jump to navigation

Cultur.gal 2008

5 de Decembro 2008 - Enviado por Folque a: Novas
Trackback
cultur

A Feira Galega das Industrias Culturais, o Cultur.gal, abriu o xoves as súas portas no Palexco da Coruña cunha notable afluencia  coa visita de escolares e de profesionais do sector cultural que participaron nas xornadas.

Diferentes e numerosas actividades ao longo da primeira xornada: obradoiros, concertos, presentacións, lecturas, proxeccións,… en ámbitos do libro, o disco, o escenario, a comunicación,…

En canto ás II Xornadas da Industria Musical comezou coa ponencia de Mark Kittcatt acompañado de Sergio Lago de Falcatruada ante un abondoso auditorio sobre o secor independiente e os dereitos de autor aos que se lle sumaron para a segunda quenda Jemina Cano, Marcos Collantes e Keina García para falar de distintos modelos de empresas discográficas independentes.

Pola tarde celebráronse os showcases, intervencións musicais curtas -30 min.- onde os grupos presentan o seu proxecto de xeito condensado como mostra do seu traballo. Faltaron algunhas bandas que estaban anunciadas no programa.

Puidose ver Escoitar, obra que mistura danza, gravacións de campo, procesamento electrónico e improvisación libre argallada por SinsalAudio; Pai da Cana, a veterana murga de novos intérpretes que acaba de sacar disco; Sevigny nun folk -enténdase no sentido anglosaxón- pulcro, repousado e melancólico; Trio Vaamonde, Lamas & Romero presentando o seu novo CD.

Mira o video da entrevista ao Trio Vaamonde, Lamas & Romero na presentación do seu CD Vellas Artes aquí:
Estes showcases son un modelo de promoción que funciona como escaparate musical para os programadores e xestores aínda que na xornada de onte non foron tal ao non aparecer este sector profesional pola sala de concertos.

As xornadas continuan hoxe coas ponencias sobre Proxectos de colaboración entre asociacións e empresas, Vertebración do sector musical coas intervencións, entre outros, de Andy Ramos, Vitor Santana e Rui Mota.

Lembrar tamén a celebración do Music.gal mañá sábado, un espectáculo musical e multidisciplinar con Dios ke te crew, Marful, O Sonoro Maxín, Projecto Mourente, The Homens, Proxecto Zocas, Chévere e moitos máis.

Ata o domingo, o Cultur.gal ofrecerá a posibilidade de coñecer e mercar produtos culturais galegos e gozar das máis de 170 horas de actividades programadas. Ao longo destes catro días, o público poderá adquirir libros, discos, DVDs, cómics, álbumes ilustrados e outros produtos con desconto en moitos dos 75 stands cos que contan as empresas participantes na feira.

No acto de inauguración, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, definiu esta cita como “un lugar de encontro, de diálogo e de participación dos sectores culturais e do público, un espazo de cohesión e vertebración para construír a cultura galega”. O Cultur.gal constitúe unha “gran mostra da cultura galega, entendida como unha realidade viva, dinámica e vigorosa”, pero tamén “unha grande central de negocios”, segundo destacou o director xeral.

Esperemos que así sexa.

Comentarios

Comentarios fechados