel.
Está orientado a calquera persoa interesada nas novas correntes musicais e filosóficas que agroman e no futuro da linguaxe musical coma expresión artística individual e colectiva.
Comentarios
Un mercado que pode dar moitos froitos pra música galega é Catalunya. A presencia galega é moi importante e pode ser moi influyente. Actualmente dous das tres universidades mais importantes de Catalunya co apoio da plataforma cultural Rede.cat, do Centro Galego de Barcelona e das institucións públicas galega e catalana están organizando conferencias culturais e concertos, mais eu estou intentando que a miña universidade tamén se involucre. Niste sentido necesito ter padriños e o apoio dos artistas galegos pode ser fundamental. Eu son de Badalona, criado aquí en Catalunya con familia por parte do meu pai galega e aprendín galego grazas a música galega, sen que nadie me dixera que o aprendera, por iso non o escribo moi ben, e penso que o que importa e intentalo. Gustaríame poder colaborar cos músicos galegos dende aquí, por miña parte sempre que poido falo da nosa música, da nosa cultura e hai xente que está pedindome cando habrán actuacións aquí e onde poden atopar os discos dos grupos, ainda tamén que me piden que lles traduzca o significado dalgunas cancións. O obxetivo aquí e conseguir que as tendas de música e as distribuidoras crean no mercado catalán e que a xente conozca a nosa música. Cómo? Facendo publicidade, moita publicidade e aumentando a súa presencia nos medios de comunicación do país.