Dúo Fdz. & Quintá en concerto
25 de Maio 2009 - Enviado por Folque a: aCF Recomenda,Concertos,NovasTrackback
Fernández & Quintá retoman o ciclo “ARTeria Raíz” nun concerto a dúo de acordeón diatónico e zanfona, actuación que fora adiada desde o pasado marzo.
O concerto terá lugar en ARTeria Noroeste no parque de Vista Alegre, organizado coa colaboración de aCentral Folque, o martes 26 de maio, ás 21 horas, cun prezo básico de 5 euros.
O dúo Fernández & Quintá representa dúas xeracións de músicos da terra: o zanfonista Óscar Fernández, compoñente e arranxista dos desaparecidos Cempés, talento orixinario de San Sadurniño; e Carlos Quintá, quen, dende Lalín, é un dos actuais expoñentes do acordeón diatónico aplicado á música folque.
Xuntos reinterpretan músicas tradicionais, principalmente do repertorio instrumental galego, e tamén contribúen a este patrimonio con composicións orixinais e temas adaptados doutras culturas europeas.
Os seus instrumentos, a zanfona e o acordeón diatónico, experimentan un auxe renovado entre as formacións de música autóctona. O acordeón pon a harmonía, os baixos e o dinamismo; a zanfona é a calidez das cordas frotadas maila percusión do bordón rítmico. En resumo, unha orquestra completa con só dous músicos.
Comentarios
Comentarios fechados